Opinión

Perigo: o medo e a fartura da política fan medrar os fascismos

O medo, causado por unha situación incerta, mais o desafecto á política alimentan o desexo dun poder forte que “nos protexa” da inseguridade e xeran políticas fascistas. Vivimos nuns tempos nos que os partidos, fundamentalmente os das dereitas, PP, CS e VOX, para resolver problemas políticos acoden á Xustiza. Problemas políticos que en moitas ocasións son temas insignificantes, que non preocupan, como a asistencia do rei ao nomeamento dos novos xuíces en Cataluña. A xudicialización da vida política e social polas dereitas, principalmente, é signo de que probabelmente resolveran ao seu favor. As sentenzas das institucións superiores do Poder Xudicial son, frecuentemente, cuestionábeis. A perda de confianza na Xustiza é cada día maior e algunha sentenza pode producir alarma social. Para que a sociedade viva en paz, en teoría, hai tres poderes que deben controlarse mutuamente: o executivo, o lexislativo e o xudicial, no que deben aplicar as leis, facer xustiza resolvendo pacificamente os conflitos sociais. A CE no art. 117.1 sostén que xuíces e maxistrados “son independentes, inamovíbeis, responsábeis e sometidos unicamente ao imperio da lei”. Mais a independencia do Poder Xudicial é discutíbel pola intromisión do poder político. Un problema é o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Este é un órgano político-xudicial con 20 vocais e un presidente, 10 nomeados polo Congreso e 10 polo Senado, segundo a cota dos partidos e 3/5 partes dos votantes, ademais dun Presidente pactado, que tamén o é do Tribunal Superior de Xustiza. Así sucede que un presidente, Carlos Lesmes, con mandato caducado, vai para dous anos, continúe repartindo Salas e cargos na Administración da Xustiza, máis de 50 cargos e 13 maxistrados do TSX até que se xubilen (El Pais).Se non estivesen tan interesados na política, Lesmes e os vocais do CXPX que xa fixeron os cinco anos de mandato constitucional dimitirían. Pero a dimisión non forma parte da ética pública, da ética da responsabilidade dos que teñen poder. Vemos a condena durísima, no caso catalán, da desobediencia política. Confúndese (?) unha desobediencia administrativa de Torra coa desobediencia xudicial (J. Pérez Royo) para cesalo como presidente do Parlamento Catalán. Encáusanse doce independentistas galegos de Causa Galiza e Ceivar na Audencia Nacional por “pertenza a banda criminosa” e “enaltecemento do terrorismo”. Acúsanse de terrorismo, na operación Jaro, confundindo disidencia e actividades pacíficas con terrorismo (Esculca). Pola contra, sorprende a absolución dos 34 acusados de estafa e falsidade contábel do caso Bankia, o ex presidente da entidade e ex director xerente do FMI, Rodrigo Rato, por contar coa aprobación do Banco de España, CNMV, FROB e EBA. Asistimos á corrupción demostrada no Gurtel do PP. Asistimos escandalizados á utilización dos fondos reservados do Estado por unha trama do PP para tapar a súa propia corrupción.

A democracia pervértese por estas falsas polémicas onde un Presidente do CXPX e Presidente do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes, utiliza a comunicación telefónica privada do Rei, Felipe VI, “me gustaría haber estado…”, para alimentar un aparente problema, apoiando as dereitas fronta a un Goberno lexítimo e legal. Unha oposición que por non perder o control real de institucións do Estado, tales como Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Constitucional, Tribunal de Contas e Defensor do Pobo, bloquea a renovación. E ten que ser Bruxelas, a Comisión Europea, quen reclame a España “a renovación urxente do Poder Xudicial e cuestione a independencia da Fiscalía Xeral”. Isto si que é ir contra da Constitución. Estes comportamentos nos que os partidos políticos e o Poder Xudicial se implican e fomentan unha imaxe permanente de falsos problemas fronte a situacións de auténtica transcendencia, como o son a supervivencia vital e a saúde, corroen a confianza da cidadanía nas institucións e conducen a unha perigosa animosidade contra a participación democrática e como revulsivo favorecen o apoio ás formacións incluso fascistas.

O medo é o instrumento máis importante de control social e, quen controla os controladores?

Comentarios