Opinión

Monumento ao 10 de marzo: símbolo da clase obreira galega

Hai tan só unhas semanas, presentábase no Parador de Turismo de Ferrol a iniciativa que Memoria Histórica Democrática e a Asociación Fuco Buxán, apoiadas por unha vintena de agrupacións e centos de cidadáns, elaboraran para celebrar, no 2022, o 50 aniversario dos tráxicos acontecementos sucedidos en 1972 a nivel de Galicia, primeiro en Ferrol e, inmediatamente, en Vigo e outras localidades, dando lugar ao recoñecemento parlamentario da xornada do 10 de marzo como “Día da Clase Obreira Galega”.

No devandito manifesto, que expresaba a vontade de considerar todo o ano afectado por esa celebración, sinaláronse algúns trazos fundamentais dese aniversario, destacando, entre eles, un tema concreto: a vontade de rescatar da vergonzante marxinalidade o simbólico e significativo monumento que lle fai xustiza; para iso, resulta imprescindible o seu traslado ao centro da praza, onde lle corresponde de pleno dereito.

Tras as obras de remodelación da entrada á cidade e a creación dunha praza, desprazando lateralmente as estradas de entrada e saída, o Monumento ao 10 de marzo foi marxinado de forma extrema

En paralelo, reclámase a denominación de “Praza do 10 de marzo” ao espazo público abarcado.

No seu día, o 12 de setembro de 1994, publicara na prensa unha carta dirixida ao Sr. Alcalde, lembrándolle que a remodelación de toda a zona desprazara a localización do monumento. 

Naquel escrito, expresábame nos seguintes termos: Tras as obras de remodelación da entrada á cidade e a creación dunha praza, desprazando lateralmente as estradas de entrada e saída, o monumento ao 10 de marzo foi marxinado de forma extrema…

Aténdonos á Verdade Histórica, a intervención policial do día de autos, coa pretensión de cortar pola metade a manifestación que, desde a estrada de Castela, discorría xa pola Estrada das Pías (denominada naqueles momentos como Av. Jorge Vigón), chegou e até superou a actual zona de emprazamento do monumento, ata que a heroica resposta dos traballadores -pedras contra fusís- obrigoulles a retroceder e refuxiarse no Cuartel. 

Esa brutal intervención “das forzas da orde” obrigou os traballadores a desprazarse á zona de entrada da estrada para pórse a salvo.
Quen fomos testemuñas directas dos feitos sabemos que foi o lugar que hoxe ocupa a “Porta Nova”, o centro de todos aqueles feitos, que haberían de culminar coa morte dos compañeiros Amador e Daniel por disparos da Policía, que causaron, ademais, numerosos feridos indefensos, reos do delito de demandar unha vida digna para as súas familias.

Por todo iso, reclamo a maior atención a esta esixencia e o seu cumprimento, cando transcorreron 50 anos daqueles acontecementos

Sabemos tamén que as dúas vías de entrada e saída á cidade coincidían co centro da actual praza, polo que a nosa pretensión de traslado do monumento está máis que xustificada.

Por todo iso, reclamo a maior atención a esta esixencia e o seu cumprimento, cando transcorreron 50 anos daqueles acontecementos, con proxección histórica, presentes aínda nunha memoria cidadá, merecedora de verdade e de xustiza. 

Si, “…esiximos un decoroso e digno emprazamento do monumento en lugar privilexiado da nova Praza…”, facémolo para sacalo da incomprensible marxinalidade a que, por razóns non o suficientemente explicadas, se viu relegado. O seu autor, Xoan Xosé Braxe Rei, artista comprometido e solidario, tamén o merece.

A efeméride do 10 de marzo significa para Ferrol e as súas traballadoras e traballadores -como o representa para Galicia (e aínda máis aló)-, unha data de ineludible referencia no longo camiño por conseguir dereitos e liberdades que a ditadura franquista negara por máis de corenta anos á Sociedade Española.

A Clase Obreira Galega hoxe demándanos que tanto esforzo, tanto sacrificio, tanto sangue derramado non sexan en balde e, de igual modo, que se lle recoñeza o seu protagonismo na vangarda, ao longo e ancho da nosa longa noite de pedra, algo que, por desgraza, están a pretender sepultar no esquecemento unhas voces que só representan o rostro máis escuro e sinistro do fascismo ilustrado.

Comentarios