Opinión

Reino Unido: entre o terror, o debate e a esperanza

Por segunda vez a campaña electoral de Reino Unido veuse afectada e condicionada polo terrorismo. Aumentan as críticas aos recortes do Goberno conservador e ás súas políticas en seguridade, defensa e relacións exteriores. 

De novo planean recortes en liberdades civís cando Theresa May, defensora sen concesión de rachar coa acta de dereitos humanos, di que "Enough is enough" [abondo é abondo] e que internet debe controlarse para fortalecer a loita contra o terrorismo. 

Por que se baixou o nivel de alerta tan pronto? Preguntan algúns. Outros pregúntanse que estiveron facendo os servizos secretos en materia de prevención e se non existe xa ciber-control suficiente para evitar estas accións, que na maioría dos casos baten de cheo na poboación civil. Tamén hai voces que lle recordan a Theresa May que durante seis anos foi a Ministra de Interior e por tanto responsable máxima da seguridade do Reino Unido e dos recortes constantes que agora se fan mais evidentes. 

Tamén hai voces que lle recordan a Theresa May que durante seis anos foi a Ministra de Interior

 

Logo do atentado todos os partidos suspenderon a actividade electoral. Moitos deles fixeron fincapé en que esta debía retomarse o antes posible para ben do sistema democrático. As canles de televisión cambiaron a carteleira de programas e suspenderon os previstos sobre as eleccións, pero ao ver que o comunicado oficial feito por Theresa May foi unha lectura punto por punto do programa electoral dos Tories e que a Ministra de Interior tamén tivo grande cobertura mediática, as críticas foron en aumento.

O líder laborista Jeremy Corbyn explicou, unha vez mais, a súa visión en materia de seguridade. Días atrás a prensa sacou á luz a negativa do Goberno británico a  publicar un informe sobre financiamento a grupos "jihadies". E Corbyn apunta as relacións tóxicas que Reino Unido mantén con países coma Arabia Saudita e urxe, ao igual que outros líderes como Nicola Sturgeon, á publicación dese informe.

Corbyn apunta as relacións tóxicas que Reino Unido mantén con países coma Arabia Saudita

 

Dende o meu punto de vista chega outra vez tarde. Primeiro coas políticas sociais que presenta o seu partido nestas eleccións, sen dúbida unha esperanza en Inglaterra, pero aplicadas xa polo Scottish National Party dende hai anos en Escocia; e agora respecto a venta de armas a Arabia Saudita e as súas conexións con ISIS, porque o SNP, no seu papel de oposición efectiva en Westminster durante estes anos, leva tempo xa pedindo explicacións ao Goberno Tory sobre estes temas, e outros. 

Corbyn, sen dúbida, é unha esperanza para Reino Unido e moitos ven agora posible que poida converterse en Primeiro Ministro. A pregunta, se ese é o caso, é se será capaz de avanzar o suficiente para levar a cabo políticas realmente progresistas (modificando con iso o rumbo que levaba o laborismo nestas décadas)  ou se terá que enfrontar non só os ataques das bancadas conservadoras senón tamén os que lle levan lanzando dende o seu propio partido dende hai moito tempo. 

Mentres Corbyn, xa moi reforzado nas enquisas de intención de voto, terá que seguir demostrando que é capaz de manter a súa palabra e facer honor ao programa electoral;  o SNP é e continuará sendo, case sen dúbida, a terceira forza política na Cámara dos Comúns, cun programa moito mais progresista que o que ofrece calquera outro partido nestas eleccións que se definen este xoves. 

Comentarios