Opinión

Galegas e sostibles

Nos últimos anos déronse notables cambios nas industrias multinacionais que operan na Galiza co peche da central térmica de carbón en Meirama e o próximo en As Pontes; e ERTE e sen futuro en aluminio primario de San Cibrao. Cambios en Alcoa Inespal de A Coruña -electrointensiva-, con novos empresarios e nova denominación Alu Ibérica. Crise en Ferroatlántica de Cee e Dumbría que cambiou de empresario e denominase hoxe Xeal -Xallas electricidade y aleacións SA-. Diminución do traballo e da produción no sector do motor en PSA de Vigo.

Aparte de incerteza -demanda de traslado- en Ence de Pontevedra e interrogante sobre o futuro da refinería Repsol-A Coruña. As poderosas multinacionais Naturgy, Endesa, Alcoa, Ferroatlántica..., todas con sede fóra da Galiza, desembarcaron na Galiza hai 50 anos e recollen agora velas, buscan negocios que esperan sexan máis rendibles fóra do noso territorio. Tiveron facilidades, subvencións, mao de obra, auga e electricidade baratas e conquistaron o territorio apoiadas/ apadriñadas polos gobernos amigos, contaminaron o que querían -o que non permitían noutras partese hoxe saciadas xa buscan novos caladoiros.

Que nos ofrece a Xunta cos fondos europeos? Aposta por un modelo que interesa de novo ás multinacionais, propón "proxectos tractores" que necesitarán case a metade da inversión total que ven de Europa (proxectos da Xunta, seleccionados no Estado e determinados en Bruxelas ao ser cartos de "Next Generation da UE"). Novidosos, modernos e europeos. Iso din dos proxectos do hidróxeno, biogás, viscosa, eólica, automoción. Vexamos: -Produción de hidróxeno verde. Ten como finalidade fabricar e utilizar o hidróxeno como combustible ou como almacén de enerxía eléctrica. Interesa o proxecto a Repsol, Iberdrola... -Produción de Biogás. A Xunta por mandato comunitario céntrase nos residuos gandeiros para producir biogás -combustible-: urxe adaptarse as boas prácticas agrícolas que obrigan na Política Agraria Común si é que queremos subvencións.

A industria dos residuos interesa especialmente a Naturgy. -Produción de fibras téxtiles a partir de celulosa (viscosa). Proxecto que ten dobre intención: por un lado interesa moito a celulosa Ence -a fabricación de viscosa está no Plan Estratéxico de Ence 2019-2023- e, por outra parte, serve para intensificar a política forestal. O proxecto arrastra 100-150.000 hectáreas de plantacións novas de eucalipto e piñeiro e vai demandar 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira/ano. -Eólica. Non importa que a terceira parte da electricidade que se produce na Galiza se exporte e que no 2019 a eólica represente "récord" co 47% da demanda galega, a Xunta pretende novos parques eólicos porque o requiren o Estado e as eléctricas.

Máis electricidade para exportar e para o hidróxeno verde e electrointensivas. Na Galiza os parques eólicos aportan menos do 5% dos beneficios das eléctricas, esas que pechan aquí fabricas de palas e compoñentes. Interesan as eólicas a Greenalia, Iberdrola, Naturgy, Endesa... -Motor. Non podían faltar 1.300 millóns -o maior proxecto en inversión- para apuntalar o sector automobilístico e beneficiar fundamentalmente a PSA. O proxecto centraríase na "propulsión limpa", "innovación", "desenvolvemento e validación do vehículo do futuro", "reforzo da competitividade"... Curioso, primeiro deixamos que as empresas aquí asentadas do sector se vaian a establecer e dean riqueza ao norte de Portugal e logo temos que gastar para reforzar a competitividade e fortalecer a multinacionais.

Fronte aos intereses de multinacionais, do goberno español e da Unión Europea deberían primar intereses galegos. Os fondos europeos debían servir para poñer unha base sólida nos centos de pequenas e medianas empresas do país (transformados e derivados cárnicos, lácteos, agrícolas, pesqueiros, mineiros, carpintería, calzado, naval...) e outros de nova creación (reciclado de aluminio, vidro, papel, produción de envases, fabricación de compoñentes eólicos...). A Xunta está escollendo de novo ás multinacionais contaminantes fronte a defender e potenciar o noso.

Comentarios