Opinión

Un plan forestal sen futuro: moita madeira e pouca industria

A metade da madeira que se corta no Estado procede de Galicia. Somos a novena potencia forestal europea. Pero Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana con moito menos peso na produción forestal teñen maior numero de empresas centradas na industria da madeira e na fabricación de mobles. Mentres Cataluña representa o 15,9%, Andalucía o 14,2% e a Comunidade Valenciana o 12%, Galicia chega só ao 8,2% sendo superada mesmo pola comunidade de Madrid.

As cifras evidencian que somos importantes na primeira transformación da madeira, xerando o 40% da madeira serrada do Estado, o 60% dos taboleiros e chapas, o 20% de pasta de papel, pero non é así cando consultamos as cifras nas industrias de segunda transformación (carpintería, mobiliario...); aquí non superamos o 8% do total. Mentres que no 2017 Cataluña e a Comunidade Valenciana lideraron no Estado a exportación de mobles, representando a metade do valor  deste comercio, Galicia, pola contra, só representa o 11% (despois de aumentar a venta un 18,6% respecto do 2016). O valor das exportacións de mobles dende Galicia alcanzaba 232 millóns de euros, cando en Cataluña se superaban os 575 millóns e na Comunidade Valenciana, os 464 millóns.

Resulta curioso que  Castilla-La Mancha teña maior número de fabricas de mobles que Galicia e que outras comunidades como Murcia, País Vasco, Castilla-León mesmo se aproximen en número ao noso país, cando non se pode comparar a produción madeireira de Galicia coa destas comunidades. Ademais representamos só o 8,1% do total de traballadores en alta na Seguridade Social no sector da madeira e moble (ano 2015). 

Somos importantes na primeira transformación da madeira, xerando o 40% da madeira serrada do Estado, o 60% dos taboleiros e chapas, o 20% de pasta de papel, pero non é así nas industrias de segunda transformación (carpintería, mobiliario...)

 

Galicia esta especializada na produción de produtos intermedios —celulosa, taboleiros, madeira serrada— pero, ao non ter unha industria forte de carpintería, mobles, ebanistería, envases, fabricación de papel e cartón, artes gráficas…, perdemos un importante valor engadido. A industria de segunda transformación, comparada coa primeira transformación, consumiría menos enerxía, auga e materias primas, produciría menos contaminación e daría máis postos de traballo e máis valor engadido, pero hoxe esta industria está fóra do país. Aínda que somos unha potencia madeireira non se logrou que se completen os ciclos nin que se desenvolva unha industria da madeira e do moble acorde coas nosas posibilidades, necesidades e producións. Tan só transformamos dentro de Galicia o 20% da madeira serrada, o 30% dos taboleiros e chapas e menos do 1% da pasta de celulosa ou, o que é o mesmo, sae fóra de Galicia e exportamos o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e chapa e o 99% da pasta de celulosa sen contar o case millón de m3 de madeira en bruto.

A pregunta hoxe podía ser: que interesa máis, seguir aumentando a produción madeireira ou centrarse  na industria da transformación? O Plan Forestal na sua revisión pretende profundar na produción de madeira de baixa calidade e crecemento rápido, pretende un modelo de monte que dá prioridade ao eucalipto, ás coníferas e á industria de celulosa e taboleiros. Pero moitos pregúntanse: vai o Goberno na dirección correcta? É necesario aumentar a produción de materia prima barata con altos custos sociais, ecolóxicos e económicos (incendios por exemplo)  cando o verdadeiro valor,  a riqueza, os postos de traballo, a sostenibilidade e o futuro están  na industria de transformación e no bosque autóctono
 

Como o Goberno Galego non atende a razóns, vexamos a continuación unha mostra das posibilidades perdidas:

A industria da madeira da Estrada, referente a nivel galego pola sua importancia, despois da guerra civil utilizaba a madeira de frondosas autóctonas dos montes da zona ou das ribeiras dos ríos: carballo, castiñeiro, bídalo, salgueiro, ameneiro, freixo, nogueira, cerdeira, buxo...  a industria do moble na Estrada chegou a ter o 12% da poboación ocupada do concello. Pero a partir dos anos 60 nótase a falta de madeira destas árbores e a inexistencia de repoboacións de autóctonas —salvo excepcións— polo que os serradoiros da comarca que traballaban con castiñeiro e carballo —entre outras madeiras— ao reducirse a materia prima acaban por importar madeira de calidade ou modificar a súa estrutura e mesmo pechar. Así, reduciuse o número de serradoiros da zona en máis da metade, até o extremo que a principios deste século só destacan cinco serradoiros dedicados a piñeiro e eucalipto, tendo como resultado a perda de postos de traballo.  

A pregunta hoxe podía ser:  que interesa máis, seguir aumentando a produción madeireira ou centrarse  na industria da transformación?

 

A industria do moble da Estrada que tiña grande importancia tamén no conxunto da comarca Tabeirós-Terra de Montes e mesmo en Cuntis ou Silleda baséase na súa maior parte nunha materia prima de frondosas autóctonas e nunha produción de calidade, a súa vez directa ou indirectamente tiraba e potenciaba outros sectores ou actividades económicas como as relacionadas coa tala de arbolado, empresas de transporte, asesoría fiscal e laboral, formación, publicidade... No ano 2003 o sector do moble na Estrada representaba o 73% do peso da industria local, pero foi minguando e só nos últimos 6 anos a industria da madeira perde o 8% da man de obra, cando xa perdera antes serradoiros, carpinteiros, artesáns .. 

A pesar de ter todo en contra sobreviviron na Estrada empresas familiares, hoxe punteiras e modernas —exemplo do que pode dar de si o sector do moble— que compiten a nivel internacional e seguen competindo coas multinacionais nórdicas en calidade, deseño e bo facer como demostra o feito de amoblar en moitos países tendas de moda (Inditex), hoteis de grandes cadeas (Hilton), e outras empresas en Oriente Medio... ademais de vender no mercado propio. Pero é a excepción que citamos e que podía amplificarse e converterse en norma se o Goberno Galego tivese  os pés na terra e gobernase non en función dos intereses do Estado, senón en función dos intereses galegos.

E digo intereses do Estado, porque a revisión do Plan Forestal do PP-PSOE para os próximos 20 anos vai profundar no erro. España necesita máis madeira para as celulosas e fabricas de papel, Bruxelas igual, aprema —ademais de axudas e subvencións— co abandono de terras agrícolas e forestación aínda que sexa en zonas de gran interese ecolóxico, pero sen arborado porque é gran deficitaria en madeira e aquí, disciplinados e mansos, estamos ao seu servizo, o Goberno á cabeza, dando total prioridade a unha política forestal allea, errónea e centrada en especies australianas e californianas, mentres dous importantes grupos industriais saen gañando: ENCE e FINSA e moitos outros fican prexudicados.  

Pero temos posibilidades de producir madeira de calidade codiciada e valorada en calquera país do mundo, temos posibilidades que outros non teñen e non aproveitalas é inxustificable. Temos posibilidades de cerrar os ciclos da madeira e potenciar industrias menos contaminantes que as xa citadas e xeradoras de moitos máis postos de traballo. O Goberno elixiu un modelo con gran impacto e de consecuencias coñecidas, pero existen outros modelos, poñelos a proba sería hoxe imprescindibel.

Comentarios