Opinión

Cautivos da pseudocracia

A Pseudocracia é unha forma de definir a falsa democracia, non é unha ditadura, senón a alteración dunha democracia real con limitacións lexislativas impostas abusivamente por poderes fácticos en función de intereses concretos e non dos xerais. En definitiva, a pseudocracia é unha restrición da liberdade, base fundamental da democracia. En España impúxose esta deturpación democrática baixo o patrocinio dos descendentes da ditadura e co beneplácito dunha esquerda amedrentada por un temor máis psicolóxico que real dada a situación de democracia avanzada europea coa súa unidade en marcha, onde ata Portugal entrara nese ámbito, o cal facía imposible a supervivencia da anomalía política española por moito tempo. Morto Franco e Carrero, máximas e fundamentais figuras do goberno, a continuidade da ditadura quedaba coutada, en tal caso, a unha sobrevivencia exigua e inaturable, e se caeu o inexpugnable muro de Berlín caería tamén o muro franquista, e se  os antifranquistas  aguantamos 40 anos, ultimamente cunha oposición moito máis forte e organizada, ben poderíamos aturar un pouco máis esta aberración europea sen rumbo, e así conseguiríamos unha auténtica democracia sen interferencias, a ansiada liberdade, o máis preciado do ser humano, o único que faría posible unha convivencia aberta e tolerante e, polo tanto, unha sociedade avanzada equiparable ao menos ás que temos por riba de nós.

A esquerda maioritaria estatal non estivo polo labor, e as consecuencias do acordo compartido deu lugar a un permisivismo abraiante das secuelas da ditadura

 

Pero a esquerda maioritaria estatal non estivo polo labor, e as consecuencias do acordo compartido deu lugar a un permisivismo abraiante das secuelas da ditadura, o cal propiciou por unha parte satisfacer aos que a viviron e tiveron empatía con ela e, por outra, aos que non a viviron un descoñecemento absoluto do que significou e, polo tanto, a conseguinte indiferenza sobre o ocorrido que deu lugar a que os descendentes do franquismo campen polos seus respectos ante a apatía da maioría da poboación e, así, subrepticiamente vaise impoñendo unha sociedade para á que a liberdade e a democracia, lonxe de ser valores interiorizados popularmente como esenciais e polo tanto intocables e indestructibles, non sexan máis que conceptos formais nos que se satisfacen mecanicamente votando cando toca, pero carentes dunha animadversión conscentemente destrutible contra todo o que signifique o seu contrario como é a ditadura.

Daquelas concesións veñen estas capitulacións, e aí temos sobrados vestixios públicos do franquismo por cantidade dos nosos pobos

E daquelas concesións veñen estas capitulacións, e aí temos sobrados vestixios públicos do franquismo por cantidade dos nosos pobos, porque hai xente que  protesta se llos quitan; a incapacidade de declarar formalmente ilegais as sentencias dos tribunais franquistas, porque hai xente que lle dá o mesmo; a imposibilidade de rematar co mausoleo de descanso do ditador, porque hai xente que non lle importa; a alcaldes do PP que locen orgullosos a foto do ditador en despachos oficiais porque contan coa aquiescencia dos seus paisanos; asociacións ou persoas que declaran abertamente o negativismo do xenocidio franquista da posguerra e a exaltación do ditador porque saben que teñen aínda un amplo quorum; os familiares das víctimas que procuran os seus corpos asasiñados, en condicións imposibles, porque un goberno non lles fai nin caso cando sabe que non lle quita ningún voto; ao nacionalcatolicismo clerical lanzando as súas prédicas reaccionarias sen recato ningún, porque sabe que mantén un auditorio fiel. E así poderíamos continuar para demostrar que,  a pesares do interese da xente que traballa na memoria histórica e os escasos rupturistas que fan o que poden, seguimos coa inconsecuencia dunha democracia cautiva, resulta indicativo que en España non exista ningún museo oficial da resistencia antifranquista  como hainos por toda a Europa  da resistencia contra o nazismo, ou un memorial dos milleiros de mortos en campos de concentración españois, franceses e nazis, como o famoso de Mathausen, ocasionados pola insurrección fascista de Franco. Aquí a dignidade das víctimas e loitadores antifascistas esborrallouse nunha febleza institucional vergoñenta. O mal menor que aceptou aquela esquerda española na transición resulta agora o mal maior para poder reverter na cidadanía a súa desidia, cando non total ignorancia, sobre a traxedia que significou a ditadura franquista para millóns de persoas.

Comentarios