Opinión

“Dúas liñas”

Repasando hoxe un dos meus vellos libros de texto, chamou a miña atención un apartado titulado “Literatura Realista”. Dentro desta corrente, destacábanse tres grandes autores: Pérez Galdós, Clarín e Pardo Bazán. Os dous primeiros tiñan dedicada máis dunha páxina a cada un; o último, apenas dúas liñas, escritas ao final do apartado; coma quen di, engadidas ás présas.

Abraiada ante esta distinción, decidín fixarme mellor. O primeiro que lin foron os nomes dos autores destacados. Benito, Leopoldo, e Emilia.
Aí estaba, pois, o motivo da miña sorpresa; o terceiro autor era unha muller, e por iso se lle dedicaba no libro un espazo tan limitado, case coma se os editores non se decidisen de todo a engadila na súa explicación.

Indagando algo máis sobre o asunto, descubrín que, na práctica, Emilia Pardo Bazán foi unha escritora tan importante coma calquera dos outros dous, autora de numerosas obras e iniciadora incluso dunha nova corrente derivada da anterior, o naturalismo. Por tanto, a súa figura nada tiña que envexar ás outras dúas. Por que, entón, no meu libro se lle dedicaba un espazo tan breve? Por que se empregaban só dúas míseras liñas para describir a unha escritora de tal calibre?

A resposta a esta cuestión é clara: ser muller fai que os logros sexan menos relevantes, que as descubertas pasen desapercibidas, que se nos entregue sempre a medalla de prata aínda a costa de outorgar a de ouro de xeito inmerecido. É un feito tan claro, unha realidade tan evidente, que resulta case dolorosa e dificíl de asumir.

Ser muller fai que os logros sexan menos relevantes, que as descubertas pasen desapercibidas, que se nos entregue sempre a medalla de prata aínda a costa de outorgar a de ouro de xeito inmerecido

 

Estamos en pleno século XXI. Moitas das cousas que hoxe consideramos cotiás eran completamente impensables hai uns poucos centos de anos. Feitos tales como chegar á lúa, modificar xeneticamente organismos, voar en avión, escribir unha mensaxe aquí e que sexa recibida ao instante no outro extremo do mundo... Milleiros de descubertas e inventos realmente abraiantes, que a humanidade foi acadando ao longo dos séculos. Se somos capaces de lograr todo iso, se somos capaces de facer que unha vaca produza insulina humana ou de enviar foguetes a Marte, como é posible que continuemos aceptando a discriminación feminina coma se se tratase da cousa máis normal do mundo? Como é posible que escoitemos falar continuamente de violencia de xénero, de diferenzas salariais, de prexuízos, de teitos de cristal, e non se nos inche o peito de indignación e nos doa a alma ante tales inxustizas? Como é posible que nos libros de texto, destinados á educación, se lle dedique unha páxina a un autor se é home e dúas liñas se é muller?

O machismo está profundamente arraigado na nosa sociedade. Dende sempre, considerouse que as mulleres eran inferiores, que non tiñan capacidade para a ciencia nin para a política, que a súa única función e utilidade era a de ser nais e amas de casa. Porén, do mesmo xeito que noutros aspectos fomos progresando, igual que hai trescentos anos estaba prohibido falar da evolución das especies, e hoxe é unha realidade aceptada por case a totalidade da poboación, tamén da discriminación feminina debemos ser dunha vez conscientes. Basta de leis inútiles, basta de poñer flores cando unha muller é asasinada pola súa parella, basta de facer calar ós grupos feministas e ás súas reivindicacións. Deixémonos de palabras baleiras, e actuemos. Confiemos na igualdade, convenzámonos de que é posible, comecemos a tratar o machismo como unha barbaridade, en calquera dos seus aspectos, e a ser intolerantes con el. O único modo de acabar con este problema é lograr que a sociedade se posicione contra el, que se convenza á fin de que é unha vergoña e unha inxustiza, nun libro de texto, dedicar a un home unha páxina e a unha muller dúas liñas.

Loitar pola igualdade de xénero é duro, pero é o único camiño para crear un mundo mellor.
 

Comentarios