Opinión

Ramón Valcarce, un crego galego consecuente

Moncho para tod@s foi unha persoa entrañable que non daba dous pasos polas rúas coruñesas sen que alguén o parase para botar unha parrafada. O seu xeito de ser,  campechano, aberto, ocorrente, coherente, sen pelos na lingua “eu son así de bruto”, peculiar, a súa axenda eran os envases dos “celtas” curtos que fumaba, e acostumaba   a poñer simpáticos e sempre cariñosos alcumes a amigos e coñecidos adaptándoos ao seu entender (pachangas, electricista, traxedias, intelectual…) fixo de Moncho un home  querido e imborrable para quen o coñecese e máis aínda para a xente común. 

Moncho para tod@s foi unha persoa entrañable que non daba dous pasos polas rúas coruñesas sen que alguén o parase para botar unha parrafada. O seu xeito de ser,  campechano, aberto, ocorrente, coherente, sen pelos na lingua “eu son así de bruto”, peculiar, a súa axenda eran os envases dos “celtas” curtos que fumaba, e acostumaba   a poñer simpáticos e sempre cariñosos alcumes a amigos e coñecidos adaptándoos ao seu entender (pachangas, electricista, traxedias, intelectual…) fixo de Moncho un home  querido e imborrable para quen o coñecese e máis aínda para a xente común. 

"Foi un sacerdote atípico, convertía o templo parroquial en escenario de difusión socio-cultural para os veciños. Daba para comulgar pan de molete".

 Consecuente coas súas crenzas relixiosas fíxose sacerdote, consecuente coas súas ideas sociais comprometeuse politicamente.

As súas misas eran celebracións participativas, as  homilías  proclamas liberadoras, o labor pastoral espertador de conciencias, manifestarse por causas xustas era, tamén, unha forma de oración. 

Foi un sacerdote atípico, convertía o templo parroquial en escenario de difusión socio-cultural para os veciños. Daba para comulgar pan de molete. Solucionou a incomodidade dunhnas monxas maiores que tiñan que percorrer un longo camiño  para recibir a comuñón diaria, dándolles un feixe de hostias consagradas nun recipiente e dicíndolles que non se sacrificasen máis, que as levasen e todos os días tomasen unha na súa propia casa sen ter que desprazarse ata  a igrexa. Cubría o púlpito da igrexa parroquial coa bandeira galega nacionalista. Donou, pola súa conta e risco, parte do terreo inutilizado da reitoral á parroquia para facer un campo de futbol ante o abraio e correspondente  rifa do arcebispado, e hoxe está aí  para desfrute dos veciños, mentres a reitoral e o seu contorno sofre un total abandono por parte da xerarquía eclesiástica. A un malandrín que entrou un día na súa casa para roubalo e golpealo, convenceuno para que desistise, e non só, se non que rematou chorando, pedíndolle perdón e durmindo aquela noite na reitoral; días maís tarde o ladrón foi detido, e confesando os seus delitos, a garda civil decatouse do da casa do cura de Sésamo e ameazouno de acusalo de encubridor por non denunciar o caso. 

"Abriu as portas da reitoral a todos os antifranquistas da época para as súas xuntanzas e deixou o seu soto para que agochasen os seus materiais subversivos"

Foi un cura épico. Abriu as portas da reitoral a todos os antifranquistas da época para as súas xuntanzas e deixou o seu soto para que agochasen os seus materiais subversivos. Detido pola garda civil nunha xuntanza opositora  en Betanzos xunto con outras persoas, nada máis chegar ao cuartel díxolles “eu son o responsable de todo” a pesares de que estaba na reunión como un convidado máis; alí non se quedou quieto cando un garda civil deulle unha labazada e respostou dalgún xeito, tan abraiados quedaron por aquela osadía inédita nun detido, que deseguida viñeron outros gardas berrando “aos chulos  sabemos como tratalos”, logo un vello tenente intentou volver a golpealo, chamándoo “senvergonza, enfrontarse ás forzas de orde público” pero Moncho volveu a non quedarse quieto e paroulle o golpe, logo entrou outro garda advertíndolle “a quen se lle ocorre pegar a un garda, tivo sorte, ese garda é moi nervioso e puido sacar a pistola e matalo”, por fin apareceu o garda nervioso na estanza onde estaba Moncho que, coas máns esposadas, lle pediu que lle sacase o rosario do peto, e ao tempo que o facia o garda lle dicía “ ten coidado, non empecemos, nada de trucos”; Moncho, pola súa parte, dixera “non sei se cheguei a pegarlle, poñoo en dúbida, pois nen teño forza nen son pelexón, el sí que me arreou forte”. Barbaramente torturado noutra detención, pasado o tempo, recoñeceu nas rúas ´Coruña un dos seus torturadores, achegoúselle e invitoulle a tomar unha cervexa, e alí estivo no bdar falando co seu “inimigo” amosando unha humanidade abraiante. 

Foi un crego de combate na súa concepción dun cristianismo emancipador, de xeito que asumiu o compromiso político no campo nacionalista integrándose nas súas organizacións, considerando que ese era o seu deber como presbítero; a política só tiña sentido para estar ao servizo dos máis débiles contra os poderosos,  polo tanto para Moncho participar nela era unha demostración de fidelidade a Xesús e ao pobo ao que pertencía, e fixoo con todas as consecuencias “eu poño meu cativo gran para liberar a nosa nación colonizada, si morro por ela ou son tirado na cuneta aceptoo”. 

Ese era Moncho Valcarce. A súa semente segue viva, e o sábado 31 de agosto lembrarémolo no 20 cabodano do seu falecemento, nas Encrobas, no lugar de Pontoxo, onde se erixe a súa efixie nun monolito dedicado a todos os que loitaron pola defensa daquelas terras.

Comentarios