Opinión

Aptitudes máis actitudes

Xa vai moito tempo que xente tanto integrada, como próxima ao BNG, chamábanlle ao problema que tiña, de discurso, é dicir, posuía toda a razón no que dicía pero non sabía inoculalo axeitadamente nos miolos da xente, pola contra o que conseguía era rexeitalo cada vez máis ata facer que moita xente o considerase un partido “antipático”, e un partido antipático pode ter toda a razón do mundo, pero o seu rexeitamento está asegurado. Pois, efectivamente, este é un dos seus grandes defectos, que as boas aptitudes que amosan non concordan coas actitudes que trasluce a través da acritude de non poucos ou poucas dos seus membros e isto que parece secundario resulta fundamental. Por iso é un sopro de aire fresco a irrupción dunha esvelta moza, segura de si, de doado sorriso, calmo, agradable e claro falar, carácter amable, ao que hai que engadir a súa virtuosidade na utilización das mans que nunca vin nun líder (a quen os asesores soen poñerlle un bolígrafo  porque non saben que facer con elas) pero que resulta moi importante na reafirmación, convicción e na forza do que se di, aínda que ela non se decate porque é algo innato, non estudiado. Ela, por suposto, é Ana Pontón

É un sopro de aire fresco a irrupción dunha esvelta moza, segura de si, de doado sorriso, calmo, agradable e claro falar

Cando preguntáronlle en Vía que calificase a unha serie de políticos, chamoume a atención o  caso de Beiras, porque ao ser algo espontáneo resulta difícil a contestación máis aínda de tal personaxe, e resultou que deu unha rápida resposta expresando a corrección, a actitude da que falamos, esencial para xerar atracción e non detracción. “Decepcionoume”, non houbo acritude, oprobios, desprestixios, en fin, nada de recorrer a unha frase dunha retahíla de improperios que tantos recibiu da “casa Bloque”. A decepción non é máis, nin menos, que unha crítica dunha persoa da que esperaba un xeito de actuar, porén fíxoo doutro co que non concorda, pero non ofende, sinxelamente expón o seu criterio. Esta forma de actuar pode ao menos invitar á reflexión do interlocutor, o insulto obriga ao interlocutor a botalo directamente ao cesto dos papeis.

En definitiva, ao Bloque-UPG as aptitudes se lle supoñen. Actitudes…”Nós” foi un principio, por certo criticado dende dentro por un trogloditismo enquistado nunha parte destas organizacións. A ver agora con Ana Pontón, a quen votarei con moito gusto, aínda que ao final o resultado me dea un desgusto, pero como di Galeano o importante é camiñar.

Comentarios