Lindano é o nome comercial dun insecticida organoclorado moi utilizado na agricultura ate a sua prohibición para este fin a finais dos anos 70, hoxe é un composto totalmente prohibido na Unión Europea para todos os usos dende o ano 2008 xa que non so se aplicaba na agricultura senón tamén servía para combater insectos da madeira, coiro, la, algodón e mesmo utilizado na saúde pública e en produtos farmacéuticos (parasitos en animais).
O Lindano fabricouse xunto con outros insecticidas como DDT en Galicia pola empresa farmacéutica Zeltia no polígono de Torneiros en Porriño dende 1947 a 1964 chegando a xerar a empresa máis de un millón de quilogramos de residuos -de lindano e outros produtos como colas de destilación ...- xa que por cada tonelada de produto fabricado xerábanse entre seis e dez toneladas de residuos tóxicos. Sorprende a forma que tiveron de desfacerse destes residuos, vertedoiros sin control e dispersión en pequenas cantidades polas proximidades nunha ampla moi ampla zona, así atópanse hoxe en decenas de lugares diferentes e insospeitados, mesmo no lugar onde se localizaba a fábrica construíronse vivendas de protección oficial en 1975 sen descontaminación previa do solo, pero tamén se atopou en solo de parque público, solares e zonas de vivendas, base de estradas, monte comunal...
O perigo do lindano e dos seus residuos e moi grande é un produto volátil, moi persistente, pouco degradabel e tóxico por inhalación, contacto ou inxestión, que ademais actúa como disruptor endócrino e afecta ao sistema nervioso, mesmo a OMS no 2015 considerouno como produto canceríxeno. No medio ambiente é bioacumulativo e concentrase nas cadeas alimenticias e sempre é moi tóxico para os organismos acuáticos. Na UE os limiares de información pública de emisión das empresas están establecidos en 1 kg /ano a atmosfera, auga ou solo.
Non se pode xustificar o vertido de residuos dicindo que eran outros tempos para o funcionamento das empresas nin tampouco se pode xustificar o silencio e a pasividade da administración durante máis de 50-60 anos aducindo ignorancia. Na década dos 90 prodúcense protestas dos habitantes da zona (varias veces) ao ter molestias de saúde derivadas dos residuos de lindano. No 1998-99 ante a presión e insistencia dos cidadáns a Xunta de Galicia puxo en marcha un plan para estudo do estado dos solos, estudo que corrobora a existencia de contaminación na terra e na auga, o que obrigou a adoptar algunha medida como restricións ao uso agrícola en algunhas zonas, peche de determinados pozos de abastecemento de auga... Pero esperaron ao ano 2010 para que os habitantes das vivendas sociais construídas sobre os terreos da antiga fábrica de lindano foran trasladados , quedando fora veciños de zonas adxacentes.
No ano 2016 o Parlamento Europeo publica o Informe para a Comisión de Peticións, PETI, sobre o “ Lindano (contaminante orgánico persistente) na UE” onde de novo se cita ao Porriño como unha zona afectada e cun problema grave aínda sin resolver. No 2017 ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) denuncia a pasividade da Xunta porque aínda se está na etapa de localizar, cuantificar e proceder a la retirada del lindano mentres noutros lugares -Aragón por exemplo- estase xa actuando, ademais da a coñecer os datos analíticos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre a concentracións de lindano nas augas do rio Louro (concello de O Porriño e Tui) onde se aprecia que as concentracións contaminantes multiplicaban por 10 o máximo admisíbel de lindano.
Agora temos dúas novas respecto do lindano:
1. A finais de marzo do 2019 na Unión Europea xurde o Proxecto Lindanet no que participa a Xunta coa tarefa de localizar, cuantificar e proceder a retirada do lindano e coa intención de que o proxecto sirva para intercambio de experiencias e coñecementos entre diferentes zonas afectadas ( ademais de Galicia, están implicada outras zonas do Estado -Aragón, País Vasco...- e Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, República Checa ...) o obxectivo é establecer un plan de acción de descontaminación. Proxecto sen grandes pretensión económicas e non se sabe si so é para calar descontentos pois so conta de 1,6 millóns de euros cofinanciado no 85% polo programa Feder.
2. O 1 de abril do 2019 transcendeu nos medios de comunicación que das análises realizadas no ano 2018 a 82 veciños do barrio de Contrasto-Pereira en Porriño, 62 veciños deron positivo en sangue por lindano e como solución os técnicos de Sanidade recomendan deixar de consumir determinados alimentos, tamén como sempre, aducen que os niveis en sangue non son preocupantes.
As preguntas están no aire e son evidentes: Como puído a empresa realizar tal práctica contaminante e o Concello, a Administración do Estado e a Xunta máis tarde pasar sen actuar e resolver o tema despois de tanto tempo? Onde está a responsabilidade empresarial aínda que pasaran anos ?. Existe un Plan da Xunta para coñecer sanitariamente o estado da poboación na zona con relación ao lindano?. Que seguimento e medidas se adoptarán cos afectados actuais fora da análise de sangue anual? Cantos anos teremos que esperar máis para descontaminar a zona ?
As solucións teñen que partir de Galicia, o goberno local , autonómico e estatal necesitan actuar conxuntamente xa. Como estamos en tempo de eleccións o tema Lindano apúntanos a que necesitamos gobernantes (Concellos, Xunta, Goberno central) minimamente preocupados polo medio ambiente e a saúde humana, gobernantes que non se escuden na falta de recursos económicos e non miren para outro lado nos problemas ambientais e de saúde humana e en especial que non deixen facer o que queiran as empresas, pois ate hoxe pagamolo todos.