Opinión

Non aos imperialismos

A UE debe reconsiderar o seu papel na nova xeopolítica, pois as sancións farán máis dependente a Rusia de China, xerando un novo eixo.

Os imperios antigos colonizaban económica, cultural e politicamente os pobos que dominaban militarmente. En Europa, houbo imperio romano I, español I, portugués I, francés e inglés. Na Idade Media os teóricos cristiáns da Escola de Salamanca, entre eles Francisco de Vitoria, lexitimaron as conquistas españolas en América no S.XVI.

Vitoria afirma que o xénero humano é unha comunidade e establece o iusgentium –dereito de xentes– como dereito internacional público, é o dereito da paz, da guerra e da inviolabilidade dos pactos. "Pacta sunt servanda", os pactos deben ser respectados. É o dereito construído polos imperios para xustificar as colonizacións e desde unha visión global relixiosa regulamentan as relacións entre pobos.

A invasión de Ucraína inxustificábel e inxusta, ademais de cruel é un exemplo das guerras antigas. "Pacta sunt servanda", é o principio xurídico básico na relación entre individuos e entre pobos "os contratos deben cumprirse", é a lei entre as partes. Este principio no S.XX, despois das guerras mundiais, é articulado no dereito internacional. Acordan na Convención de Viena 1969 e na Lei de Viena en 1986, o dereito dos tratados entre Estados. En ambas convencións o artigo 26 di: "Todo tratado en vigor obriga as partes e debe ser executado por elas de boa fe". Hai que cumprir os tratados, os pactos, nos seus termos, no senso previsto e se houbera que oporse, porque hai novas circunstancias que cambian a situación, hai que pactar, acordar".

Estas normas limitan a soberanía nacional dos Estados, por iso a importancia de organizacións internacionais nas que participen todas as nacións e pobos en pé de igualdade. Sen o dereito a veto que teñen hoxe os 5 grandes no Consello de Seguridade das Nacións Unidas: China, Federación Rusa, Francia, Reino Unido e Irlanda do Norte e EE.UU. A súa función principal é manter a paz e seguridade mundial e, se fose preciso, declarar a guerra. Rusia que é o Estado principal da Federación Rusa, unha vez desmantelado o comunismo e a URSS, denuncia que EEUU rompe os acordos do Dereito Internacional na invasión de Kosovo, Iraq, Libia, Siria… Fronte a Rusia, EEUU é o outro imperio en xogo, que posúe un brazo armado: a OTAN, no que a UE fai de peón nos intereses xeopolíticos e xeoestratéxicos de Washington.

Rusia acusa a Occidente de non respectar os pactos do Protocolo de Minsk. I-II de 2014, firmados por Ucraína, Federación Rusa, República Donetsk e República de Lugansk coa intervención de Alemaña e Francia. Este pacto propón unha estrutura federal e recolle a garantía de que a OTAN non aceptará máis membros, sobre todo Ucraína e Georgia, é dicir, a non expansión da OTAN nas fronteiras de Rusia.

Con todo, o imperialismo americano, segundo informes de Wikileaks, xa no 2008 Bush fixo a temeraria oferta a Ucraína e Georgia de entrar na OTAN, non na EU, na OTAN, desprezando as advertencias de Rusia, como afirma Noam Chomsky. Hoxe o non respecto aos pactos mais un Vladimir Putin que encarna o espírito imperial da "gran Rusia", da "Rusia histórica", na que o aumento dos oligarcas únese ao seu poder político. Representan un nacionalismo colonizador, imperial, fronte aos nacionalismos antiimperialistas e descolonizadores. Todo isto provoca unha resposta inxusta, ilexítima contra pobos soberanos como Ucraína. A UE debe reconsiderar o seu papel na nova xeopolítica, pois as sancións farán máis dependente a Rusia de China, xerando un novo eixo: China- Rusia, un novo imperio.

Comentarios