Opinión

‘O Paxaro de nácara’, un canto á hibridación

Unha muller olla desde a casa da súa avoa o que xa non existe, o que xa non é. Unha aldea, un camiño de ida e volta, decisións que se bifurcan en vieiros.

Así se constrúe O paxaro de nácara, un mural no que se debuxa un mundo transfigurado, deformado pola anomalía da emigración. Sucesivas vagas traen e levan esperanzas, rituais de despedidas. Un pai que marcha á incerta procura dun futuro. Venezuela, Panamá, México, Barcelona. Rutas marcadas en mans e pés; o traballo, o gran rei. Infancias roubadas pola falta de oportunidades, talentos perdidos nunha leira ou tras unha carreta que vai recollendo piñeiros para a reconstrución do país queimado pola guerra. Paisanos que axudan no exilio; outros aproveitan a desfeita para o propio beneficio. Historias de éxito e derrotas, soños cumpridos e abandonados, luz e sombras ás costas. Pezas dun mosaico con nomes e apelidos, un paso adiante e outro atrás, como dixo o poeta, a peito descuberto. 

Nélida, a protagonista de O paxaro de nácara, constrúese daquela como tantos fillos da diáspora, nesta realidade, na conciencia dun hibridismo cultural que se reivindica na lingua materna da familia, compartida coa aprendida na escola en tempos da ditadura, e á que se engade a lingua do novo país de acollida.

O cruce como sentimento, a pertenza como dúbida permanente. A gastronomía como o mellor símbolo de identidade: o pan, a bica, as canas de crema, as mil empanadas, o polbo. Vodas pantagruélicas, orxías de sabores. E tamén aquí a mestura: os tacos e as arepas nas casas dos temporalmente retornados. Palabras incorporadas como propias, froito desa pinche transhumancia tan chévere. 

Unha crise de identidade que asemade se proxecta en decisións vitais que poden mudar o mundo afectivo persoal. Danos colaterais que se repiten, outra volta, na emigración dos convulsos oitenta, esta vez encarnada no Elías, o seu mozo, que decide marchar a México rompendo a relación. Agora, ambos os dous atópanse de novo na aldea común, o pequeno Macondo reconvertido en refuxio de vacacións. Coma eles, outras parellas da novela deberán afrontar resolucións semellantes. Segundas oportunidades que se ofrecen, aparentemente, como un novo comezo capaz de sandar feridas. 

Máis alá do retrato dunha época e os seus cambios, a novela non pretende ser un tratado de socioloxía, senón unha lectura de entretemento

Feás como núcleo que se irradia. Festas baixo a influenza dos santos patróns como puntos de encontro: Boborás, O Carballiño, O Ribeiro. Lugares nos que os seus moradores itinerantes loitan contra este desarraigamento. Malia a distancia sempre aniña neles a patria, o novelo que turra, que reclama o que é seu. Aldeas onde diferenzas case tribais entre familias perseguen a hexemonía. Segredos agochados durante xeracións, alimentando desgrazas. Azares que xogan unha partida de cartas co destino, póker de vaidades. 

O paxaro de nácara é, pois, a descrición dun marco que se move entre o relato costumista e unha homenaxe a unha época que esvaece. Sempre entre a modernización e a reivindicación do enxebre, cantando bravú porque fai un sol de carallo mentres estamos a velas vir nunha partida brava de futbolín, seseando e en gheada como un arma de defensa; modelos de sociedade en demolición. Mundos novelados casando pezas imperfectas, lembrado a medias a través das trampas da memoria: recordos nítidos, flashes fugaces, datos cuantificables, e sobre todo, sentimentos e sensacións. Un relato subxectivado na mirada da protagonista que é quen lle explica ao narrador da novela a súa experiencia. Todo o contado veuno ou escoitouno Nélida, facéndonos partícipe de todas as súas dúbidas e inquedanzas. Investigamos a carón dela que foi o que aconteceu nos fragmentos escuros da historia, esas mortes que suscitaron sospeitas. O enigma do cotián que nos acompaña. 

Pero máis alá do retrato dunha época e os seus cambios, a novela non pretende ser un tratado de socioloxía, senón unha lectura de entretemento, de pasalo ben lendo. De aí a escrita clásica, con anécdotas e personaxes que deambulan nun desenvolvemento lineal, con trazo claro. Unha novela coa que poder reflexionar sobre por que somos quen somos, vítimas inocentes, en deconstrución.

Comentarios