Opinión

A Xunta cos incendios dá “paus de cego”

Hai 30 anos que se aplican anualmente Plans específicos de prevención e defensa contra incendios forestais na Galiza -Pladiga-, para uns de dubidoso resultado e para outros de fracaso total. No ano pasado sufrimos 1.666 incendios nos que arderon 6.837 ha, sendo case a metade arboradas. Sorprende que tiveramos 40 grandes incendios (máis de 25 ha cada un) mesmo en Parques Naturais (Xurés...) e que algúns puxeran en perigo vivendas. Á vista dos datos, non parece que ninguén poida falar de éxito e de actuación acertada, a realidade é que a Xunta cos incendios dá “paus de cego” ano tras ano mentres os incendiarios seguen actuando e burlándose abertamente das ridículas medidas da Administración, conseguen os seus obxectivos aínda en momentos de confinamento como sucedeu este ano.

A Xunta, satisfeita cos resultados de anos pasados, segue agora a mesma liña de actuación e actualiza o Pladiga, faino en maio 2020, cando xa tivemos incendios a finais de febreiro, marzo ou abril. Agora intensifica a propaganda e o anuncio de máis medios: avións, helicópteros, forzas do exército, persoal... todo dando prioridade a extinción en vez do realmente importante, que é a prevención.

Os obxectivos do Pladiga 2020 non van na liña de erradicar os incendios, senón minoralos un pouco, como proba o seguinte:

-O obxectivo para o ano 2020 é reducir o número de incendios con respecto da media dos últimos dez anos (media de 548 incendios/ano, pero 1.666 en 2019).

-Manter o número de lumes maiores de 25 ha por debaixo do 2% do total (en 2019 foi de 2,4%).

-Manter a porcentaxe de lumes menores ou iguais a 1 ha por riba de 70% (en 2019 acadou  77,1%).

-Reducir a superficie arborada queimada con respecto aos últimos dez anos (media de 7.502,1 ha), e a superficie queimada por lume (media de 2,4 ha).

-Reducir a superficie queimada total, arborada e mato, con respecto da media dos últimos dez           anos (19.986,6 ha) e a superficie queimada total por lume (media de 6,1 ha).

O Pladiga vai gastar cuantiosos fondos públicos (entre 150-175 millóns cando a madeira que se corta alcanza pouco máis de 300 millóns), sen esixir nada do sector privado, cando son as empresas da madeira, fábricas de celulosa e de taboleiros as maiores beneficiadas do sector. Privilexiar o privado ten recompensa asegurada, pois cando un alto cargo ou conselleiro deixe o goberno pode esperar entrar nos Consellos de Administración dalgunha empresa, como está ocorrendo xa hoxe. Como se xustifica, se non, seguir cun Plan custoso que ano tras ano é un rotundo fracaso ecolóxico, económico e social?.

Un Plan serio e efectivo de loita contra os incendios ten que centrarse na prevención, potenciando:

a) Introdución do pastoreo en liberdade/semiliberdade no monte, con gando ovino, caprino, bovino, equino. Á parte dunha diversificación de usos e aproveitamentos.

b) Cambios das actuais especies pirofíticas de repoboación a outras caducifolias de madeira e froita (cerdeiras, castiñeiros, nogais...) propias galegas, que crean un ambiente húmido menos propenso ao lume, idóneas sempre pero aínda máis nun momento de cambio climático.

c) Limitación e diminución da superficie con especies pirofíticas, como os eucaliptos, ocupan 600.000 ha entre masas puras e mestas e moitas están plantadas ilegalmente en superficie agrícola. Portugal xa paralizou estas plantacións.

e) Normas e leis que deben cumprirse por parte dos propietarios e da mesma Administración, con limpeza -na práctica, non no papel-, coidado e vixilancia do monte arborado durante todo o ano.

 A mala xestión e nefasta política forestal fai que ano tras ano sigamos con incendios e que non teñamos unha industria de segunda transformación da madeira, por iso temos que exportar  80% da madeira serrada, 70% dos taboleiros e chapas e 97-99% da pasta de celulosa que fabrican en Pontevedra, á parte de 10% da madeira que se tala. Onde están as xestións para atraer industrias transformadoras que pechen ciclos no país, para non ter que exportar riqueza?  

En resumo, o Pladiga ignora a ordenación do territorio e non pretende rematar e erradicar os incendios, pois de querelo tiña que actuar doutra forma e poñer o acento –e os fondos económicos– en múltiples e diversos aspectos de prevención que hoxe nin citan. Seguir dando          “paus de cego” é inxustificábel e sempre os dan no lombo do país.

Comentarios