Opinión

Incendios, Covid-19 e faltaba Adif

Neste verán, os medios de comunicación destacan temas preocupantes tanto para o medio ambiente como para a saúde das persoas. Os incendios forestais volven ser noticia sen que a Administración do Estado ou a galega o impidan. A Pandemia da Covid-19 segue afectándonos despois dun inicio con falta de previsión do Goberno e mala xestión sanitaria e da Administración. O descarrilamento do tren de mercancías ensinounos solucións insospeitadas (vagóns que envorcan no río Sil), e vimos o desprezo polo país e o mal facer do administrador de Infraestruturas Ferroviarias. Estes problemas teñen en común que os Gobernos, central ou autonómico, parecen incapaces de frealos e solucionalos e son unha bóla de neve que medra no tempo.

Seguramente volveremos estar á cabeza do Estado español en número de lumes e grandes incendios e por superficie afectada (Cualedro 1.535 ha, Viana do Bolo 362 ha, Lobios 425 ha, Navia de Suarna...). Os incendios ocasionan enormes perdas económicas e gastos sociais, contaminación atmosférica, danos nos ecosistemas, causa a perda de propiedades e vidas humanas como sucedeu días pasados no Parque Natural do Xurés...

Os ineficaces plans da Xunta (Pladiga) de prevención de incendios “só” custan aos galegos anualmente da orde de 180 millóns de euros e sorprendentemente centran o esforzo e o gasto moito máis en extinción que en prevención, cando está demostrado que a prevención é básica. Nos plans da Administración galega non se contempla erradicar os incendios (atenualos quizais) nin mudar a nefasta, imposta e allea política forestal de monocultivos de especies de crecemento rápido. Outra cousa sería con tratamento e limpeza nos montes, con pastoreo que diminuía a biomasa, con especies caducifolias e aproveitamentos diversos...

Os intereses dos incendiarios son moi fortes (cambiar o uso do solo, urbanización, baixar o prezo da madeira, aumentar a plantación de eucaliptos,...) e enfronte temos Gobernos débiles que fracasan con todos os seus medios e propaganda e non atrapan os incendiarios. Por que será?

Segue preocupando a Covid-19 e a problemática sanitaria, económica e social asociada. Os Organismos Internacionais de Sanidade e a Administración dos países chamados desenvolvidos foron moi lentos e pouco atentos aos sinais indicativos de que podía darse unha pandemia (gripe aviar, gripe porcina, Évola, virus MERS...), ninguén se preparou para o posible, mesmo o programa americano de vixilancia mundial de virus animais e investigación de pandemias -Predict (Usaid)-  viu cortado o financiamento co presidente Trump cando xa descubrira e identificara máis de 2.000 virus novos de familias virais que no pasado representaron ameazas para as persoas e que o podían seguir sendo.

Os virus de orixe zoonótica que afectan a humanos irán en aumento se seguimos destruíndo os ecosistemas (Amazonas, selva tropical...), se exterminamos especies, se continuamos coa produción industrial en granxas e animais confinados e estresados, se seguen os incendios forestais... O control  para impedir a entrada e expansión de virus, parasitos e enfermidades en fronteiras, aduanas, transportes, turismo... é fundamental, pero aplícase mal, cando se aplica. Os impactos no medio ambiente, a contaminación, a globalización, teñen moito que ver coa Covid-19, o que demostra que fai falta outro modelo social, senón pasará como cos incendios veremos continuas brigadas que unicamente poñen parches con data de caducidade.

Descoñecemos as razóns do descarrilamento do tren de mercadorías na liña Monforte-Ponferrada na zona de Sobradelo, quizais detrás do sinistro temos a fraxilidade antiga da rede, a falta de investimento, modernización e mantemento necesarias. Sorprendería que fose polo exceso de circulación ferroviaria de mercadorías, ou pola alta velocidade do convoi. Si coñecemos ben a nefasta, irreflexiva, sorprendente e improvisada actuación do administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) para a retirada de dous vagóns da vía que remataron na ladeira e nas augas do Sil con impacto evidente. Actúa sempre así Adif ou só o fai na Galiza? Ten plans de continxencia que contemple tirar vagóns a un río? Que exemplo ofrece a Administración aos cidadáns e ás empresas privadas ? Que fai a Fiscalía cando a empresa pública salta os procedementos legais?  O Ave non é todo, temos en 2020 infraestruturas, convois, administradores e actuacións que lembran 1920.

Comentarios