Opinión

O rodete do PP: quen será o seguinte? #Acuicultura #OCerco #Galicia

O que acontece en Noia merece toda a nosa atención por un momento. Non se trata dun cambio de goberno así sen mais, non... o contexto da loita do Cerco e a polémica Lei de acuicultura (amén doutras cuestións de carácter local) parecen ter que ver moito con este pintoresco cambio de goberno.
  
Miguel Paz é unha desas persoas que non só visitou a acampada do Cerco en múltiples ocasións, senón que defendeu ao sector con contundencia en presencia do Sr. Presidente da Xunta e sempre dixo publicamente que o seguiría facendo ata que se conseguise un reparto xusto.  E o dicía coa mesma contundencia e belixerancia coa que se opuxo á Lei de Acuicultura en distintos foros, dende a súa perspectiva de que todos os sectores de pesca artesanal e de marisqueo estaban ameazados con este proxecto.
 
Nunhas das súas visitas ao campamento, contestaba o Sr. Paz  a miña pregunta sobre como afectaría o Plan de Acuicultura á Ria de Noia  e ao Marisqueo, e ademais de denunciar que se trataba dunha imposición sen ter en conta aos traballadores do mar, dicía estar moi preocupado cun tema fundamental do saneamento das augas da ría e insistía en que este plan ía precisar de moita unidade de todo o sector para enfrontar un proxecto que empobrecería ao sector do mar como nunca. Falábame tamén Miguel Paz da súa intención de tratar de que a UNESCO declarase a Ria de Noia "Patrimonio da Humanidade".

(Chama a atención que o Sr. Freire, deputado no Parlamento de Galicia, participante na Comisión Parlamentar de Medio ambiente votase en contra dunha proposta para Control de Augas e Saneamento das Rias porque dicía que xa se estaba facendo todo o que se tiña que facer... agora parece ter outra visión do asunto... igual que do da Lei de Acuicultura da que, polo que me contan era defensor... ).
 
Os alcaldes da costa, en especial algúns, non se quedaron no mero protocolo de facer resolucións e comunicados a favor do cerco e do futuro do sector de baixura,  senón que están dispostos a ir mais alá, ata onde faga falta para frear esta demoledora imposición de privatización do mar, e protexer o futuro da frota artesanal galega. Molestan? Claro que molestan; molestan e moito porque cada declaración ou acción que fagan vai ter repercusión. Noia era o único bastión do Barbanza que non dominaba o Partido Popular, e visto dende fóra, Miguel Paz  parece ser unha das primeiras vítimas do “rodete” do PP na súa imposición da Lei de Acuicultura... quen será o seguinte?

Comentarios