Opinión

Na lembranza de Moncho Valcarce

Celebramos o 20 cabodano de Moncho Valcarce, crego e home galego. 

E celebrámolo aquí nas terras das Encrobas polo significado histórico que tivo a loita deste pobo, asoballado polos intereses do capital en conivencia coa administración, que concitou a meirande indignación e protesta popular na Galiza dos albores do posfranquismo. Loita á que Moncho Valcarce quedou unido para sempre co alcume do “cura das Encrobas” . 

Hoxe celebramos o 20 cabodano de Moncho Valcarce, crego e home galego. 

E celebrámolo aquí nas terras das Encrobas polo significado histórico que tivo a loita deste pobo, asoballado polos intereses do capital en conivencia coa administración, que concitou a meirande indignación e protesta popular na Galiza dos albores do posfranquismo. Loita á que Moncho Valcarce quedou unido para sempre co alcume do “cura das Encrobas” . 

Nesta data, e neste sitio, quixemos honralo dun xeito especial, como persoa xenial que foi.

"Foi un referente fundamental do nacionalismo galego organizado da primeira etapa da transición, na que el asumiu  unha entrega total ao seu pobo, dende unha decidida  acción política". 

Moncho, na súa doenza final que rematou co seu falecemento acontecido no ano 1993, deunos a unha serie de amig@s, entre os que estamos os que conformamos o nucleo directivo da Irmandade, unha imaxe de San Cosme de sargadelos, un santo tan especial e querido para el e para as súas parroquias de Sésamo e Sueiro. Pensamos que con aquela entrega simbólica dicíanos, dalgún xeito, que non o esquecéramos porque seguiría pervivindo en nós co seu espíritu forxado nunha fé auténticamente evanxélica, vivida como forza liberadora dende unha práctica revolucionaria que o levou a implicarse políticamente dende posicións nacionalistas na defensa de Galiza e do seu pobo.

E nós, pola lealdade que lle debíamos a quen nos honrou coa súa inestimable amizade, comprometímonos a perpetuar a súa memoria na medida das nosas posibilidades, para o cal decidimos crear esta asociación da Irmandade Moncho Valcarce, que aínda que leve o nome dun presbítero como insignia, é totalmente laica formada por crentes e non crentes, porque Moncho era de todos.     

Pero ademais de amigos de Moncho, coincidíamos, tamén, como compañeiros ideolóxicos de loita e compromiso nacionalista, e podemos dicir, sen ningunha dúbida, que  foi un referente fundamental do nacionalismo galego organizado da primeira etapa da transición, na que el asumiu  unha entrega total ao seu pobo, dende unha decidida  acción política. 

Integrouse tanto na ANPG, como nos CALL promotores do sindicalismo agrario nacionalista das CC.LL que logo darían lugar ao Sindicato Labrego Galego. Posteriormente militou no BNG, á vez que considerou á UPG como o partido irmán.

Naqueles primeiros tempos da transición, o movemento nacionalista viuse revitalizado enormemente por un levantamento agrario enfrontado á administración polas cotas da seguridade social; ao capitalismo depredador polo roubo de terras para instalar industrias contaminantes e a construción de encoros innecesarios; a caciques e rendistas  pola usurpación de montes veciñais e expulsión das terras  a labregos arrendatarios dende tempos inmemoriais.

"Naqueles primeiros tempos da transición, o movemento nacionalista viuse revitalizado enormemente por un levantamento agrario enfrontado á administración polas cotas da seguridade social"

O alcumado como o “cura das Encrobas” non daba abasto para acudir a todos aqueles sitios que o reclamaban. E alí, xunto aos  labregos, sufriu detencións, insultos, humillacións, malleiras,  torturas, ameazas de morte tanto directas de altos mandos da garda civil, como indirectas con chamadas anónimas a súa casa. A esta barbaridade contestaba  “Eu poño meu cativo grao para liberar a nosa nación colonizada, si morro por ela ou son tirado na cuneta o acepto, porque como di o gran Castelao, non enterran cadáveres, enterran semente ”.   

Nada puido coa súa enerxía liberadora. A impresionante actitude de Moncho diante tanta amargura deixouna reflectida nos seus diarios, nos que simbiotizando as súas crencias relixiosas coas súas ideas políticas manifestaba  “cando pásanse 72 horas, poucas fora pero dentro séculos, nas chekas da paz policial de candado, morte e tortura un principia a ser outro  porque faise home galego. Principia a ser un con todos, unha man cinguida a moitas. A pesares dos medos, torturas e golpes, un énchese de ledicia. Decátase que xa é un máis para completar a liberación de Cristo morto fai moitos anos pola causa da Xustiza Popular. Un séntese cheo de ledicia porque  un principia a ser patriota  galego, crente galego”.

É certo que as loitas sempre son accións colectivas, pero en determinadas circunstancias xorden persoas realmente extraordinarias que se converten en símbolos  exemplarizantes para a reafirmación das arelas desas colectividades polos seus obxectivos. Galiza sabe diso nas persoas de Alexandre Bóveda, Daniel Castelao, Moncho Reboiras, ou Manuel Ponte, por citar algunhas das máis senlleiras. Moncho Valcarce, sen dúbida, engrosa esta lista. Como di o noso compañeiro da Irmandade, o tamén cura, Gumersindo Campaña, Moncho, a pesares de amosar unha grande admiración por outro colega presbiterial como Basilio Álvarez na súa etapa de líder agrarista, foi moi superior a el en compromiso xeneroso e coherente atá o fin. 

"Alexandre Bóveda, Daniel Castelao, Moncho Reboiras, ou Manuel Ponte, por citar algunhas das máis senlleiras. Moncho Valcarce, sen dúbida, engrosa esta lista".

Moncho é un símbolo para Galiza, e para o sindicalismo agrario que tivo a súa xenese nas Comisións Labregas.  

O movemento agrarista (As Encrobas, Baldaio, Xove, Portodemouros,Tordoia, Fruime, Cuota empresarial,etc,etc) de principios da inacabada e inacabable transición, converteuse, entón, coas súas loitas, na referencia simbólica antisistema do nacionalismo, é dicir un sistema democrático trucado que nos querían impoñer (e que desgraciadamente remataron impoñendoo) pero aquelo propiciou a toma de conciencia de miles de mozos e mozas, paradoxalmente, maioritariamente urbanos, con inquedanzas políticas, que viron no nacionalismo dinamizador daquela revolución agraria o lugar onde expresar as súas arelas de liberdade reprimidas, atá entón, polo franquismo. E dá boa conta delo o enorme éxito que tivo a fundación da ANPG, ou as enchentas das rúas de Compostela os días da Patria daquela época, a pesares da represión policial, ou o abarrotamento dos pazos dos deportes nas primeiras eleicións democráticas, onde o cura das Encrobas, que se presentaba para o senado polo BNPG na Coruña, convertíase no protagonista daqueles mítines, recibindo os aplausos máis atronadores duns asistentes entregados e entusiasmados coas súas proclamas, por certo as máis radicais dos falantes. 

Cremos honestamente, os da Irmandade que vivimos aquelo, que o nacionalismo de hoxe herdeiro daquel, moito lle debe a Moncho Valcarce, activo imprescindible daquel agrarismo indomable. Porén, pensamos que co paso do tempo vai sendo esquecido cando non ignorado por moita xente, e nosoutros somos incapaces, polo medre das nosas limitacións en canto escaseza de persoas e abundancia de idade, de facer máis ao respecto.     

"Moncho é un símbolo para Galiza, e para o sindicalismo agrario que tivo a súa xenese nas Comisións Labregas".  

Agora, aos 20 anos, a Irmandade chegou a un punto de inflexión e reflexión no que temos que buscar novas vías de continuidade que indubidablemente non poden ser as mesmas, non só pola nosa incapacidade, senón tamén porque os tempos mudaron e ademais da crise que nos afoga economicamente,  hoxe hai xa moitas celebracións, actos, actividades, homenaxes e recoñecementos que rematan solapándose, e como tantos non somos, moitas veces, acabamos os mesmos non sabendo a cales ir. 

Deste xeito, coa celebración deste 20 aniversario pechamos, pois, unha longa etapa dun xeito de homenaxear a Moncho para procurar outras formas de lembranza, de lealdade, de valoración e de cariño no que perpetuaremos  o seu recordo imperecedero, e aí seguirémonos vendo os que fixemos de Moncho Valcarce o noso aliciente e de Galiza o noso alicerce.

(Extracto da intervención da Irmandade Moncho Valcarce na homenaxe a este crego no seu 20 aniversario).

Comentarios