Opinión

Xente do carallo

Compartín algunhas noiteboas co meu paisano Laxeiro, bo amigo de meu pai, que acuñou a frase "que fermoso país, mais que xente do carallo"... non lle podo negar que algo de razón tiña. Vivimos nun país no que a xente é seguidora dun partido político, como se dun equipo de fútbol estivésemos a falar. O "cambio" nestas circunstancias é complicado, e o mérito de loitalo e conseguilo é dobre.

Acomodámonos, -uns máis que os outros-, a realidades que detestamos, ao mesmo tempo que temos medos inconfesables a posibles cambios que só poden ser a mellor. A Galicia que algúns queremos é a de veciñas e veciños valentes, que sexan capaces de facer fronte ás adversidades, e capaces de dicirlles aos políticos, mirándoos aos ollos, que até aquí chegamos... Seguramente teña que pasar unha xeración enteira para que isto suceda, mais nós temos a obrigación de ir poñendo as nosas modestas "picas en Flandes"... ou en San Caetano.

Comentarios