Opinión

De que estamos a falar?

Unha campaña electoral, de ter que existir, debería ser unha demostración palpable dos diferentes proxectos políticos que os distintos partidos ofrecen a unha ilusionada cidadanía. Este debería ser o estadio ideal no que se moveran os candidatos, e as súas caravanas electorais percorrendo a nosa xeografía e a de Hespaña. A realidade, como podemos observar todos os días, e unha moi diferente.

Unha campaña electoral, de ter que existir, debería ser unha demostración palpable dos diferentes proxectos políticos que os distintos partidos ofrecen a unha ilusionada cidadanía. Este debería ser o estadio ideal no que se moveran os candidatos, e as súas caravanas electorais percorrendo a nosa xeografía e a de Hespaña. A realidade, como podemos observar todos os días, e unha moi diferente.

"Arias Cañete e Elena Valenciano, son candidatos con patoloxías claras, e dificilmente curables, cuxo tratamento político non recolle ningún Vademecum".

Tanto Partido Popular, como o propio PSOE, ou as súas marcas brancas en forma de siareiros de Rosa Díaz, atópanse cómodos cun perfil de campaña máis próximo aos vicios inconfesables de Morfeo, que a un mecanismo democrático utilizable para mellorar a calidade de vida do pobo. Todos eles adormecen á súa poboación, poñendo candidatos cuxos debates televisivos convidan ao espectador a cambiar de canle, ante a posibilidade dun harakiri neuronal, inducido polo espectáculo para nasciturus que propoñen para vergoña de todos. Arias Cañete e Elena Valenciano, son candidatos con patoloxías claras, e dificilmente curables, cuxo tratamento político non recolle ningún Vademecum. A mediocridade na mensaxe, o recurso fácil á xestión anterior do rival, e o retrotraerse a universos paralelos creados ad hoc, ao marxe da cidadanía, non é máis que a constatación da necesaria fin dun bipartidismo absolutamente responsable da situación actual.

 "Nas terras da Galicia, vivimos o intento de silenciar mediaticamente ás dúas forzas netamente galegas que concorren a estes comicios europeos, Compromiso por Galicia e o BNG".

Mentres, nas terras da Galicia, vivimos o intento de silenciar mediaticamente ás dúas forzas netamente galegas que concorren a estes comicios europeos, Compromiso por Galicia e o BNG. Os primeiros como se unha opción galeguista e progresista puidese molestar a un poder establecido que non quere dar ás a un proxecto sólido de futuro para esta terra, e ao BNG con peticións fascistoides como as de UPyD de calalos fronte a milleiros de electores galegos. Esta é a caste política que temos, e estas son as actitudes dos servís co poder. Potencian aos que non queren saber nada da cidadanía, e intentan calar aos que están ao seu carón. A subsistencia de empresas ruinosas é o motivo, e a súa vergoña diante desta sociedade.

Eu votarei en galego; fareino a forzas cuxa prioridade sexa o futuro desta Galicia sufridora e nunca recompensada. Terei en conta a aquelas forzas cuxa submisión so sexa aos intereses desta terra e non ao que impoñan dende máis alá do Padornelo. Porque a única obediencia que entendo é ao pobo galego, e todo iso está moi afastado do que durante demasiado tempo representa o bipartidismo.
Ou non?

Comentarios