Opinión

Cambio climático e eucaliptos

O cambio climático é unha das ameazas máis preocupantes para o medio ambiente global polo impacto negativo nos ecosistemas e recursos naturais, na economía, nas infraestruturas, na saúde humana... A Unión Europea tiña como obxectivo final para 2030 recortar un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) respecto aos niveis de 1990, pero o Consello Europeo decidiu este mes aprobar maiores recortes e chegar ao 55%, xustificado para alcanzar en 2050 a neutralidade de carbono. 
Galiza, emitía no ano 1990 un total de 29,6 millóns de toneladas equivalentes de GEI (Mt CO2-eq), en 2018 chegouse a 29,8 millóns de toneladas, pero co peche de Meirama e diminución de contaminantes nas Pontes en 2019 deixaron de emitir as térmicas 7,5 Mt. Para poder alcanzar os obxectivos da UE en 2030 necesitamos recortar aínda 8,8 Mt, o que equivale como mínimo a 800.000 t/ano. Só se poderá facer se pechan As Pontes e as grandes industrias como Repsol, Alcoa, Ferroatlántica, Ence e outras se comprometen a fondo con diminuír a contaminación. Estarán dispostas?

En Europa xa comprobaron que a industria eléctrica non se resentía se deixaban atrás o carbón, e as renovables serven agora para garantir maiores beneficios ás multinacionais e remover a economía local e globalmente. O sector enerxético implícase na enerxía eólica –terrestre e mariña–, na enerxía solar, na industria do hidróxeno... Multinacionais que hai pouco estaban reticentes ou opostas ás renovables abandeiran agora proxectos multimillonarios que xa non quedan nun país senón que se estenden por Europa e varios continentes. 

Multinacionais que hai pouco estaban reticentes ou opostas ás renovábeis abandeiran agora proxectos multimillonarios que se estenden por Europa

De calquera forma, sexa benvida a redución do 55%, que aínda queda pequena se queremos frear a tempo o gran problema do cambio climático. Pero non esquezamos que o quid da cuestión non está só na UE porque a chave mestra do cambio climático teno a China (25-28% das emisións globais) e os Estados Unidos (14%).
Eucaliptos e cambio climático. As plantas teñen a capacidade de captar o dióxido de carbono atmosférico e por medio da fotosíntese, metabolizalo para obter azucres e outros compostos para o crecemento e o normal desenvolvemento do seu ciclo vital. Os vexetais son sumidoiros de carbono ao extraer dióxido de carbono da atmosfera e almacenalo. Ultimamente intereses económicos ligados coas celulosas, e no futuro coa viscosa e o téxtil, xustifican a plantación de eucaliptos polo papel de sumidoiro desta especie, pero ocultan que :

1. Se ben as árbores absorben cantidades importantes de carbono atmosférico, esta depende non só da especie senón do clima –en cambio–, do solo e silvicultura aplicada. Non só é importante a absorción de carbono da árbore senón a capacidade do solo para almacenar ese carbono cando se dá a descomposición dos restos e follas no solo e o eucalipto non se caracteriza precisamente por ter rápida descomposición. 

2. Co cambio climático a temperatura atmosférica aumenta e danse cambios na pluviosidade, agora as secas son máis continuadas e pronunciadas. Especies como o eucalipto, que son grandes consumidoras de auga, inflúen negativamente no medio –menos infiltración e máis escorrenta e erosión–. O solo estará máis seco e reduciranse as recargas de acuíferos, notándose carencias nas fontes e mananciais particularmente no verao. Os eucaliptais, pobres xa en diversidade, acentuarán a alelopatía ou guerra química e a loita pola auga e farán o medio máis propenso a incendios, que aumentarán, propagarán e beneficiarán esta especie. 

Conclusión: O cambio climático esixe reducir de forma notable as emisións de dióxido de carbono e GEI para o cal teñen que implicarse os grandes emisores industriais. A Xunta non só debe perseguir o 55% de diminución de GEI, senón tamén debía revisar/cambiar a política forestal porque unha árbore pirofítica, invasora e colonizadora procedente de Tasmania e Australia non pode nin debe ocupar a quinta parte da extensión do territorio galego como fai hoxe e seguir avanzando, sobre todo porque temos alternativas caducifolias propias.

Comentarios