Opinión

Escocia: a memoria colectiva e o inevitable segundo referendo

Escocia deixou, durante dous anos de intensísima campaña, imaxes que moito mirábamos con interese e entusiasmo.

Escocia deixou, durante dous anos de intensísima campaña, imaxes que moito mirábamos con interese e entusiasmo. A celebración do referendo de independencia do 18 de setembro de 2014 foi o espertar dun pobo adormecido que comezou a informarse, a moverse e a implicarse para decidir o seu presente e futuro. Aqueles que auguraba aburrimento despois do referendo erraron na predición.

Dende o 19 de setembro de 2014, Escocia continuou con paso firme un proceso que xa non ten volta atrás. O debate segue vivo. En tan só 12 meses, publicáronse 24 enquisas sobre independencia. Todas e cada unha delas amosou un crecente incremento a prol do YES.

“Ás 5 da tarde, hai hoxe un ano, tiñamos 25.642 membros. Hoxe a nosa militancia sitúase en 112.208”, informaba a líder do SNP, Nicola Sturgeon, no seu discurso de aniversario do referendo. Todos os partidos políticos integrados na plataforma Yes Scotland, viron multiplicado por tres e catro o seu número de militantes. Baixo o liderado de Nicola Sturgeon acadáronse 56 deputados en Westminster nas últimas eleccións xerais. “Vota coa cabeza nas Xerais, Vota co corazón nas autonómicas”, rezaba un coñecido cartel do movemento independentista. Escocia é agora unha sociedade comprometida que non quere perder o vibrante poder de participación activa e de toma de decisións.

“Ás 5 da tarde, hai hoxe un ano, tiñamos 25.642 membros. Hoxe a nosa militancia sitúase en 112.208”, informaba a líder do SNP, Nicola Sturgeon, no seu discurso de aniversario do referendo

Unha das lecturas que podemos sacar de #indyref é que o importante non é gañar a partida, senón como gañar a partida. Aínda na memoria, e inesquecibles, as presións dos últimos días, os xogos suxos, as filtracións, e por último, as desesperadas ofertas de última hora, transmitidas repetidamente pola BBC e o prensa tradicional, que foron presentadas e avaladas pola voz do ex-presidente laborista Gordon Brown.

The Vow pasou a ser unha lista diluída de recomendacións recollidas na “Smith Commission” e posteriormente o presente proxecto de Lei para Escocia, o chamado “Scotland Bill”. Só 1 de cada 10 escoceses cren que o Goberno británico cumpriu as súas promesas. O propio Gordon Brown valoraba como insuficientes as novas competencias que o novo Proxecto de Lei ofrece a Escocia.

Non é casual pois que o voceiro do SNP en Westminster, Angus Robertson, instase a Cameron a dar unha resposta na Cámara dos Comúns: “Por segunda vez, podo preguntar ao Sr. Primeiro Ministro cando entregará por completo o prometido ao pobo de Escocia?”. Logo de moito rumores, impaciencias e preocupacións dos sectores independentistas, Nicola Sturgeon anunciaba, en entrevista en exclusiva para o Sunday Herald, que o SNP levarían no seu programa electoral as circunstancias claves para a realización dun posible segundo referendo.

Das súas declaracións conclúese:

Primeiro: aínda que o nivel de apoio ao SI, medrou na campaña do 30 ao 45% do voto, o Yes Scotland non foi o capaz de convencer o suficiente número de xente en Escocia e o resultado das urnas debe ser respectado.

Segundo: segundo enquisas, un 10-15% dos escoceses terían decidido o seu voto, cara un NON, movidos polas promesas de mais autonomía para Escocia do “Vow” unionista (o mais parecido a federalismo, segundo Gordon Brown). Se o solemne voto non se cumpre e non se devolven os poderes prometidos, significará que haberá razóns máis que suficientes para convocar outro referendo.

Terceiro: hai varios escenarios que tamén provocarían unha segunda consulta. Se Westminster decide a renovación dos submarinos nucleares (Trident) en contra da decisión maioritaria dos escoceses. Tamén o resultado do referendo sobre a UE, de darse o caso de Escocia votar a favor da permanencia na UE, e o resto de Reino Unido en contra, xa que Escocia é partidaria da permanencia na UE. 

"A opinión xeral é que Jeremy Corbyn é moi necesario en Inglaterra, pero en Escocia o laborismo está acabado e o seu lugar retomado por partidos anti-austeridade que aspiran a ver a Escocia libre e soberana"

Hai, sen embargo, condicións sine qua non para realizar a convocatoria dese novo plebiscito. Sería preciso que algún partido aspirante a gobernar Escocia o inclúa no seu programa electoral e que dito programa sexa referendado polo pobo cunha maioría suficiente para aprobalo no Parlamento escocés (tal e como aconteceu en 2011). En ningún caso se valoraría unha declaración unilateral de independencia. 

No mes de outubro, na Conferencia Anual do Scottish National Party, Nicola Sturgeon descubrirá con detalle o programa electoral para as elección de maio de 2016, que será elaborado por Stewart Hosie, e que terá as devanditas claves de #indyref2. Apoios non lle van faltar. O Partido Verde e unha nova Plataforma RISE, (unión do SSP e Radical Indy) tamén anunciaron o seu compromiso ineludible cun segundo referendo. Hai voces que chaman a facer primeiro unha reflexión sobre o que fallou na campaña do Yes Scotland (debates sobre divisa, monarquía, OTAN, etc...). Todos coinciden en que deben ter a seguridade da vitoria do YES nesa ocasión, non poden fallar; todos os esforzos e implicación de todas as organizacións nacionais e internacionais serán necesarios.

Neste ano vimos nacer o The National un xornal pro independentista que nos deixa cada día maxistrais portadas e cobertura informativa. Un segundo referendo xa non vai ser o mesmo a nivel informativo; as webs e blogs alternativos e as redes sociais continúan coa súa actividade, centrada agora en seren observadores dos erros do Goberno de Cameron, e das incongruencias dos laboristas escoceses, aos que non se lles perdoa a súa posición contra a independencia. A opinión xeral é que Jeremy Corbyn é moi necesario en Inglaterra, pero en Escocia o laborismo está acabado e o seu lugar retomado por partidos anti-austeridade que aspiran a ver a Escocia libre e soberana. A independencia escocesa é inevitable; a consecución dunha Escocia independente é, simplemente, unha cuestión de tempo.

Comentarios