Opinión

A nova “corte dos milagres”

La Corte de los Milagros é unha obra escrita por Valle Inclán, retrato crítico demoledor da sociedade cortesá madrileña dos Borbóns nos reinados de Fernando VII e Isabel II, a finais do século XIX.

A obscena rebelión dun barrio madrileño onde vive o 1% máis rico do Estado español, con familias como Milán del Bosh, Armada, Queipo de Llano... (El País, 17 maio, 16), manifesta o temor dos que se chaman “elites extractivas”, aquelas que non miran polo ben común e defenden exclusivamente o propio benestar e o do seu grupo (El País,17 maio, 9). Madrid representa hoxe unha macrosociedade artificial, creada despoboando outras vilas e cidades, contribuíndo a realizar o que se deu en chamar “España baleirada”, favorecendo a existencia dun “paraíso fiscal” para as grandes fortunas , vampirizando coa baixada de impostos as sedes fiscais de empresas que trasladan a Madrid as entidades sociais cando explotan as riquezas doutros lugares (caso Galiza e as empresas enerxéticas). En fronte, as miles de persoas necesitadas dos barrios periféricos que fan as colas da fame. Constrúese así unha nova “corte dos milagres”. Mais “O meu país non é iso”, titulaba Suso del Toro o seu artigo en Nós a respecto da visión distorsionada que se dá da Galiza cando se entrevista un “narco” relacionado con quen preside a Xunta de Galiza (Nós, 16 maio, 11). Nesta situación de emerxencia sanitaria queda patente a dependencia dun españolismo imperialista que rouba a nosa riqueza, destrúe as nosas industrias, vende a nosa banca, favorecendo a emigración de mozos e mozas que deben buscar a vida fóra, deixando sen futuro o noso país. Esta é a situación na que un presidente como Feixoo, que simula estar fóra da “corte dos milagres”, se retratase como parte dela. Debemos denunciar a súa auténtica política sanitaria que o entroniza na práctica da Corte madrileña. O estudo de Xosé Dios Diz, médico de Atención Primaria e portavoz da Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Compostela, di “a Consellaría de Sanidade eliminou 1.325 prazas de traballadores da sanidade pública e 970 camas desde o 2009. Nos 10 últimos anos o investimento sanitario non superou 9% do PIB, reduciuse en 18% nos últimos 10 anos. Mais o gasto na privada aumento en 10% entre 2017 e 2018, pasando de 199 millóns de euros a 217 millóns”(X. Ferreiro, Nós, 28 de Abril, 7). A privatización da sanidade vai en aumento, desde a promulgación da Lei de garantías sanitarias legalízase a deriva á sanidade privada das persoas pendentes dunha proba diagnóstica (45 días) ou primeira consulta (60 días), resultando así a privada subvencionada. A falta de persoal na Atención Primaria favorece o colapso nos hospitais e nas urxencias. A privatización alcanza todos os ámbitos da sanidade desde a conexión do PP cos responsábeis das empresas que prestan así os servicios fundamentais. Empresas tales como Galaria, Unilabs-Capio, Netaccede, Indra... Nelas aparecen nomes como o de Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade con Feixoo. Privatizan desde a atención hospitalaria até o instrumental innovador (apropiándose das patentes da investigación pública), a xestión das historias clínicas, a receita electrónica, até programas como “Saúde en liña” (X. Ferreiro, Nós, 28) Ademais, está o negocio especulativo, indecente, das residencias públicas de anciáns xestionadas privadamente. Resultado: unha sanidade pública recortada e precaria con falta de materiais e cun número de camas hospitalarias insultante. Pois ben, nesta situación de alerta o presidente da Xunta de Galiza, Feixoo, alerta dos riscos sanitarios para xullo e agosto. Feixoo afirma que “o maior risco que temos agora mesmo en Galiza é a chegada de turistas que espero que sexan moitos este verán” (La Voz de Galicia, 22 maio ). Con esta contraditoria afirmación, Feixoo convocou as eleccións á Xunta para o 12 de xullo, coa oposición dos outros grupos políticos. Négase a blindar Galiza sen garantir a saúde pública da poboación. Este é o “cortesano” que nos goberna. Efectivamente, Suso, o noso país non é así, pero dependemos dunha delegación da nova “corte dos milagres” madrileña. Concordamos: só con forzas políticas propias sairemos desta dependencia. Adiante xa.

Comentarios