Opinión

Os cimentos do BNG

Teño moitos anos e sempre vivín e mais estiven politicamente no nacionalismo galego. Por iso dou grazas publicamente á Fundación Galiza Sempre polo recoñecemento do labor e traballo dos últimos 40 anos da organización política BNG. Mais, nesta celebración dos 40 anos ao servizo de Galiza, queremos recordar aos compañeiros e compañeiras, patriotas galegos, que ao longo dos 20 anos anteriores a estes 40 (1982- 2022) loitaron e traballaron duramente con unha entrega e xenerosidade sen límite. Sen o seu traballo non habería BNG.

Eles e elas construíron bases sólidas, ideolóxicas e organizativas, que deron lugar ao BNG. Non podemos esquecer as e os camaradas da UPG, fundada nos anos 60, porque foron quen de crear o Movemento Nacional Popular Galego, integrado por frontes sindicais de obreiros, traballadores, labregos, mariñeiros; por unha fronte cultural na que, desde a realidade galega, se deron alternativas e se concienciou o pobo. Así naceu a fronte política patriótica apartidaria: AN-PG, con principios fundacionais básicos.

Galiza é unha nación soberana que ten que autodeterminarse e ademais é antimperialista. A década dos 70 foi dun activismo do nacionalismo de esquerdas excepcional. Frutificou na creación dos Comités de Axuda á Loita Labrega, logo Comisións Labregas, que levaron a loita contra a "cota empresarial agraria" e as condicións inxustas de traballo e comercialización dos produtos do campo, convocando as maiores mobilizacións do tempo actual no agro. Frutifica nos xermes sindicais, na industria, no ensino, na medicina, na banca. Aparecen o SOG, UTEG, UTBG, UTSG. Todos unidos na Intersindical Galega, antecedente da actual CIG. Unha organización estudantil ERGA, incansábeis traballadores pola patria galega. Unha fronte cultural cuxa organización a través das asociacións culturais favoreceu e entendeu a súa presenza por todo o país espertando e creando conciencia galega a través non só de conferencias e encontros culturais senón tamén da música. Nace o Movemento Popular da Canción Galega con músicos da altura de Antón Seoane, Rodrigo Romaní, Agustín Maroñas, Ferreirós, Casal, Emilio Cao. Milladoiro, que investiga e entronca a música galega co mundo atlántico. Fuxan os Ventos, recollendo a nosa tradición. Xorden grupos de teatro e de pintura como a Estampa Popular Galega, até o ilusionismo no que o Mago Antón e o seu boneco Farruco denunciaban as inxustizas contra o pobo galego.

Un fito político moi relevante foi en agosto de 1975 a fundación da AN-PG, que coordina e integra politicamente todas estas organizacións de base popular. En xaneiro de 1976 preséntase o Consello de Forzas Políticas Galegas. En abril do mesmo ano publícase un programa político recollido nas 'Bases Constitucionais para participar a Nación Galega nun Pacto Federal'. Logo da morte de Franco debería iniciarse un proceso constituínte. Nós estabamos pola ruptura democrática fronte ás forzas políticas españolistas que conformaron a 'Mesa Democrática de Galicia', partidarias dunha autonomía. Nas Bases Constitucionais contemplábase instaurar un goberno provisorio con poder político até o proceso constituínte. O poder federal tería competencias nas relacións exteriores, en defensa, na posta en común das políticas económicas e fiscais, crearía normas xurídicas para a administración federal na lexislación penal, na política monetaria e arancelaria. Este proceso constituínte non tivo lugar, as forzas partidarias españolas asumiron a reforma proposta pola Constitución de 1978. O BN-PG foi a coalición electoral formada pola UPG e AN-PG. Roto o Consello de Forzas Políticas Galegas e participando como coalición electoral, o BN-PG, nas primeiras convocatorias, alcanza o 5,86% do voto censado e Unidade Galega (PG, PSG e POG) obtén un 5,51%.

A necesidade dunha maior implicación na política institucional para avanzar política e socialmente o nacionalismo na Galiza levou a articular unha nova alternativa política protagonizada de novo por UPG que sumou ao PSG e independentes, organizados moitos deles na AN-PG, organización que contribuíu desta maneira aos seus fins, entregando o seu capital político á nova organización política xurdida o 25 e 26 de setembro de 1982 na Coruña, en Riazor, e cuxo 40 aniversario vimos de celebrar estes días.

Comentarios