Opinión

Carta aberta ao presidente Nuñez Feixóo

Señor presidente: son un galego que tiven que emigrar moi novo para Euskal Herria


Señor presidente:

Son un galego que tiven que emigrar moi novo para Euskal Herria, ao igual que o fan agora tantos rapaces despois de prepararse co esforzo e os cartos de todos os galegos para ir criar riqueza noutros países mais desenrolados porque baixo o seu mandato Galiza é unha nación sen futuro. Din vostedes que hai que recortar gastos sociais para rematar co déficit público pero durante o seu mandato a débeda pública subiu un 105%, polo que agora cada galego debe 3.738 euros na vez dos 1.756 que debía cando colleu o cargo de presidente de mans do bipartito, pero aínda segue vostede privatizando servizos públicos que logo saen moito mais caros e proporcionan peores servizos a sociedade, como se pode comprobar no novo hospital de Vigo.

Digo isto por desgraza para min ao ter que utilizar os seus servizos sanitarios e ser vítima do seu fanatismo “aforrador”. O día 5 de xullo tiven que ingresar no Lucus Augusti onde puiden comprobar a profesionalidade e o bo facer de todos os traballadores e traballadoras do hospital, aos que desde aquí quero dar as grazas, aínda que o seu labor víase condicionado polas instalacións que se atopaban pechadas, tendo que facer malabarismos para adecuar os enfermos o mais acorde coas súas necesidades.

Cando me deron a alta citáronme para pasar a primeira revisión o día 9 de outubro, tres meses máis tarde debido á falta de persoal médico, polo que tiven que quedarme en Galiza mais tempo do que tiña pensado; pero aí non remata o mal funcionamento do SERGAS, xa que o día anterior, ás 17,09 horas, chámanme do Lucus Augusti para anular a cita, porque seica ese día non estaba a doutora Rodríguez, e dándome unha nova para o día 27 do mesmo mes. Non serviu de nada dicirlle á comunicante que eu non tiña predilección por ningunha doutora ou doutor, xa que confiaba na profesionalidade de calquera deles e que non podía permanecer mais tempo en Galiza, pero o problema era que non había substituta ou substituto e tívenme que vir ao día seguinte para a patria de Aitor, onde onde xa me atenderon o día 30 de outubro. Vinte días de espera en Osakidetza e tres meses e medio no SERGAS.

Señor presidente, aínda que economicamente andemos mal, hai que elixir entre a bolsa ou a vida e teremos que empeñarnos por culpa da súa irresponsabilidade

O grave do tema é que este caso non é puntual, xa que ao parecer é norma habitual na sanidade pública galega como si vostede o fixera a propósito para mandalos á privada dos seus amores, pois sei de casos nos que lles daban cita para o traumatólogo para dentro dun ano e ao paciente non lle queda mais remedio que aguantar a dor ou solucionar o problema acudindo á privada, porque cando se trata da nosa saúde, señor presidente, aínda que economicamente andemos mal, hai que elixir entre a bolsa ou a vida e teremos que empeñarnos por culpa da súa irresponsabilidade e non dos cidadáns que se manifestaron en Vigo pola privatización e os traslados ao Álvaro Cunqueiro onde obrigou aos doentes a convivir contra as ratas coma na poesía de Luís Seoane e ducharse coas augas fecais que caían do piso superior como puidemos ver na televisión.

Pero estes non son casos que se dan en dous ou tres puntos concretos da nosa xeografía, xa que o problema é xeral en toda Galiza, pois aínda o pasado 21 de outubro un paciente deixaba escrito textualmente no libro de reclamacións do Ambulatorio de Guitiriz a seguinte queixa:

Levo unhas semanas intentando que me atendan.
1º- O teléfono de citas funciona incorrectamente. 
2º- A páxina web do SERGAS dá erro e non se pode pedir cita. 
3º- Guitiriz hoxe 21 de outubro soamente ten un médico e non se cobren as baixas, polo que a poboación do concello non ten cuberto o servizo de médicos adecuado. Tampouco hai enfermeiros, esto pedindo cita anteriormente.

E así levamos un mes, non creo que sexan casualidades. Hai moitos médicos que seguro que poden cubrir as prazas.

Para rematar, prégolle, con todos os respectos, que cumpra co seu cometido de gobernar para os cidadáns sen mirar para as arcas do partido nin pensar na futura porta xiratoria quer lle poidan ofrecer o día de maña os seus amigos das empresas privadas da sanidade, da educación e doutras materias, pois é un acto temerario e criminal deixar estes temas nas avarentas mans deses empresarios. Despois non intente botarlle a culpa á oposición e moito menos ao bipartito, que xa tivo que apandar con moitas culpas do seu desgoberno.

Comentarios