Opinión

Un verán contraditorio

Escribir nunha tribuna as opinións que poidamos ter algúns e algunhas cárganos de responsabilidade, pois, o panorama político deste verán é dunha parte desolador tanto a niveis internacionais como a niveis locais, como doutra esperanzador.

A nivel internacional temos o protagonismo dun imperialismo serodio, mais perigosísimo, desde as provocacións duns EEUU a China, até a disputa do protagonismo global cunha Rusia que pretende a reconstrución do seu poder imperial e a existencia dunha UE débil, apéndice da política colonizadora dos EEUU. Como desoladora tamén é a política a niveis do Estado Español co protagonismo dun candidato Núñez Feixoo que se ve presidente, a quen os medios presentan como moderado e prudente cando, na nosa terra, foi activo representante do sectarismo e dereita radical na súa política. Nunca dialogou coa oposición, diálogo que el reclama constantemente a Sánchez, nunca acordou ningunha medida política nin co BNG, nin co PSOE. Impuxo unha privatización sen máscara nos servizos sociais. Na medicina, as axudas públicas á sanidade privada medraron un 20% desde que Feixoo goberna a Xunta, chegando no exercicio do 2020 aos 200 millóns de euros. No ensino público actúa recortando persoal e pechando centros, mentres aproban a Universidade privada da Banca, incumprindo a normativa de creación de novos centros, pois, repite titulacións xa existentes nas universidades públicas ignorando a obriga do ensino en galego. Apoia as residencias privadas e recorta as axudas aos mais necesitados socialmente. Mantén un combate constante contra a normalización da lingua galega, utilizando falsamente termos como "pluralismo lingüístico" co Decreto de plurilingüismo da Xunta que incumpre a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias asinada por España.

Unha mostra da súa inmoralidade política son as opinións recentes, por exemplo, ao referirse á "nacionalidade catalá", en Catalunya, para gañar adeptos coa súa "defensa" das identidades territoriais e cambiar, fóra de Catalunya e as poucas semanas, para acusar o goberno catalán de facer "un procés lingüístico" e un "apartheid lingüístico" ao non cumprir a sentencia do 25% do catalán nos centros educativos. Un político que se ve presidente do Estado e que non dubida en "banalizar o mal"*. Non importan as consecuencias dos actos, importa debilitar o adversario e conquistar os descontentos para chegar así ao control e mantemento do poder. 

Tócanos a nós, galegos e galegas, obrigar o capitalismo salvaxe á consideración da nosa nación

Mais, por outra banda, no verán a Galiza é unha terra que mostra todo o seu potencial creativo no mundo cultural. É verdadeiramente sorprendente a riqueza creativa dos numerosos grupos e xentes que manteñen e recrean as nosas tradicións musicais e culturais. Somos unha nación rica en xentes que saben emprender, que saben conservar, que saben recrear. Fállanos a toma de conciencia como pobo libre, como pobo soberano, que posúe medios de vida no mar, no campo, no emprendemento e creación industrial, na investigación. Somos un país rico en enerxía limpa que non se beneficia disto e que serve só para enriquecemento doutros. O 88% da eólica galega está en mans de grupos multinacionais estranxeiros. Necesitamos controlar os nosos recursos para que non veñan de fóra roubar e colonizar novamente o mar, os montes, a terra. Agora tocan "os muíños" en calquera lugar, mar ou terra, onde mais produzan ao capital sen respectar os bens naturais e o modo de vida propia da Galiza. Tócanos a nós, galegos e galegas, obrigar o capitalismo salvaxe á consideración da nosa nación. Ese amor e coidado, esa forza popular demostrada no cultivo das nosas músicas, das nosas tradicións, témola que exercer na defensa do noso territorio, do noso mar, da nosa lingua, da nosa cultura. De tal maneira que, unha vez máis, a unión e a teimosía dun pobo na defensa da súa vida colectiva, da súa identidade como pobo reverta o que semella ser un camiño cara a súa destrución. 

*Banalizar el mal é a expresión utilizada por Hannah Arendt para referirse aos políticos nazis que na súa defensa argumentaban ser bos cidadáns por cumprir a lei nazi mais alá das consecuencias políticas, da súa obediencia a leis perversas. Eran os bos burócratas inmorais.

Comentarios