Opinión

Mandádeme máis Alfonsos!

Moitas veces teño pensado no cambio que aconteceu na miña bisbarra natal de Guitiriz e en toda a chaira desde que chegou a ela o noso bergantiñán amigo Alfonso. Despois de baixarse na estación do tren, onde o recibiu o malogrado Vito Felpeto, empezou a transformar as raíces e cañotos que tiñamos daquela en xermolos de amencer que sementou e frutificaron por toda Galiza.

Moitas veces teño pensado no cambio que aconteceu na miña bisbarra natal de Guitiriz e en toda a chaira desde que chegou a ela o noso bergantiñán amigo Alfonso. Despois de baixarse na estación do tren, onde o recibiu o malogrado Vito Felpeto, empezou a transformar as raíces e cañotos que tiñamos daquela en xermolos de amencer que sementou e frutificaron por toda Galiza.

A pesar de vir de fora, e o seu Bergantiños natal ser tan diferente das gándaras guitiricenses adaptouse perfectamente a elas e incluso nos ensinou a apreciar e darlle valor ao noso, ao que tiñamos diante dos fociños pero que nunca reparáramos na súa valía, na súa importancia para a nosa cultura e que formaban parte das nosas vidas.

"Fixo que os veciños nos coñecéramos mellor entre nós, que soubéramos apreciar as virtudes de cada un, deixando de lado a mesquindade de fixarse soamente nos defectos dos demais".

Fixo que os veciños nos coñecéramos mellor entre nós, que soubéramos apreciar as virtudes de cada un, deixando de lado a mesquindade de fixarse soamente nos defectos dos demais. Así foi como quixo coñecer persoalmente a Xosé María Díaz Castro, autor do poemario Nimbos que el xa coñecera no seminario de Salamanca cando lle daba clases Francisco Carballo, para presentárnolo aos seus propios veciños que non sabíamos nada del por atoparse en Madrid e moi poucos coñecíamos a súa poesía.

O seu franciscanismo humanista faille apreciar as cousas pequenas por moi insignificantes que sexan, como tamén facía o poeta vilarego. Debémoslle moito a este crego, pois ensinounos a amar a rica variante dialectal da nosa comarca, fixo asembleas nas parroquias para facer pistas e levar o teléfono as aldeas, dinamizou a xuventude arredor da biblioteca de Xermolos para levar a cabo actividades culturais e facer o Festival de Pardiñas, pero, sobre todo, mobilizou e organizou aos veciños na loita e que os bidóns do “Casón” non quedaran no campamento de Santa Cruz de Parga, dándonos unha mostra de que o pobo organizado pode gañar moitas batallas por moi superior que sexa o inimigo e aínda que esas vitorias sexan impensables a primeira vista.

"Debémoslle moito a este crego, pois ensinounos a amar a rica variante dialectal da nosa comarca, fixo asembleas nas parroquias para facer pistas e levar o teléfono as aldeas, dinamizou a xuventude arredor da biblioteca de Xermolos..."

Hoxe para nós é un veciño imprescindible ao que todos queremos e apreciamos nesta bisbarra na que botou raiceiras moi fondas, xa que non soamente cumpre coa eucaristía cristián en varias parroquias do concello, senón que di que a súa misión como cura é tamén curar as doenzas das persoas mais vulnerables da sociedade, as que esa sociedade quere abandonar, aínda que para elo teña que expoñer a súa saúde como fixo nesta ocasión porque el non ten nada seu e o pouco que ten sempre o pon a disposición dos demais, de toda a colectividade.

Relixión aparte; quixera moitos mais curas como Alfonso que é capaz de poñer en risco a súa vida polos feligreses, pois di que tamén Xesucristo andaba entre os leprosos; quixera mais baluros como Xosé Manuel Carballo Ferreiro que puxo a Don Otto a camiñar pola chaira; mais cregos como Xaquín Campos Freire, de Roca, que axuda aos presos e xa sendo neno emocionou a un “toliño da guerra” ao dicirlle que era unha boa persoa e mais pastores como Xosé Lois Rodríguez Patiño que funda Universidades Senior a Distancia para que os maiores poidamos aprender. Nosoutros, os veciños da chaira, temos o privilexio de contar coa amistade e bonhomía de todos eles, pero penso como medraría a nosa autoestima individual e colectiva si tivéramos moitos mais así espallados por toda Galiza.

Moitas grazas a estes cregos de verdade, que Alfonso se recupere totalmente o antes posible e como dicía un profesor seu no Seminario de Salamanca: Mandádeme mais Alfonsos!

Comentarios