Opinión

Que nos achegou 2020?

Se nos preguntamos como foi o ano 2020 todas e todos concordamos, de entrada, que foi un mal ano. Un ano desastroso. Facer reconto do 2020 lévanos á pandemia, aos medos e sufrimento no mundo, ao desastre económico e sanitario. Por outro lado, non todo é malo, nin todo marabilloso. 2020 déixanos algunhas leccións, desde o punto de vista ético-político, que deberiamos considerar. Nada novo. Pero que en situacións críticas resultan máis evidentes. Constatamos a importancia do local. O local é global. Outro tipo de sociedade é posíbel, mais igualitaria sen este desequilibrio entre pobres e ricos. Comprobamos a dependencia do individuo da comunidade, cada un de nós é responsábel dos demais.

A necesidade dunha solidariedade maior, hai xentes moi xenerosas e humanitarias fronte a necios, ignorantes e egoístas, traballadores e traballadoras da sanidade, dos servizos, todos e todas aqueles que nos mantiveron na pandemia. Evidenciouse a necesidade dunha sanidade pública universal co apoio firme á Atención Primaria presencial, co aumento dos centros de saúde… e a obriga de finalizar coa precariedade de todo o persoal sanitario. Quedou de manifesto a importancia dun ensino público universal e obrigatorio, presencial non virtual. A importancia da ciencia. As vacinas e tratamentos contra a pandemia como bens públicos globais. É aí o apoio ao noso persoal investigador permanentemente en precario, sen contratos garantes da súa continuidade, con soldos miserentos, “bolseiros” maltratados con incerto futuro. Sen investigación básica non hai investigacións especializadas. No Estado español co Goberno de coalición PSOE-Podemos algunhas das súas promesas electorais vanse cumprindo. Aumento do salario mínimo 5,5%, 950 euros, 14 pagas. Superación da Lei Wert no ensino, un maior apoio á ensinanza pública sobre a concertada, eliminación da cualificación de lingua vehicular para o castelán. Suba das pensións, regularización da eutanasia. E outras non, como a rebaixa das peaxes da AP-9, que foron as que máis subiron do Estado. Mais, este Goberno do Estado formalmente de esquerdas, que nos deixa en Galiza? Logo das reivindicacións dos colectivos da Memoria Histórica e dun partido BNG contra o espolio visíbel dos Franco na Galiza recupérase este ano o Pazo de Meirás, para o Estado? –non, será para Galiza. A situación empeorou. É a constatación de que a dependencia –colonial– na que está fronte ao Estado é real.

Nos orzamentos do Estado para o ano 2021 redúcesenos un 11% respecto aos orzamentos de 2018 de Montoro. Para Galiza son 832 millóns de euros, os máis baixos dos últimos 15 anos cun aumento do 68% nos investimentos xerais para todo o Estado. O agravio no reparto dos fondos Covid estatais e na distribución que fai o Goberno dos fondos React-EU fronte a pandemia por non ter en conta criterios como o envellecemento da poboación e a dispersión territorial, factores propios da realidade galega, que a prexudican fronte a outros territorios (A. Mera, Nós Diario, 7 de xaneiro). Únese a este tratamento un Goberno do PP na Xunta que non defende os intereses galegos, nin no sector industrial, caso de Alcoa, nin no pesqueiro, problemas da pesca no Gran Sol co Brexit, nin do leite, nin da carne fronte a UE. A política privatizadora da Xunta de Galiza nos sectores produtivos e de servizos impide unha transformación real. Nestes momentos é necesario un cambio na industrialización, sectores como a construción, o téxtil ou a automoción non son obxectivo dos plans de transformación empresarial segundo os informes da consultora BDO. A Xunta disporá dun fondo de 30 millóns de euros xestionados por unha entidade privada.Mais outros 70 para investimentos até chegar a 300 millóns.

O problema é que a Xunta aposta por sectores pouco atractivos para as novas empresas, turismo (xacobeo), forestal (eucaliptización), automoción ou téxtil. Galiza oferta, máis necesarios desde a pandemia, calidade en sectores máis atractivos para os investidores en pesca fresca e de conservas,  agricultura, enerxías renovábeis, incluso, tecnoloxías da información e comunicación. De tal maneira que a economía galega necesitaría, máis que nunca, o apoio da investigación realizada na nosa terra e para nosa terra (P. Barro, Nós Diario, 15 de xaneiro). 

Comentarios