Opinión

O tráfico nas cidades galegas precisa medidas xa  

A contaminación dos automóbiles

A Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que as partícula, un indicador representativo común da contaminación do aire, afectan máis persoas que calquera outro contaminante. Os principais compoñente das partículas (PM) son sulfatos, nitratos, amoníaco, cloruro de sodio, tisne, po de minerais, metais e metais pesados... sendo as partículas grandes de diámetro  10 micras (PM10) problemáticas pero as partículas finas de diámetro inferior a 2,5 micras (PM2,5) son moito mais daniñas para a saúde pois penetran mais ao fondo dos pulmóns, atravesan a barreira pulmonar e entran no sistema sanguíneo distribuíndose polo organismo. A exposición crónica contribúe ao risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares e respiratorias así como o cancro de pulmón.

O tráfico, en particular nas cidades  —tanto ten  que sexan vehículos diésel, gasolina ou eléctricos, todos contaminan— son nas cidades un dos grandes xeradores de partículas (tampouco se pode un esquecer das calefaccións, industrias, centrais térmicas distantes...). Os vehículos particulares, autobuses e outros transportes  queimando combustibles fósiles e rodando —por abrasión dos pneumáticos, desgaste das pastillas dos freos...— emiten partículas moi próximas a nós e  facilitan que as respiremos. As condicións meteorolóxicas e a mala planificación urbanística con rúas estreitas e edificios altos, xunto cunha mala xestión municipal relacionada coa mobilidade, acentúan o problema. Cidades como Madrid, Barcelona, Londres, París, Roma, entre outras, adoptan medidas cos automóbiles, pero case todo o mundo pensa que nós estamos lonxe de situacións como as que nestes lugares se producen. Como non están moi acertados vexamos  datos concretos e actuais relacionado coas partículas:

As cidades galegas e as partículas contaminantes

A Axencia Europea de Medio Ambiente revela que neste mes dende o 8 de xaneiro do 2019 ao día 18, en estacións de medida da contaminación de cidades galegas, estacións clasificadas de tráfico urbano alcánzanse valores que se consideran elevados en determinadas horas do día, vexamos:


Vigo, estación de medida do Areal, chegou o día 10 de xaneiro ás 12 h a  concentracións de 144 microgramos por metro cúbico (ug/m3) en partículas grandes, PM10, e mesmo en máis de 12 ocasións nos once días de estudo superáronse os 50-60 ug/m3. Noutra estación de medida (Lope de Vega), tamén de Vigo, chegaron aos 97 ug/m3 o día 15 ás 21 h  superando en 27 ocasións valores de 50 ug/m3. Pero Vigo non é o único caso, outras cidades sobrepasaron os 50 ug/m3 como A Coruña (60 ug/m3 o día 15 ás 15h), Ferrol (71 ug/m3 o día 11 as 14h.), Lugo (81 ug/m3 e 67 ug/m3 o día 15 ás 20-21h.), Ourense (104 ug/m3 e 98 ug/m3 o día 16), Pontevedra (102 ug/m3 o día 8 ás 19 h), Santiago (67 ug/m3 ). Estes valores poden considerarse problemáticos para a saúde; así  a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que a lexislación vixente é moi permisiva e que para evitar problemas de saúde non se debe pasar dos 20 microgramos/metro cúbico, ug/m3, en media anual e non se deben superar os 50 ug/m3 en 24 h.  

Meteogalicia  (Xunta de Galicia), rexistra tamén valores horarios elevados de Partículas finas, PM2,5, dentro das cidades, no mesmo período de tempo apuntado, Vigo  chega a 74 ug/m3 o día 15, A Coruña 42 ug/m3, Ferrol 37 ug/m3 , Lugo 77 ug/m3 , Ourense 90 ug/m3, Santiago 54 ug/m3, Pontevedra  89 ug/m3.  A OMS propuxo hai tempo —2005—  que  para evitar problemas de saúde non se debería pasar dos 10 microgramos/metro cúbico en media anual e non se deben superar os 25 ug/m3 de media en 24 h. 

A OMS afirma que canto máis baixos sexan os niveis de contaminación do aire, mellor será a saúde cardiovascular e respiratoria da poboación, tanto a longo como a curto prazo, e recomenda que os países con zonas nas que non se cumpren os valores guía de 24 horas tomen medidas inmediatas para alcanzar estes niveis o mais pronto posible. Pero o curioso é que, se ben non cumprimos as Directrices da OMS, posiblemente a maioria das veces se está cumprindo en medias diarias e anuais a moi permisiva lexislación vixente que consinte duplicar os valores da OMS e non protexe a saúde.

Ocorre que en determinadas horas do día  e en todas as cidades  galegas estanse superando valores de contaminación  por partículas  que poden expresar problemas de saúde, contaminación que apunta nas cidades, na maioría dos casos, ao tráfico como causa principal, pero detrás non esquecemos están ou poden estar apoiando esta contaminación as calefaccións no inverno e as emisións industriais moi próximas ás cidades (pensemos, por exemplo, no caso da cidade de Pontevedra, onde, a pesar de medidas de peonalización e control do tráfico, aparece en algunha ocasión altas concentracións de partículas en horas de pouca frecuencia de tráfico como son entre as dez da noite e a unha da maña; pode ter que ver coa proximidade de industrias á urbe como a celulosa ENCE que emite diariamente 134 Kg/ día e 48.800 kg/ano de partículas e o mesmo podemos dicir en A Coruña (REPSOL emite 397 kg/día de partículas e 145.000 Kg/ano...) ou Santiago de Compostela (FINSA emite 296 kg/día de partículas e 108.000 kg/ano 2016...). Cantidades todas elevadas comparadas cos valores de emisión de vehículos que están entre 5 a 30 miligramos/Km recorrido, e non só os diésel, senón os mesmos vehículos modernos con inxección directa de gasolina emiten en frío partículas cada vez máis finas. 

Alternativas
 

Ao longo do día, nas 24 horas a concentración de partículas na atmosfera debe estar por baixo dos valores recomendados pola OMS, pois este organismo xa no 2005 afirmaba: “Non se puido identificar ningún limiar por debaixo do cal non se observen danos na saúde“, polo que os límites das directrices oriéntanse a concentracións de partículas o máis baixas posibles; e os valores  Guía da OMS de 10 ug/m3 e 20 ug/m3 en medias anuais para PM2,5 e PM10 están actualmente en proceso de revisión á baixa con nova publicación prevista para o 2020. 

A OMS coñece que boa parte da poboación europea, incluída a galega, está respirando partículas contaminantes por riba dos niveis recomendados por ela, polo que insiste aos gobernos que rebaixe as concentracións da lexislación vixente, sen moito éxito. Se extrapolamos os cálculos que realiza a OMS para mortes prematuras por contaminación de partículas en Europa, a Galicia corresponderíanlle máis de 2.000 persoas afectadas, exactamente 2.086 mortes prematuras/ano pola contaminación de partículas. Ante a gravidade do problema en Europa e no mundo, a OMS propuxo o ano pasado unha serie de medidas para baixar a contaminación do transporte como: 

-Priorización do transporte  urbano rápido, sendas peonais e de bicicletas nas cidades

-Transporte interurbano de cargas e pasaxeiros por ferrocarril

-Vehículos e  combustibles de baixas emisións e especialmente  combustibles con baixo contido en xofre

Recentemente propuxo tamén unha Campaña de Insuflar Vida (“BreatheLife”) de loita contra a contaminación do aire cuxa finalidade é concienciar acerca da contaminación do aire e promover a adopción de medidas polos gobernos e as persoas.  O  primeiro desafío da iniciativa, denominado «un maratón ao mes», consiste en alentar as persoas a que se comprometan a non utilizar o coche e a usar medios alternativos de transporte para recorrer ao menos a distancia dun maratón (42km) durante un mes.

O  Goberno do PSOE ten un Anteproxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, que espera aprobar pronto, no Artículo 15, apartado 3,  di: "Os municipios de máis de 50.000 habitantes integrarán na planificación de ordenación urbana medidas de mitigación que permitan reducir as emisións derivadas da mobilidade como 

a).- Establecemento de zonas de baixas emisións antes do 2023.
b).- Medidas para facilitar os desprazamentos a pé, en bicicleta ou outros medios de transporte activo.
c).- Medidas para a mellora e uso da rede de transporte públicos
d).- Medidas para electrificación da rede de transporte público e outros combustibles sen emisións de gases de efecto invernadoiro, como biometano.
e).- Medidas para fomentar o uso de medios de transporte eléctrico privados, incluíndo puntos de recarga".

Vale máis tarde que nunca, quizá deberían tomar nota urxente os alcaldes das cidades galegas e a Xunta de Galiza e facer súas as Directrices da OMS e medidas arriba propostas e implementalas ou propoñer outras propias —autobuses urbanos a gas ou eléctricos, transportes ferroviario de cercanías, potenciamento do transporte marítimo e de rias .... — non se pode esperar, a saúde nas cidades e o medio ambiente en xeral non consinten perder o tempo. O 2023 queda lonxe.   

Comentarios