Opinión

Europa, circo e pragmatismo

Pois xa están todas as cartas sobre a mesa cara os comicios europeos, e un, que é europeísta por convicción, non pode máis que sentir unha mestura entre ledicia e decepción, ante o previsible das apostas das diferentes forzas políticas representadas neste país.

Pois xa están todas as cartas sobre a mesa cara os comicios europeos, e un, que é europeísta por convicción, non pode máis que sentir unha mestura entre ledicia e decepción, ante o previsible das apostas das diferentes forzas políticas representadas neste país.

"A miña decepción vén pola imposibilidade dunha grande fronte galega, e a dispersión do voto nacionalista-galeguista por culpa dos egos, á marxe dos proxectos políticos".

Alegría por observar que desta volta, todos somos un pouco máis conscientes da importancia que teñen estas eleccións europeas, e o decisivo das políticas impostas por Bruxelas para o futuro desta terra, periférica, mais orgullosa dun pasado escurecido polo triste presente. A miña decepción vén, como saben os lectores habituais desta columna, pola imposibilidade dunha grande fronte galega, e a dispersión do voto nacionalista-galeguista por culpa dos egos, á marxe dos proxectos políticos. Tanto Paulo Carlos López, como Ana Miranda ou Lidia Senra, son candidatos moi válidos para representar os intereses de Galicia en Europa, á marxe dos intereses dos partidos cos centros de decisión en Madrid, cuxas arelas non sempre coinciden coas desta terra. Sería necio negar o excelente traballo de Ana Miranda en Bruxelas, como tamén o sería facelo co perfil dunha muller loitadora como Lidia Senra. Sería insultante non apreciar as evidentes virtudes de Paulo Carlos López, que reflicten forza, ilusión e formación e sería triste non apostar por forzas galegas comprometidas con este país, por esa tendencia tan nosa á autodestrución dos nosos intereses como nación.

"Os galeguistas deben apostar por votar a Compromiso por Galicia ou BNG. Pragmatismo electoral puro e duro…"

Agora ben, chegou o tempo dun certo pragmatismo no que a Galicia lle interesa que os seus representantes estean nas cadeiras europeas, non coma parte do decorado, ao máis puro estilo Millán Mon, senón como activos europarlamentarios, vixiantes ante troikas deshumanizadas, e xermano-dependencias varias. A coalición entre Izquierda Unida e Anova, presume lexitimamente de ter unha candidata en postos de saída, “que vai estar no Europarlamento seguro” (SIC)… ante esa seguridade, que non serei eu quen a negue, penso que todos os galeguistas deben apostar por votar a Compromiso por Galicia ou BNG, que en principio non teñen os seus candidatos “en postos de saída”, e así atoparémonos coa situación ideal de que tanto Paulo Carlos López, como Ana Miranda, tamén estarán en Bruxelas, xunto á “segura” presenza, segundo eles, de Lidia Senra. Pragmatismo electoral puro e duro…
Despois dos comicios, será tempo de novo para volver a sentarse a falar da necesidade de mudar aos actuais actores principais, para que o nacionalismo político desta terra avance, e os mesmos que poñen atrancos no camiño da unidade, pasen a formar parte dos museos da nosa historia política, como habitantes dun paleolítico político, no que as pinturas rupestres xa amosaban loitas cainitas necesariamente superables.
Ou non?

Comentarios