Opinión

Agricultura e forestal en tempos de crise

Nos últimos 16 anos a superficie ocupada por tres cereais básicos (millo, trigo e centeo) baixou un 39%, é dicir unha media de 2,4%/anual, e a tendencia é seguir á baixa. Dende a entrada de España no Mercado Común en 1986 a hoxe pódese estimar que se transformaron na Galiza polo menos 265.000 hectáreas (ha) de superficie agraria útil para outros fins, fundamentalmente arborado de eucalipto, que aumentou sen parar.

Segundo os Anuarios do Ministerio de Agricultura, no ano 1970 Galiza tiña 184.233 ha dedicadas a millo-grao, en 2018 quedaban 17.503 ha e en 2019 baixaban até 13.741 ha. Sumado o millo-grao e o millo forraxeiro plantado hoxe só abranguen o 45% da superficie que ocupaba o millo en 1970.

Algo parecido sucede con outros cereais como o centeo, plantado en 101.811 ha en 1970, mentres as previsións da superficie para este ano son unicamente 4.075 ha (4%). No caso do trigo, a superficie hoxe non chega a 13.000 ha, case a terceira parte de 1970.

Se os cereais teñen sempre un valor estratéxico, en momentos de crise moito máis, pois son a base da alimentación humana e animal e son imprescindibles para a fabricación de pensos que abastecen as granxas de vacún, porcino, aves... Galiza é un importador neto de cereais e mesmo España importa millo e trigo brando, mentres a UE no seu conxunto é excedentaria e un grande exportador.

As importacións de cereais aquí son notables, só polo porto da Coruña entran anualmente entre 2 e 3 millóns de toneladas (t) de millo, cebada, trigo, fariña de colza, soia, pensos e forraxes. Á parte, outros portos como Vigo, Marín ou Vilagarcía teñen entrada de cereais. A procedencia destes produtos -moitos transxénicos- desembarcados é moi diversa: Brasil, Estados Unidos, Canadá, Ucraína, Moldavia, Arxentina... Para garantir a seguridade e a calidade e evitar a contaminación dos cereais e pensos con aflatoxinas, dioxinas, metais pesados... requírese un control rigoroso e exhaustivo -da orde de 1000 análises anuais no porto da Coruña-.

Podemos producir nós cereais saudables? Sen dúbida, pero a política europea imponse e demanda madeira da que é importadora e non cereais que lles sobran, a solución, abandono de terras agrícolas e forestación. A política da UE é inaxeitada aquí, pero prendeu como o lume na política oficial do Estado e determina a produción na Galiza –da man das subvencións da PAC dende o 1992 e outras do Estado e da Xunta- e así cada día somos máis fráxiles e dependentes do exterior en alimentos, senón que llo pregunten ás granxas leiteiras.

Con criterios científicos, os estudos apuntan a que a metade de Galiza é apta para cultivos (terras con menos de 20% de pendente e máis de 50 cm de fondo) e que unha cuarta parte da superficie pode ter pastos, ambos os dous ocuparían o 74,2% do territorio. Pero a realidade é moi distinta, as terras de cultivo segundo o Ministerio de Agricultura (2020) ocupan unicamente o 12,8% (378.627 ha) e os pastos o 15,2% (450.255 ha), en total 28%, fronte a un forestal arborado e desarborado que ocupa o 60,9% (1.801.848 ha).

Hoxe a superficie de eucaliptos vai en aumento a costa da superficie agraria de terras de mediana ou boa calidade. En 2005-2007 o ritmo de repoboación era de 26.700 ha/ano de media, superado só por Castela e León. Na actualidade temos da orde de 600.000 ha de eucalipto en masas puras ou en mesturas, e a Xunta aínda quere aumentalos até 15% e duplicar a produción madeireira, será para aumentar o envío a Europa. Non se ten en conta o impacto ecolóxico das plantacións, nin o custo dos incendios nin as posibilidades das nosas frondosas autóctonas... nin por suposto o gasto económico nas granxas ao ter que mercar cereais que poidan producir.

A dependencia das decisións de Bruxelas é a clave da situación actual no campo. España -que escribe ao ditado- e a Xunta que a segue, teñen de modelo unha potencia forestal e reserva de eucalipto e piñeiro, madeira de baixa calidade e crecemento rápido, madeira barata que fai funcionar a industria multinacional da celulosa, papel e taboleiros.

Non fai falta unha pandemia para que a mirada volva a agricultura e poña en cuestión a política agro-forestal. Pero en tempos de crise compróbase máis a nosa debilidade económica e dependencia actual da política da UE e de España.

Comentarios