Opinión

SOS no mar

"Non existen Estatutos (de Autonomía) progresistas, porque non cuestionan as relacións de dependencia nin a soberanía exercida polo Estado imperialista".
Bautista Álvarez, xullo 1978, A Nosa Terra

O problema do colonialismo secular económico, cultural, político que soportou Galiza segue no día de hoxe con probas moi esclarecedoras de que unha descentralización político-administrativa non resolve, senón que agrava a situación da nosa terra. 

Estas afirmacións parecen vitalistas e fóra de lugar, mais, a realidade vén mostrarnos a súa corrección, pois non podemos explicar nin xustificar a situación de emerxencia na que vive Galiza con unha terra fecunda, un mar rico, enerxías limpas e cunhas xentes emprendedoras e capaces de traballala e transformala en riqueza útil para tres millóns de persoas. 

O 21 de decembro de 1980 ten lugar o referendo do Estatuto de Autonomía. O Estatuto de Autonomía foi unha mostra irrefutábel da falla de implicación do pobo galego. Foi aprobado por un 20,80% dos votantes da Galiza. De un total de 2,173.629 votantes acudiron a emitir o voto 612.528, un 28,17%. A abstención alcanzou o 71,82%. Dos votantes, 452.230 votaron si, é dicir un 73,31%. Mais, dos votos emitidos o 19,82% foron negativos, 4,65% foron votos en branco e 2,19% votos nulos. De tal maneira que con un 20,80% de voto afirmativo este Estatuto quedou aprobado. O BN-PG (UPG e AN-PG) e o PSG defenderon o non porque consideraron que o marco político que ofrecía o "estado das autonomías" era de dependencia e sometemento a un estado controlador da reforma política e non ruptura, e porén a posibilidade dun recoñecemento da soberanía dos pobos da península ibérica non era posíbel. O "estado das autonomías" consolida o centralismo e, no noso caso, o imperialismo do Estado español. O marco político imposto desde a CE 78 concretouse no Estatuto de Autonomía no T. VIII, e nos artigos 148 e 149 conságranse os límites e capacidades do goberno das autonomías. Para o mar, no noso caso, temos control sobre os portos deportivos e non sobre os da actividade pesqueira. A incorporación do Estado en 1986 ao Mercado Común Europeo supuxo de forma definitiva a ruína de sectores produtivos da Galiza que tiñan un desenvolvemento importante. A reconversión na construción naval supuxo para as cidades de Vigo e Ferrol a perda de moitos postos de traballo especializados. A ría de Vigo, por exemplo, era mostra dunha economía integrada ligada a actividades necesarias para a industria do mar, do peixe. Existían diversas conserveiras, estaleiros de pequenos veleiros até grandes embarcacións, actividades que procuran riqueza e que se viron desmanteladas.

A fortaleza da industria pesqueira foi quen de superar algún destes perigos. Mais, hoxe temos novas e diferentes ameazas para o noso mundo mariño, o impacto da eólica mariña é descoñecido. Como é posíbel, di Marta García*, que na elaboración dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) cos que pretende planificar o espazo mariño o Ministerio de Transición Ecolóxica non considere como actividade prioritaria do medio mariño a pesca? Moi mal polo goberno PSOE-Podemos e moi mal polos políticos do PP. Galiza, como primeira potencia pesqueira de Europa, ve perigar unha economía principalísima que depende da industria da pesca, aí temos lonxas, frigoríficos, estaleiros, asesores, transportistas, toda unha economía interdependente. Os políticos do PP que no ano 2016 gobernaban no Estado e na Xunta de Galiza ademais de ter representación na Unión Europea, como non souberon da elaboración e, mais tarde, da aprobación pola Comisión Europea de Bruxelas das zonas de prohibición da pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico entre Irlanda e Cádiz a partir dos 400 metros de profundidade? Que facían, onde estaban que non viron as consecuencias terribles para Galiza? Agora, as multinacionais da enerxía pretenden montar "parques eólicos mariños" de gran extensión cando os teóricos e investigadores están a alertar da falta de coñecemento real sobre o impacto que poden ter estas instalacións en zonas de alta intensidade pesqueira. Parques como os proxectados para San Cibrao, San Brandán e Nordés que equivalerían até 800 campos de fútbol en caladoiros tan ricos e importantes como as da costa de Ortegal. Curiosamente as zonas nas que recentemente Bruxelas prohibiu a pesca de fondo. O boom eólico do mar pon en perigo o mar e a pesca. 

Cómpre exixir dos representantes políticos as medidas precisas para lexislar a protección do mar e da pesca.

Compañeiras/compañeiros cómpre arranxar estes problemas.

*Marta García é coordinadora do grupo de investigación Dereito Público Global - Observatorio Litoral da UDC. 

Comentarios