xoves 06/08/20

O leite e o futuro de Galicia

Vivimos días moi tristes para o campo galego; días nos que o sector do leite observa impotente como os nosos gandeiros van cara unha ruína vergoñenta


Vivimos días moi tristes para o campo galego; días nos que o sector do leite observa impotente como os nosos gandeiros van cara unha ruína vergoñenta baixo o paraugas das administracións públicas, que semellan máis preocupadas por que non lles afecte o problema, que por buscar solucións.

O campo galego morre, mentres os de sempre seguen con discusións bizantinas en bucle, e con reunións bizarras, máis propias de seres sen alma que vagan polo universo da irrelevancia, que de homes e mulleres fornidos dispostos a iniciar unha dura batalla.

Se non partimos da unidade do sector e da intención de conformar un gran grupo lácteo galego, comarcas como a do Deza, A Pastoriza ou Santa Comba teñen un futuro escuro

Galicia é un país no que a industria e as distribuidoras, ante o silencio cómplice de demasiados, campan ás súas anchas por riba da dignidade dos produtores do leite. Os tetos das vacas, que xeran vida en forma do leite que a tantos alimentou, pasan a seren inimigos dunha industria incapaz de decatarse de que a morte inducida do sector do leite é a morte dunha Galicia na que probablemente non cren.

Se non partimos da unidade do sector e da intención de conformar un gran grupo lácteo galego, comarcas como a do Deza, A Pastoriza ou Santa Comba teñen un futuro escuro que sen dúbida se transmitirá ao resto de sectores económicos, ao ser estratéxico e estrutural nas nosas comarcas.

Por todo iso creo que os galegos debemos facer unha demostración de forza e de apoio ao sector do leite, acudindo á manifestación convocada pola Plataforma este venres, 17 de xullo, en Compostela. Debemos demostrarlle a algúns poderes fácticos que co leite, que é vida nas nosas comarcas, non se xoga. 

Ou non?

comentarios