Opinión

O cocido é de todas e todos

Lía este pasado domingo un texto do concelleiro da oposición José Crespo sobre a Feira do Cocido deste ano, polo que só podo ter para el palabras de agradecemento.

Que a Feira foi este ano un éxito rotundo non se lle escapa a ninguén. Un logro só atribuíble ao traballo das e dos lalinenses, que grazas á calidade da nosa hostalaría e do noso excelente comercio, fai que a materia prima que temos, poña en valor todo o potencial gastronómico, cultural e económico que ten este Concello do corazón da nosa terra. Moita culpa deste éxito teno quen para min sempre será o Alcalde Crespo. Traballou moitos anos para que a Feira sexa o que é hoxe, e así o recoñecín publicamente tanto nos actos oficiais do Concello, como no xantar solidario, no que este ano todo o mundo pagou por primeira vez o seu cocido.

Recoñezo que non me gusta ver sufrir ao Alcalde Crespo. A democracia ten estas cousas... 25 anos es Alcalde, e ao día seguinte xa non. O problema vén cando cres que o Concello e os lalinenses son o teu coto particular, como se da novela de Delibes Los Santos Inocentes estivésemos a falar. Sei que hai moita xente que comenta en Lalín que un Cuíña puxo a Crespo na alcaldía, e outro Cuíña quitoulla... é certo que Xosé Cuíña deixou a metade de mandato a Crespo como rexedor, pero quen o quitou 25 anos despois non foi Rafa Cuíña, foi o pobo de Lalín votando democraticamente unha alternativa, canso de tanta prepotencia e de tanto observar que os que son simples mortais creran ser deuses do olimpo por riba do ben e do mal. Nin máis nin menos.

Recoñezo que non me gusta ver sufrir ao Alcalde Crespo. A democracia ten estas cousas... 25 anos es Alcalde, e ao día seguinte xa non

Levo máis dunha década escribindo artigos de opinión nos medios máis importantes de Galicia, e noto rapidamente algunhas cousas, cando leo un texto firmado por alguén incapaz de utilizar determinada linguaxe. O artigo do Alcalde Crespo foi escrito por outros, de xeito literariamente patético e politicamente cómico. Os dous temos conceptos diferentes do que debe ser a Feira do Cocido, e entendo que ambos lexitimamente válidos. A el gústanlle actos de pompa e boato con persoeiros capados a modo de “santa compaña” de elites autoimpostas, e a min gústame premiar as nosas aldeas que loitan por mellorar o noso entorno. A el gústanlle xantares oficiais a costa do peto dos lalinenses, e a min que sexan solidarios en beneficio de nenos con problemas. A el gústanlle palcos nos que contemplen por riba do que consideran “populacho”, prebostes “hacinados” a modo de elite, e a min que dende o Presidente da Xunta até calquera de nós, sexamos iguais.

Pepe Crespo é unha persoa que quero e valoro, pero non pode ter o comportamento propio dun neno ao que quitaron o balón no recreo

Pepe Crespo é unha persoa que quero e valoro, pero non pode ter o comportamento propio dun neno ao que quitaron o balón no recreo. A súa traxectoria non merece un final propio de “anxo caído” incapaz de asumir que na democracia o pobo é quen máis ordena, e o poder municipal é só unha cuestión temporal. Pídolle polo ben dos lalinenses, e pola súa propia estabilidade emocional, mesura, respecto institucional e actitude construtiva. O seu retiro dourado no Senado do Estado pódelle servir para valorar unha traxectoria política brillante durante moito tempo, pero que arruinaron os erros inducidos polos mesmos que lle escriben os artigos.

En Lalín corren novos tempos, momentos de cambio nos que a Feira do Cocido xa non é a escusa para a exhibición do poder do PP. Agora é un evento no que están socialistas, populares, nacionalistas e alcaldes das mareas. Plural e aberto a todos os veciños en condicións de igualdade, que poden soportar perfectamente que o ego dos prebostes estea por debaixo da liña do socialmente admisible, e que Lalín volva a ser un dos epicentros da noticia por políticas sociais exemplares, e de recuperación do rural, fronte á obsesión do Alcalde Crespo de saír en “Corazón, Corazón” deixando entrever frustracións existenciais de persoa á que o “famoseo” cega de xeito preocupante, mentres a veciñanza asiste indignada ao postureo dos que viven en universos paralelos aos que sofren a dura realidade de todos os días.

Ou non?

Comentarios