Opinión

É sagrada a constitución de 1978? A propósito do tribunal de contas

A Constitución española (CE) do 78 foi elaborada por sete varóns magníficos e sometida a ratificación, logo de ser aprobada polas Cortes, o 6 de decembro de 1978. Foi aprobada polo 91,81% dos e das votantes, que representaban o 58,97% do censo electoral. Mais, Galiza non aprobou a CE do 78, pois, a abstención alcanzou practicamente o 50%. O voto negativo representado pola UPG e AN-PG (BN-PG) foi do 6% dos/as votantes. Votamos non a unha constitución de monarquía parlamentaria, españolista e de economía de libre mercado. A ratificación da CE foi para nós o referendo que debía supoñer a votación do Estatuto de Autonomía, que confirmou a abstención do pobo galego chegando até o 71,82%.

Do 28,17% que acudiu as urnas, só un 20,80% foron votos afirmativos, houbo 19,75 negativos e brancos 4,62, nulos 2,25%. Curiosamente entre os partidos que aprobaron a CE do 78 nas Cortes estaba AP, presidido por Fraga Iribarne, deste partido 8 votaron a favor, 5 en contra e 3 abstivéronse. AP refundouse no Partido Popular. O PP autotitúlase constitucionalista e defensor da CE do 78 como se fose un texto sagrado, inamovíbel. Pero eles ,non obstante, incumpren as propias normas da Carta Magna, por exemplo impedindo a renovación de órganos tan importantes como o Consello Xeral do Poder Xudicial, bloqueando o Poder Xudicial, o Tribunal Constitucional e agora vemos a mesma actuación co outro órgano administrativo o Tribunal de Contas. Institucións aliñadas totalmente ca estratexia do PP. O CXPX ten cumprido hai dous anos e medio o seu mandato constitucional sen ser renovado. Comprobamos que outra vez non están dispostos no PP a renovar as e os conselleiras do Tribunal de Contas cuxo mandato de nove anos termina o 23 de xullo. Este órgano está controlado totalmente polo PP. É un órgano de control económico e como sempre “quen controla os controladores?”.

Está composto por 12 conselleiros e conselleiras, 7 do PP, 4 do PSOE (un do PSOE abandonou). A exministra do PP Margarita Mariscal de Gante ditará sentencia sobre o expediente de sanción de 54 millóns de E a 40 exdirixentes e altos cargos da Generalitat. Como nas altas institucións a composición é designación das Cortes Xerais, non elección, 6 do Congreso e 6 do Senado con unha votación dos tres quintos de cada unha das cámaras, é dicir, 210 escanos. Obrigado o pacto PSOE-PP para sé renovar! Viva o bipartidismo. Aznar nomea a Mariscal de Gante, o seu irmán Manuel e a Algarra, despois de ser fiscalizado por gastar 2.3 millóns de E en promocionarse persoalmente no ano 2010, sen éxito, para medalla de ouro do Congreso dos EEUU. No 2011 o Tribunal de Contas arquiva a causa e Aznar coloca os seus amigos e amigas e irmán, gobernando Rajoy e aí continúan. É un organismo fiscalizador que na práctica é outra “porta xiratoria” do PP con altos salarios, coche oficial, chofer… e discreción. O PP leva colocando presidentes desde 1994, 24 anos, aínda sen ter o goberno do Estado. Agora ten a misión de condenar por causas relacionadas co “procés” reclamando de momento 10 millóns de E polo Referendum do 1-O e pola promoción internacional da secesión. A responsábel destes expedientes é a exministra de Aznar Mariscal de Gante. Novamente van a ser transgresores da CE non para transformala nun pacto federal ou confederal senón para beneficio deles mesmos xudicializando a política. 

Comentarios