Opinión

Porque a historia é importante

O fin da vía ao socialismo en Chile o 11 de setembro de 1973 supuxo para a esquerda a perda da esperanza nunha vía democrática pacífica para chegar ao socialismo. O golpe militar das Forzas Armadas chilenas, apoiadas pola dereita e a democracia cristiá, alentadas e asistidas pola CIA e os EEUU, gobernados por Nixon e Kissinger, deixou un panorama político desesperanzado, ben debuxado para a esquerda.

O retorno da esperanza ven representado pola 'Revolução dos cravos', o 25 de abril de 1974 en Portugal. A Revolução contra a guerra colonial e a opresión fascista de Oliveira Salazar e Marcelo Caetano fai renacer a confianza e optimismo no pobo. É o movemento popular-militar, pacífico, que derrota o réxime ditatorial de Salazar. O sinal da rebelión dos capitáns de Abril é unha canción "Grândola, vila morena, terra da fraternidade, o pobo é quen mais ordena dentro de ti, oh cidade"… E hai outro símbolo: unha imaxe, un cesto de caraveis vermellos portado por unha camareira e costureira, Celeste Caeiro, que ás nove da mañá do 25 de abril na Praza do Rossio, en Lisboa, entrega a un soldado, en troco dun cigarro, un caravel vermello que este coloca no fociño do rifle. Sinal do pacifismo. Otelo Saraiva de Carvalho e Fernando Salgueiro coordinaron o movemento en Lisboa.

Son os portugueses do Partido Comunista e do Movimento Democrático quen acollen e protexen os compañeiros e compañeiras que teñen que fuxir da Galiza

Na Galiza, a 'Revolução dos cravos' foi un importantísimo acontecemento que marcou as nosas vidas. Pilar García Negro lembrábanos, a propósito do 25 de abril do 74 que "a intercomunicación galego-portuguesa era máis intensa e informada do que hoxe", e engadía "ao menos esa é a impresión que eu teño". Concordo coa nosa escritora. E como a historia ilumina e máis ensina, en moitas ocasións, vou contar unha experiencia da nosa historia.

As e os militantes nacionalistas galegos dos decenios 70/80, entre os que estamos Vicente Vázquez mais eu, sabemos ben da irmandade e solidariedade galego-portuguesa. As relacións da UPG e LUAR (Liga de Unidade e Acção Revolucionária) así como do PCP (Partido Comunista Portugués) viñan de tempo atrás e deron mostras sinceras da camaradería tanto o secretario xeral do PCP, Álvaro Cunhal, como Otelo Saraiva, entre outros.

A represión da ditadura franquista contra o nacionalismo de esquerdas foi durísima, a caída e asasinato de Moncho Reboiras o 12 de agosto de 1975, en Ferrol, desencadea unha forte represión contra todo o que representa o nacionalismo de esquerdas da UPG.

Son os portugueses, o PCP e o MDP (Movimento Democrático Portugués), principalmente, quen acollen e protexen os compañeiros e compañeiras que teñen que fuxir da Galiza. AN-PG créase en 1975, en abril do 76 ten o I Pleno como organización frentista, interclasista e nacionalista de esquerdas cun programa rupturista, recollido nas Bases Constitucionais para un Pacto Federal. AN-PG  tivo unha relación estreita e fraternal con MDP, despois da Revolução dos cravos de 1974. Recordo a asistencia ao  Congreso de 1976 en Lisboa. Como representantes da AN-PG estabamos entre as delegación mundiais de todas as organizacións socialistas, desde Cuba até a China. Alí cantamos o himno da AN-PG que fixeran Antón Seoane, Rodrigo Romaní e Pilocha. A colaboración e irmandade entre galegos e portugueses era tanto política como cultural. Recórdanos Antón Seoane no seu libro De Voces Ceibes a Milladoiro a presencia e influencia de Jose Mª Branco, José Afonso-Zeca, Luis Cilia, Fausto...

A historia importa porque axuda a coñecer e comprender a existencia dunha Galiza vinculada a Portugal. Historia ocultada e deformada primeiro por intereses casteláns e posteriormente españois.

Portugal e parte de nós.

Portugal e Galiza só poden ser irmáns.

Comentarios