Opinión

Potencia eólica, Megawatios para exportar

No Estado español  a primeira comunidade autónoma con maior dependencia eléctrica é Madrid que xera menos do 5% da electricidade que consume e séguenlle en dependencia a Comunidade Valenciana, Pais Vasco, Cantabria que precisa do exterior o 30-50% da electricidade e a continuación algo menos dependentes son Cataluña,  Andalucía... Polo contrario Galicia xunto con Estremadura, Castilla-León, Castilla-La Mancha, Asturias, Aragón.. son  grandes produtoras e excedentarias  de electricidade – ver Cadro I-.

Considerando que o transporte eléctrico –hoxe con 42.045 Km de lineas aéreas- ten perdas que poden alcanzar entre o 8-10% – o Banco Mundial  daba no ano 2014  perdas de distribución en España do 10% mentres en Franza eran so 6%, Alemaña 4%...-, chama a atención que dende o Goberno ou as Comunidades nos se leven a cabo Plans  para modificar a situación xa que as empresas non fan nada por diminuír  perdas. Trataríase de buscar aforro e eficiencia, en especial nun momento de transición enerxética cando se vai a un cambio de modelo  sustiuindo a curto ou medio prazo o carbón e as nucleares por enerxía renovable  e en particular por eólica ou solar. Quizá esta perda de electricidade  no transporte  (9,7% no 2017) sexa algo insignificante para as grandes empresas eléctricas, mesmo depreciábel, pero a sua contía  en Mw é un despilfarro inxustificábel propio doutros tempos e que pagamos os usuarios. 

Na actualidade profundízase no erro e séguese intensificando a produción en zonas onde non se pode consumir, cando pode instalarse nova potencia eléctrica - si o caso o requirise- en zonas próximas ou moi próximas a demanda aforrando as notables perdas de transporte.  Vexamos a situación enerxética no caso de Galicia.

Potencia. Temos unha potencia eléctrica de 11.098 Mw (10,6% do Estado), e dela 3.423 Mw son de potencia eólica  -162 parques- que representa o 14,5 % do total de potencia eólica do Estado. Mentres no Estado Español a potencia eólica representa o 22% do total, en Galicia  representa o 31% (case a terceira parte)  e estamos a cabeza de Europa con esta xeración, superados so por Dinamarca co 34%, Alemaña e Irlanda  so chegan ao 24% do total, Portugal 26%,  Suecia 15%, Franza  8%, Gran Bretaña 14%, Italia 7%, Grecia 10%...  Máis do 60% da potencia eólica galega está  en maos catro grandes multinacionais : Iberdrola, participadas por fondos estatais de países de Oriente Medio,  Endesa-Enel Green Power, multinacional italiana,  Naturgy -antes GNF EuroventoFenosa-, con sede operativa en Barcelona e sede social en Madrid e Acciona, multinacional española. O “vento galego” non é para beneficio galego salvo excepcións.

Produción Xeramos anualmente  da orde de 27-33.000 Gwh cando a demanda galega non chega a 20.000 Gwh  quere dicir que máis da terceira parte da electricidade non se utiliza e sae de Galicia – ver Cadro I-. A xeración eólica está entre 7 e 9.500 Gwh/ano depende dos anos,  no 2018 xeraron 8.374 Gwh que representan o  42,1% da demanda eléctrica  galega e o 16,9% de toda a produción eólica do Estado.

Pero non é suficiente alguén esixe máis de Galicia, o negocio  non pode parar. En decembro  do 2017 o Presidente da Xunta anunciaba  a tramitación de 18 novos parques eólicos cunha potencia de 409 MW,  proxectos que terían que rematarse a 31 de decembro do 2019.  As empresas interesadas eran  daquela Gas Natural Fenosa con 186,9 MW - hoxe Naturgy-,   Endesa Enel Green  Power  con 92 MW,  Norvento 116,6 Mw  e Inverolica de Abella 14 Mw (grupo Invertaresa en concurso de acredores no 2018 ).

  No ano 2018 a potencia eólica en Galicia aumenta 68 MW da man de EDP (Energias de Portugal SA) e o seu parque de 34 turbinas en Muxía. Nese ano estaban 3.800 Mw en estado de autorización, tramitación  ou nova solicitude. Antes de que finalice o 2019 , aumentará a potencia eólica instalada nun 15%, a Asociación  Empresarial Eólica (AEE)  prevé que se instalaran no territorio galego un total de 23 novos parques con 500 Mw de potencia, a maioría na provincia de Lugo,  conseguindo asi alcanzar unha potencia total de 4.000 MW en 184 parques con 4.100 aeroxeradores eólicos. Dentro de 10 anos a potencia esperan que sexa de 10.000 MW operativos que representarían a quinta parte do que proxectan no Estado, todo baixo o amparo  e facilidades dadas aos proxectos eólicos que son cualificados de  “interese especial” na popularmente coñecida como “Lei de depredación de Galicia “ (Lei de fomento de iniciativas empresariais da Xunta)

A antiga instalación de parques eólicos nos anos 90 en Galicia fora criticada por moi  diversos aspectos en particular por consentir a Xunta  a localización de aeroxeradores e parques en zonas protexidas, xa no ano 2009 cunha potencia  eólica instalada de 3.173,7 Mw, asentábanse 53 parques con 1.247,3 MW  (39% da potencia ) en zonas de Rede Natura 2000 (zonas protexidas a escala da Unión Europea co obxecto de salvagardar os espazos naturais mais importantes), danando ecosistemas da Serra do Xistral, Cando,  Careón, Monte Faro, Candán, Ortigueira, Costa da Morte... por citar so algúns lugares . 

Pero os parques tamén supuxeron no resto do país: alteración da paisaxe, problemática para as aves migratorias,  ruído dos aeroxeradores, destrución de  xacementos xeolóxicos e arqueolóxicos, trazado novo e inapropiado das  liñas de alta tensión e das  novas pistas e estradas nos montes, modelo  inapropiado de enerxía centralizada, produción eléctrica para a exportación, ridículos beneficios económicos para os propietarios e expropiacións e grandes beneficios para as multinacionais... agora aos novos parques  poden presentarse case as mesmas críticas e incluso outras novas, parece que  ao Goberno autonómico e as eléctricas están no fondo de acordo e non lles importa moito  a rapina e as desfeitas das eléctricas, vexamos:

Fai pouco  un colectivo de propietarios afectados por parques eólicos (Ventonoso ) afirmaban nun medio dixital  que as empresas eléctricas ofrecen contratos de alugamento dos terreos  que representan menos do 1% anual dos ingresos eléctricos e  están practicando un espolio do rural que foi facilitado pola Xunta. Mentres -din- en países como Dinamarca ou Alemaña fomentaron a participación de axentes locais por vía cooperativa de propietarios de terras  aquí optouse por beneficiar aos monopolios. Afirmaban que a única empresa que pagou  contratos co 2,7% dos ingresos foi a multinacional portuguesa EDP  (a maioría na última década  pagaban  1,2 ou 1,3% dos ingresos brutos).

 Tamén se queixan de que os afectados polos parques agora  teñen que cumprir novas Normas da Xunta para  prevención de incendios, normas que obrigan aos propietarios  ou comunidades de montes a que teñan  200 m sen arbores nas proximidades do aeroxerador, con esta medida favoreceuse as eléctricas pois estas xa non se verán obrigadas a expropiar ou alugar tanta superficie como antes, poden esixir  tala e limpeza nun circulo de 200 m e os afectados chegan a afirmar que as empresas eléctricas actúan coa “mesma impunidade en Galicia como o o fan en Latinoamérica”.

Todo indica que seguimos indefensos fronte as multinacionais eléctricas insensibles a desfeita do medio natural, buscando pagar unha miseria e prepotentes como sempre, sirva como mostra so algún exemplo.  

No ano 2017  Naturgy pretende instalar entre Zas e Bergantiños o Parque eólico  Mouriños (3 aeroxeradores con 150m de alto, exentos de pagar canon eléctrico), afectaría a dous xacemos arqueolóxicos e mesmo a un asentamento fortificado da idade do ferro. Colectivos como “Salvemos Cabana”  e outros (SGHN, Adega, Verdegaia, Arco Iris...) e  decenas e decenas de particulares  fixeron alegacións para paralizar o parque e protestaron por  detonar con explosivos  e reducir a entullos parte da Serra de Gontón  a vez que talaban centenares de arbores nunha zona de interese ecolóxico e moi próxima a zonas de protección. Nada serviu  para  impedir a instalación de Naturgy e o seu traslado a outros lugares – a Xunta declara o parque de utilidade publica e urxente ocupación de terras en setembro do 2018 -  como tampouco serviu no 2019 que o tema se levase e tratase ao Parlamento Galego .

No ano 2018 o proxecto do  parque eólico da serra de Monciro entre Castroverde e Pol, tamén de Naturgy, foi criticado  pola asociación “Amigos do Patrimonio “ de Castroverde   conxuntamente con outras asociacións e decenas de particulares que alegaban que núcleos poblacionais e recursos culturais e e ambientais quedaban “desprotexidos si se executaba”. Nese ano en xullo  Adega denunciaba publicamente que Greenalia Power  ao pretender instalar tres parques  (109,2 MW) nos concellos de Coristanco, Sta Comba, Carballo e Tordoia  ameazaba a conservación  de especies sensibles, protexidas e mesmo endemismos galegos (Centáurea ultreiae), planta catalogada como en perigo de extinción. Un ano despois Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía pedían a paralización urxente das obras do Parque eólico do Oribio ao actuar nun espazo natural protexido da área Ancares-Courel.

En definitiva  as eléctrica perseguen nova potencia eólica en Galicia, hoxe temos xa un exceso de potencia eléctrica instalada por moi diversas fontes  -cun importante custo social, económico, sanitario e ambiental - e con dous ciclos combinados funcionando baixo mínimos ou case apagados con 1.247 MW mentres carecemos dunha política de aforro e maior eficiencia – perdas no transporte tremendas- tanto nas eléctricas como no resto das actividades. Tampouco existiu  a mínima sensibilidade ambiental por parte da Administración e por suposto das empresas eólicas, mellor sería falar de complicidade.  Ademais de Galicia sae a terceira parte da electricidade que producimos que so crea riqueza nas multinacionais de rapina alleas. No Estado tamén existen, si fose necesario, outras alternativas renovables preto dos centros de consumo. 

Sen titulo

Comentarios