Opinión

Colosos con pés de barro

 

A China, xa case recuperada, fallou ao principio porque non escoitou as advertencias médicas iniciais (Li Wenliang) sobre a gravidade do brote infeccioso. Italia, España e outros países europeos fallaron ao non prever que o virus podía chegar dende a China a Europa.

 

En poucos días descubrimos que países desenvolvidos e grandes potencias (China, Estados Unidos...) non son o que parecen, pretendidamente fortes e poderosos, vólvense fráxiles, treman e desequilíbranse sanitaria, económica e socialmente por culpa dun virus novo de tamaño nanométrico (millonésima parte dun milímetro) para o cal a ciencia e a tecnoloxía non teñen solución. Fronte a pandemia os gobernos adoptan medidas similares ás da epidemia de gripe de hai 100 anos: máis hixiene, prohibición de aglomeracións, menos traslados, corentena e illamento... Só que agora estas medidas están impostas dende o goberno e son obrigatorias. Despois de presumir durante anos de avances científicos, e de grandes éxitos tecnolóxicos, un virus –parasito obrigado, que nin sequera podemos considerar ser vivo– frea en seco a marcha rápida dun mundo globalizado. Que falla?

Primeiro: A China, xa case recuperada, fallou ao principio porque non escoitou as advertencias médicas iniciais (Li Wenliang) sobre a gravidade do brote infeccioso e silenciou durante semanas o problema, tamén esperou a ter decenas de miles de infectados para alertar a finais de decembro a Organismos Internacionais (OMS). A China saltouse en parte as recomendacións para estes casos, xa que cando un novo virus infeccioso se detecta, ábrese unha fase de alerta internacional, que se caracteriza por aumentar a vixilancia e avaliar riscos, se non é unha cepa pandémica, vólvese á normalidade, do contrario adóptanse rápidas e serias medidas. A China é verdade que impermeabilizou e illou a zona pero non pechou nin controlou fronteiras con outros países para evitar diseminar o virus –permitiuno a OMS ?–. Agora nestes días, controlado o foco de Wuhan, pechan fronteiras para que non entren infectados do exterior.

Segundo: Italia, España e outros países europeos fallaron ao non prever que o virus podía chegar dende a China a Europa (gobernar tamén é prever). A UE durmiuse e non adoptou medidas para protexerse, nun mundo globalizado con miles de turistas e mercadorías movéndose constantemente, a diseminación e propagación dun virus infeccioso é cuestión de poucos días. A falta de control con peche de fronteiras, tanto da UE como dos países que a compoñen, en xaneiro e febreiro trouxo a Italia e España o virus ARN contaxioso, e máis contaxioso aínda pola amplificación co noso modelo de vida, que sen dúbida ten que ver tamén coa orixe do problema na China.

Cando na Alemaña en xaneiro e febreiro facían medio millón de test do virus á semana, para reducir as posibilidades de contaxio, no Estado español non se prepararon e a principios de abril só realizan 1/5 dos tests rápidos da Alemaña. As carencias (lembremos os recortes) foron manifestas en máscaras, traxes, tests, respiradores... á parte, fallos de xestión e falta de preparación xeral e sanitaria para grandes sucesos coma este. Insistían en tranquilizarnos e aseguraban que tiñamos unha sanidade que respondía (das primeiras do mundo?). En vez de cercar e impermeabilizar os principais focos –Madrid– illando a poboación –Wuhan– o non facelo estendeu o problema e chegou a Galicia.

O Goberno desbordado acudiu ao mando único, a unidade da patria e a medidas excepcionais centralizadoras. Non entenden a realidade galega e dun golpe derruban a descentralización autonómica e vixíannos militarmente para obrigarnos a quedar nunha vivenda-prisión onde as mascotas teñen máis liberdade que os nenos. Así, paralizados economicamente, todo, incluída a liberdade e a democracia, queda supeditado a un necesario “ben superior”. Ante o Prestige sanitario e social o Estado demanda apoio e Galicia acude enviando respiradores e deixando aberta e a disposición a moi maltratada e pagada agrogandaría e pesca. De novo, igual que na guerra somos a despensa alimentaria do Estado con carne, leite e lácteos, peixe, marisco, conservas, froita e produtos agrícolas.

Goberno e Xunta para mellorar, quizais antes deberan ensaiar medidas excepcionais con outros problemas tamén de saúde (cambio climático, incendios, velutina...). A contaminación atmosférica causa 10.000 mortes ao ano en España (OMS), e preto de 7 millóns de persoas no globo morren por ela, pero de momento non saturan as UCI.

Comentarios