Opinión

Demoledor informe do Consello de Contas aos Concellos galegos

O Consello de Contas a finais do 2019 daba a coñecer un Informe de Fiscalización sobre as actuacións en materia medioambiental en 55 concellos de máis de 10.000 habitantes que representan o 69,8% da poboación galega. Esta auditoría sobre xestión e cumprimento da legalidade analiza as actuacións dos concellos en materia de defensa e protección ambiental e de equilibrio ecolóxico e fai unha análise da aprobación de normativa e aplicación de medidas en contaminación atmosférica, luminosa e acústica e recollida selectiva de residuos sólidos urbanos.

Practicamente non existe regulación municipal nin se realizan controis da calidade do aire, da contaminación luminosa ou acústica

O informe constata o seguinte:

1. Falta de interese e colaboración dos concellos. O Consello de Contas cita que para a realización do Informe tivo atrasos e obstáculos por parte dos concellos, necesitando varios requirimentos para que finalmente case todos atenderan a petición de documentación (menos Sada e Vilanova de Arousa). Constata que dos 55 concellos, 33 (60%), dispoñen de departamentos específicos con competencia en materia de medio ambiente, pero 9 concellos non están dotados de persoal especialista na materia, mesmo afirma que ter “un departamento de medio ambiente non é suficiente garantía dunha boa xestión medioambiental”, moitas veces non é máis que unha declaración de boas intencións.

2. Nas conclusións do Informe destaca:

a) Escasa asunción de compromisos medioambientais.

Dos 55 concellos analizados, 20 non dispoñen dunha unidade específica dedicada á xestión desta materia. Practicamente non existe regulación municipal nin se realizan controis da calidade do aire, da contaminación luminosa ou acústica. Carencia de normativa reguladora propia desenvolta en Ordenanzas locais. O control medioambiental foi moi limitado.

b) Mínima preocupación e inversión. Os gastos en medio ambiente tiveron moi pouca relevancia xa que non chegaron ao 3% do importe total dos servizos públicos básicos. O Informe reflicte ademais que é moi escasa a labor dos concellos cara a concienciación ambiental dos cidadáns.

c) Con relación a contaminación afirma:

- Ningún concello dispón de plans ou programas para o cumprimento e mellora de obxectivos de calidade do aire. En medicións e avaliacións da calidade do aire, só A Coruña e Pontevedra a levaron a cabo. Os concellos de Pontevedra e Vigo foron os únicos que realizaron actuacións de control e inspección en materia de contaminación atmosférica e tramitaron expedientes por denuncia. O concello da Coruña é o único que ten un protocolo de actuación no caso de superar os obxectivos de calidade atmosférica.

Vigo é o único que ten unha ordenanza específica respecto da contaminación atmosférica (aínda que non está adaptada á Lei 34/2007) e son moi poucos os concellos que teñen adaptado o Plan Urbanístico a mencionada Lei.

- Ningún Concello realizou una zonificación luminosa do seu territorio, nin se declarou ningunha zona como de especial protección. Pontevedra, Vigo e Vilagarcía son os únicos que observan os requisitos de mantemento dos niveis de eficiencia enerxética na iluminación exterior. Teñen estacións de medición acústica só A Coruña e Pontevedra. Unicamente Vigo declarou zoas de especial protección acústica. Só o Concello de Pontevedra levou a cabo algún tipo de actuación para a mellora da calidade acústica nas instalacións municipais.

- Con relación aos residuos sólidos urbanos, os concellos incumpren coa obrigación de elaborar e publicar un Informe anual sobre a situación da produción e xestión destes residuos.

En definitiva no Informe queda claro o baixo interese ambiental dos concellos, o desinterese, o incumprimento legal, mesmo a falta de xestión transparente e democrática. Pódese gobernar hoxe un concello con baixa preparación e nula preocupación ambiental? Acaso ninguén supervisa, obriga ou sanciona os Concellos? A Xunta de Galicia que ten que dicir?

Parabéns a Contas por este Informe tan necesario.

Comentarios