Opinión

Eólica mariña flotante

O Impacto da eólica nos montes galegos obriga a mirar ao mar

Galicia instalou durante o ano 2019 máis megavatios eólicos que nos últimos dez anos anteriores xuntos, un total de 18 parques eólicos que suman 415MW novos que contribúen a que teñamos un total de 3.837MW, sendo a potencia eólica galega da orde do 14,8% da eólica do Estado. Este ano vanse sumar novos parques e algunha repotenciación en parques antigos, as previsións son que antes do ano 2030 se consiga duplicar a potencia eólica actual.

As serras e os montes galegos terán cada vez aeroxeneradores de maior potencia e máis altos, aumentarán as liñas de alta tensión, as pistas forestais e calquera paisaxe terá o seu parque. As empresas eléctricas non teñen miramentos, onde lles interesa colocan un parque, son prepotentes e arrasan o que faga falta, saben que a administración está da súa parte e a xustiza só excepcionalmente paraliza as súas obras (Iribio). O resultado está a vista:

-Flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, ameazadas.

-Trazado inadecuado e irracional de moitos quilómetros de pistas forestais.

-Destrución de xacementos arqueolóxicos mesmo de asentamentos fortificados da idade de ferro.

-Aeroxeneradores (nalgúns casos) moi próximos a lugares habitados, no caso de Paradela están a escasos 500m de zonas habitadas (ruído próximo) e liñas de alta tensión soterradas a escasos 20m das vivendas. Tamén próximos a lagoas catalogadas, fervenzas...

-Invaden zonas protexidas, xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada en zonas de Rede Natura e na actualidade parques novos invaden zonas catalogadas co aval e permiso da Xunta de Galicia.

-En setembro do ano pasado colectivos veciñais e asociacións de Santa Comba, Outes, Negreira, Ordes, Mazaricos, Ponteceso, Samos, Triacastela... denunciaron que a lexislación actual favorece a implantación de muíños “por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións”.

En resumo, asistimos a un notable impacto dos parques con perigo/destrución de valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais. A cambio a economía que reverten é ínfima, entre impostos, canón eléctrico ou alugueiros de terreos o que aportan nin chega ao 5% dos benéficos das multinacionais eléctricas. Ante isto podemos preguntarnos, existe outra alternativa eólica diferente?

O futuro: A eólica mariña flotante

Europa conta na actualidade con 22.072MW de eólica mariña e mais de 5.000 aeroxeneradores distribuídos en 12 países, pero a gran maioría son de eólica mariña fixa. Se en 2018 instalaron 2.650MW, o ano pasado foron 3.600MW instalados nas costas de Alemaña, Portugal, Dinamarca, Bélxica e Inglaterra.

En Galicia nas rías e no litoral e nas súas proximidades é acertada a prohibición de instalar parques de eólica mariña fixa -profundidades inferiores a 50 ou 60 metros- pero existe na actualidade outra alternativa, a eólica mariña flotante de profundidades superiores (centenares de metros) afastada da costa e de nós, fora da vista, a 20, 30 ou 40Km de distancia de terra ou incluso máis. En zonas acoutadas pode ser a alternativa á eólica terrestre e aos impactos que produce. Chega unha superficie como a do concello de Fonsagrada no mar, pouco máis de 400 km2, para que un parque eólico teña unha potencia equivalente á metade de toda a potencia que temos na terra. No mar o vento e mais regular, constante e seguro e ofrece potencialmente máis xeración.

A eólica flotante no mundo conta con 45MW e 70% está en Europa. Se temos un corredor marítimo fronte a Fisterra e ninguén o cuestiona, por que non un parque eólico? Á parte, a industria naval galega está preparada e pode apuntalar o desenvolvemento desta tecnoloxía recente con plataformas, sistemas de amarre, fabricación de compoñentes e demais.

Claro que non podemos perder de perspectiva que temos outras posibilidades sen desenvolver (solar, xeotérmica, mareomotriz); que exportamos máis da terceira parte da electricidade que xeramos, e tamén exportamos un 95%? dos beneficios da produción en mans de multinacionais. Mesmo poderían poñer os parques mariños (ou terrestres) en lugares próximos a centros de consumo.

Comentarios