Opinión

Nenos e nenas como suxeitos de dereitos

Vivimos, segundo N. Bobbio, en L'età dei diritti, o tempo dos dereitos. Nos últimos decenios do século pasado, s. XX, a especificidade dos dereitos foise plasmando en diversas declaracións, convencións e xornadas reivindicativas, por exemplo, o 20-N, Día Mundial da Infancia. A primeira Declaración de dereitos do neno é a de Xenebra de 1925. Sinala en 5 artigos o que se debe protexer. En 1959 a Asemblea Xeral da ONU aprobou a Declaración de Dereitos do Neno. 78 países súmanse a esta declaración. Non é vinculante e comprende 10 principios. Mais será a Convención sobre Dereitos do Neno de 1990 o instrumento internacional vinculante protector dos dereitos de crianzas e adolescentes (18 anos). A súa aplicación é obrigatoria para os gobernos asinantes. Precisa as responsabilidades de pais, nais e profesionais da saúde, investigadores, nenos e nenas. Ten un comité de 18 expertos. Establece que son persoas, suxeitos de dereitos. "O neno é un ser humano que debe ser capaz de desenvolverse física, mental, social, moral e espiritualmente con liberdade e dignidade". Hai 196 estados asinantes que deben render contas ao Comité.

Noticias aparecidas nas revistas "do corazón", primeiro, e noutros medios, despois, sobre "ventres de aluguer" e inseminación artificial protagonizadas por Ana Obregón, convertida en 'nai-avoa', interpélannos sobre diversas cuestións: a ilegalidade dos ventres de aluguer en España e a ilegalidade da inseminación artificial co seme dunha persoa morta hai máis de 12 meses. Porén, son os dereitos desa nena nacida o que preocupa. O sensacionalismo e o exhibicionismo programado ten consecuencias inmediatas para a persoa que os protagoniza. Consecuencias de enriquecemento económico e de intento de xustificar a moralidade da súa actuación a través da manipulación emocional. Só as desigualdades económicas e o dereito dos ricos permite usar estes medios. A liberdade duns é o sometemento e a explotación de outros.

Acudirá esta nena ao Defensor do Pobo para protexerse do acoso mediático? Poderá reclamar dereitos desde o "interese superior da infancia", o dereito á protección, o dereito á intimidade, o dereito á participación, a ser escoitada e tida en conta, o dereito a identidade...

Comentarios