Opinión

Cante les esperances i plore la poca fe

Deixarse de lerias e a tocar a rebato porque chegou a hora da verdade. En Catalunya e grazas aos cataláns, (“nunca tantos debémoslle tanto a tan poucos”) estase poñendo en cuestión algo previo a soberanía, estase loitando pola democracia efectiva do estado español ata o de agora secuestrada. A derrota dos cataláns será a continuidade do profranquismo e isto aféctanos a todos e todas, porque non vai ser unha derrota amigable senón un sometemento violento, ou non é violencia o amedrantamento sobre os funcionarios coa advertencia de que perderán emprego e soldo se se prestan a colaborar co referendo? Non é violencia as coaccións aos alcaldes de Catalunya sobre as consecuencias represivas que lles poden caer se deixan os seus locais para as votacións? Non é violencia a persecución da garda civil de imprentas onde se poden editar as papeletas das votacións? Non é violencia que esas papeletas teñan que facerse na clandestinidade, quizais en pisos francos como na época da ditadura cando toda a policía estatal as está buscando? Non é violencia as ameazas de cárcere ao goberno da Generalitat? Non é violencia a incitación ao odio a todo o catalán por parte da brunete mediática, xornais, televisións e radios españolas, que ata seguramente os restaurantes españois, atemorizados, quitaron do postre dos seus menús a “crema catalana”? Non é violencia a intención de declarar un estado de excepción anulando a súa autonomía? Non é violencia as declaracións de Rajoy, presidente do goberno, dicindo que utilizará todos os “medios necesarios” sen facer excepción de ningún tipo, o cal significa que mesmo armados, para o “cumprimento forzoso” dunha constitución tuneada que por certo en Galiza e Euskadi non quedou validada cando entre a abstencións e votos en blanco superaron o 50 % do censo de votantes?

Non é violencia a incitación ao odio a todo o catalán por parte da brunete mediática, xornais, televisións e radios españolas, que ata seguramente os restaurantes españois, atemorizados, quitaron do postre dos seus menús a “crema catalana”?

 

En Catalunya non só se está xogando a súa soberanía, senón que se está xogando a ruptura co profranquismo que nos invade e a reconfiguración dunha democracia real, e isto aféctanos a toda a cidadanía do estado e dos seus  pobos, polo que deberíamos manifestarnos unitariamente, pacíficamente a xente que si fronte a un goberno que non, amosando a nosa total solidariedade diante da valentía que están demostrando os cataláns na súa loita de David contra Goliat.  

Xa non é tempo de teorizar, é tempo de actuar firmemente por un estado das liberdades que dea fin, por fin, aos borrallos da ditadura, non podemos perder esta oportunidade. O 1-O reflicte, dalgún xeito, a liberdade dun pobo ou seguiremos perduts en la nit buscant la llum.

Comentarios