Opinión

Querémolos vivos

A Xunta de Galicia ante as reiteradas denuncias públicas realizadas sobre a contaminación no río Eume, o día 13 de outubro, quixo comprobar se era certa a turbidez e contaminación das augas e ver as medidas anticontaminación para protexer a poboación. A visita da conselleira de Medio Ambiente servía para definir a situación como “inaceptábel” e afirmaba que se “depurarían responsabilidades”. Un expediente co obxecto de “analizar e esclarecer a orixe da contaminación” era todo, mentres aseguraba que a orixe do problema apuntaba á explotación do encoro en mans de Endesa. Ao día seguinte a Xunta declara  “situación de emerxencia”, e mantén a prohibición do consumo de auga da billa en Pontedeume, que se abastece dende o día 10 con auga embotellada.

Este non é un feito illado, as noticias sobre o Eume son recorrentes (ano 2009, 2010, 14...), a contaminación, degradación, vertidos “crónicos” son continuos no Eume e en moitos ríos e á parte teñen  vertidos puntuais agudos e graves. Se o Eume está así e pertence a un Parque Natural, poden imaxinar como estarán outros ríos? Os concellos, e en xeral a Administración, miran para outros lado até que transcenden con casos como o que aquí apuntamos ou até que o voluntariado ambiental e as asociacións de defensa da natureza, —64 entidades e 88O voluntarias/os que suplen o papel da Administración— o poñen en evidencia: en setembro 2020 retiraron 14 toneladas de lixo dos ríos.

A propia Augas de Galicia no Plan hidrolóxico Galicia-Costa 2015-2021 afirmaba que o 21% das masas superficiais naturais de auga tiñan un estado ecolóxico entre moderado, deficiente ou malo e detectaba 28 especies exóticas invasoras (plantas vasculares, invertebrados, peixes...) pero aínda así o Plan destina cantidades ridículas para restauración fluvial, só 6,8 millóns de euros dun total de 654 millóns que van a outros 11 apartados. Para o ano 2020 son 1,13 millóns destinados a restauración e 202.502 euros corresponden a conservación e mellora da estrutura e funcionamento dos ecosistemas acuáticos, cando os custes totais do Plan hidrolóxico son 112,8 millóns .

O abandono e desinterese xeneralizado dos ríos, antes ricos en recursos vivos, contrasta coa preocupación que teñen concellos e organismos públicos na creación de pequenas rutas fluviais e sendeiros nas zonas urbanas con fins turísticos sempre en áreas moi concretas e restrinxidas e con obras que ás veces fan desaparecer zonas periglaciais de interese ecolóxico. Os proxectos son curtos, non superan a decena de quilómetros e na maioría dos casos son de centenares de metros, iso si a Administración góstalle empregar grandes cartaces anunciándoos e madeira nórdica nos paseos, nunca madeira galega (Galiza é o noveno produtor de madeira da UE), e góstalle gastar ou xustificar gastos de decenas ou centos de miles de euros con fondos propios  ou de organismos europeos.

Por se o anterior non chegase, a Administración tampouco cumpre a lexislación sobre zonas de servidume de paso. Os cursos fluviais están suxeitos en toda a sua extensión lonxitudinal a unha zona de servidume de cinco metros de anchura coa finalidade de uso público (peonil, protección do ecosistema, vixilancia, conservación, salvamento...) pero esta zona está maioritariamente intransitábel ou con impedimento de paso.

O curioso é que os organismos públicos teñen nos ríos unha fonte de recadación. A Valedora do Pobo, o Concello e a empresa concesionaria de augas de Ferrol teñen sobre a mesa unha denuncia e queixa colectiva por cobro “abusivo” da taxa da auga. Segundo a Plataforma de veciños, a depuradora de augas EDAR-Ferrol, cobrou un imposto sobre saneamento durante 31 meses sen que estivese prestando servizo, nada menos que 7,12 millóns en concepto de taxa de depuración e mesmo manifestan que non se cobra por consumo real senón por mínimo o que prexudica e discrimina a vivendas que teñen unha/dúas persoas, beneficiándose as empresas concesionarias.

Comentarios