Opinión

Con todo aínda hai e haberá esperanza

Rematando o 2016 gustaría estar falando máis das amabilidades que das decepcións ou infortunios. Non foi este un ano doado. Foi un ano rabudo, contraditorio, por momentos caótico; un ano de revolucións silenciadas, de tímidas iniciativas rapidamente bloqueadas, de importantes adeuses, persoais e políticos; un ano de mudanzas que aínda están por facerse.

O que puido ser un posible cambio de rumbo no Estado quedou nunha grande e escura nebulosa onde continúan mandando os de sempre, os que non están dispostos a cambiar nada. Non maduramos moito politicamente;  seguimos, en xeral,  cos mesmos problemas que abren a porta á vitoria das políticas de austeridade, da involución do sistema educativo, do sistema sanitario, dos dereitos sociais e laborais; continuamos repetindo os mesmos erros sen entender que é o que falla.

Alarmante é tamén o crecente nivel de agresividade que nos envolve. Na frustración xeral adiviñase que non fomos capaces de facer o traballo de auto crítica e respecto que deberíamos ter feito;  son aínda demasiados os que esperan que os problemas se resolvan maxicamente, sen pór nada da súa parte. Non, non basta con pechar os ollos ou mirar a outro lado ; e non, non hai avance se un non se move.

Foi un ano rabudo, contraditorio, por momentos caótico; un ano de revolucións silenciadas, de tímidas iniciativas rapidamente bloqueadas

Nestes días temos que falar outra vez do terrorismo, da misoxinia, do vilipendio, da ruindade, da agresión, da pasividade e complicidade covarde que acompaña sempre a violencia de xénero... tres mulleres asasinadas en menos de 48 horas... son xa demasiadas para silencios respectuosos. Hai que facer algo máis... seremos capaces de facelo neste novo ano que comeza?

E os medios de comunicación, que responsabilidade teñen en todo este esperpento machista? Cantas veces teremos que exercer a nosa responsabilidade urxente de puntualizar as palabras que a maioría da prensa utiliza para informar destes asasinatos? Non hai nada que poida xustificar esta lacra, este terrorismo. Hai que actuar de oficio, isto hai tempo que é un problema de Estado, un problema de todos.
    
As imaxes dos refuxiados serven de constante reflexo do que deixamos de ser como seres humanos. Onde quedou a Carta Magna dos dereitos humanos? U-la é a nosa memoria como pobo emigrante que fomos e que seguimos forzados a ser? Reivindicar e fortalecer a nosa memoria debe ser un dos exercicios obrigatorios para un novo ano.

Reivindicar e fortalecer a nosa memoria debe ser un dos exercicios obrigatorios para un novo ano

Rematando o 2016 gustaría falar  da ilusión que se move con rumbo norte, da poesía que nos ofrecen cada día seres excepcionais que nos falan de mar e de natureza; da xente que coñezo que mudou o seu sentido do voto porque entendeu que nada pode seguir igual,  de quen seguiu o exemplo da xente valiosa que pelexa cada día demostrando que a política é máis cunha campaña electoral duns poucos días; gustaría de falar da vitoria do entendemento colectivo fronte ao individual malia todos os intentos de destruír o espírito revolucionario e loitador; falar da lembranza das aprendizaxes que nos chegaron de Sierra Maestra, de novas iniciativas solidarias, de evolución mental, social, persoal.
 
Despedindo o 2016 a conclusión á que chego non dista moito doutras feitas en tempos que indicaron un novo curso. Compromisos que non poden esmorecer porque son eternos. 
Gustaría de falar de moitas cousas que foron, ou das que nunca serán xa, mais prefiro centrarme nos novos proxectos... algún deles son soños...  pero os soños, estou convencida, algún día serán realidade. Porque con todo aínda hai e haberá esperanza. 
 

Comentarios