Opinión

"Espertar ou seguir durmida?"

No conto A bela adormecida recollido por Giambattista Basile en Lo cunto de li cunti overo lo trattenemiento de peccerille (1634), dáse a primeira versión escrita deste clásico que posteriormente adaptarían os irmáns Grimm ou Charles Perrault. Basile recolle no seu libro, que pasou a chamarse a partir de 1674 o Pentamenore, outros contos famosos como Cinsenta ou Rapunzel. E son coñecidos, non tan só porque estes autores os recolleron e os escribiron, senón tamén grazas á tradición oral e á industria do cinema. Que as nosas mozas e nenas xoguen ás princesiñas, débese, sobre todo, ao cinema que se encargou de manter vivos estes contos potenciando as versións patriarcais e fóra de lugar no mundo no que hoxe deberiamos querer vivir.

A princesa é curiosa, explora, quere coñecer o mundo de por si. A curiosidade só lle trae problemas. Ten que vir un príncipe, sempre un príncipe, que encarna todos os tópicos de “beleza” física, porque a súa moral deixa moito que desexar, para salvar a princesa que se nos mostra indefensa e débil, incapaz de salvarse a si mesma.

Mais, hoxe, temos outras versións. Gusto especialmente de Ángela Carter en A cámara escura, traducida por María Raimóndez para o galego. Tamén gusto dun relato de Manuel Núñez Singala en Instrucións para tomar café titulado “E agora que?” e do poemario Penúltimas tendencias de Carlos Negro. En todos hai un intento por rachar co que se considera correcto, co que non nos deixa medrar.

En Dormente achego o conto d´A bela adormecida ao xénero do teatro para darlle a volta, para cuestionar o establecido, nunha idade, a adolescencia, na que nos formamos e precisamos saber que podemos escoller, elixir e facelo por nós mesmas, sen necesidade de ningún príncipe azul que nos veña rescatar. 

Volvo escribir sobre a liberdade de elección, sobre a necesidade de apoio familiar e social cando se toma unha decisión nesta etapa da vida. Así o fixera xa en A formiga fóra do carreiro. Dormente sofre a imposición das cargas familiares, o medo a decepcionar os seus coas súas decisións, o que a fai quedar paralizada, durmida. Súa nai vive obsesionada “co que dirán” e iso non lle permite escoitar os verdadeiros desexos da filla.

Aproveito, tamén, a oportunidade de deixar ver o ridículo que é hoxe en día ser unha princesa ou un príncipe, porque son personaxes doutros tempos, de tempos nos que as mozas non podían elixir e os mozos tiñan que ser “azuis” por forza. E todo, sempre, baixo unha capa de humor, pásoo ben cando a xente se divirte coas miñas historias. Deberiamos rir máis. Déixovos un petisco de Dormente no que Xerlo e Amara, dous detectives, se ven sorprendidos pola aparición no seu despacho dun personaxe anacrónico.
... e entra un señor cunha coroa na cabeza.

REI: Un pracer en coñecelos!

AMARA: E a quen temos nós o pracer de coñecer?

REI: Son o Rei.

XERLO: O Rei?

AMARA: Que Rei?

REI: O Rei, que Rei vou ser, o Rei.

XERLO: E non ten nome?

REI: Teño moitos, mais todo o mundo se puxo de acordo en chamarme Rei ou “Súa maxestade”.

AMARA: A súa?

REI: Non, a súa.

XERLO: A miña?

REI: (Irritado) A de todos vostedes!

XERLO: Hai que ver canta maxestade ten vostede!

Moitos e moitas docentes botáronse a escribir, penso, levados/as pola inquietude de achegarse ao seu alumnado, á problemática do seu alumnado. Porque, ás veces, debaixo dunha metáfora agóchase a resposta que espida resulta máis difícil transmitir. Lembro que Agustín Fernández Paz me dixo que ser escritor e profesor eran dúas realidades necesariamente conectadas para el. Proba diso é o gran legado de literatura infantil e xuvenil que nos deixou. 

O teatro é a miña ferramenta para tentar dar respostas, porque me permite traballar directamente coas alumnas e cos alumnos, xogar, rir e, se fai falla, chorar canda elas e eles. Dormente é teatro, porque o teatro soluciona problemas.

DORMENTE: Vostedes o que teñen que facer é desconfiar de todo o mundo e tentar demostrar que todos, á súa maneira, son culpables do meu estado.

AMARA: Quere que montemos un teatro, facendo ver que todo o mundo puido provocar esta situación.

XERLO: Agora as técnicas teatrais úsanse para todo, están moi valoradas.

Comentarios