Opinión

Rajoy fronte ao exemplar proceso escocés

Xa onte ameazaba treboada en terras escocesas...

Xa onte ameazaba treboada en terras escocesas... A BBC recollía as declaracións de Mariano Rajoy coma se dunha bomba se tratase. Mariano non leu o Libro Branco que Alex Salmond e Nicola Sturgeon veñen de presentar á sociedade escocesa coma folla de ruta para a independencia; claro, son 670 páxinas en inglés... e non andamos sobrados nin de tempo, nin de ideas, nin de idiomas.

Mariano non sabe moi ben que di o Libro Branco. Descoñece o contido... como o de tantas outras cousas, pero non se corta, ao igual que o noso “queridísimo” señor Almunia, nin lle treme a voz para facer declaracións sobre a pertenza de Escocia a UE... Nen para pedir o voto NON no referendo escocés. Rajoy e Almunia, Almunia e Rajoy, para isto si que andan moi sobrados.

Hoxe a cousa foi a máis e as polémicas declaracións de Mariano xa compartían twitter coas dos de algúns deputados conservadores británicos pedindo a intervención en Xibraltar e a expulsión de Trillo, a ameaza de veto de España sobre a pertenza de Escocia a UE, as políticas xenófobas de Cameron, e evidentemente, o asunto non resolto de Catalunya...

Inxerencias internas

A min daríame vergonza que me puidesen acusar de inxerencias internas en asuntos doutros países. Se opino sobre Escocia é porque teño un forte vínculo dende hai anos con este país, porque estou casada con el, e porque teño familia nel (da que por certo estou moi orgullosa). Sempre dende a base do respeto e da reciprocidade. Eu amo Escocia tal e como a miña familia ama Galiza.

A min daríame vergonza dicirlle ao veciño que ten que limpar a súa casa, e ter a miña chea de merda (perdón pola expresión). Nin dicirlle como ten que levar a súa economía e ter a miña feita un cristo. E xa nin digamos, ameazalo con vetalo se vota algo que non é do meu agrado.

A min daríame vergonza dicirlle ao veciño que ten que limpar a súa casa, e ter a miña chea de merda

A min dáme un pouco de vergonza que me recorden constantemente que ese señor, este, o que acaba de abrir a boca para facer declaracións pensando no que se lle vén enriba pola súa incompetencia sobre o asunto catalán, é galego ou de procedencia galega. Anda que non temos persoeiros dos que sentirnos orgullosos, como para ter a pantasma “rajoniana” coma pesadelo diario!

E eles? Non terán vergonza? Pois parece ser que non. Nin Rajoy, nin Almunia nin Trillo, nin a meirande parte destes que tanto abren a boca para facer críticas aos procesos democráticos doutros países.

Será que Escocia é mal exemplo para as ditaduras da globalización? Que orgullosa estou de Escocia! Que viva Escocia!

Comentarios