Opinión

Nacionalismo fascista, nacionalismo emancipador

Na situación de emerxencia que está Galiza cunha serísima ameaza de ser novamente colonizada, non podemos ser indiferentes á destrucións xenocida dos pobos palestino e saharauí.

Na Galiza estamos a vivir un tempo perigosísimo. Constitúese o 28 de febreiro de 2021 pola Xunta de Galiza unha “Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza” para xestionar e impulsar os fondos europeos -Next Generation-, integrada por Abanca, Reganosa e Sogama. Tres empresas privadas partícipes do desastre económico que estamos a padecer. O consello de administración da citada Sociedade está integrado por nove postos dos que un é para o presidente, o señor conselleiro Conde, tres para Abanca, que comprenden a vicepresidencia, a secretaría da Sociedade e outro posto máis. Abanca, empresa froito da privatización das caixas de aforro galegas e axente descapitalizador do tecido empresarial galego, fundada por capital venezolano, patrocinadora da universidade privada que terá Galiza, niño futuro de elitismo e gobernanza económica das súas empresas. Outro posto é para Reganosa, responsabel da emisión de gases contaminantes. 

Outro dos membros do consello da Sociedade é Sogama, candidata aos fondos europeos como impulsora de proxectos de transición enerxética e economía verde. Esta Sociedade carece de participación pública, sen intervención de entidades sociais e sindicais, sen participación dos concellos galegos nin do Parlamento. É unha venta da terra ás empresas contaminantes e extractoras da nosa riqueza. Pois ben, este panorama que nos obriga a organizármonos non pode facernos esquecer que o nacionalismo fascista e imperial actuante está a esmagar as nacións sen estado que loitan pola súa supervivencia e dignidade. Estes días os medios de comunicación móstrannos o xenocidio do pobo palestino en Gaza e o xenocidio do pobo saharahuí. Son dous exemplos da inoperancia dos organismos internacionais, creados precisamente para actuar como organismos “Superpartes” nos conflitos militares e civís. É un fracaso da ONU, do Consello de Seguridade, constituído aínda hoxe por 15 membros dos que cinco son permanentes e teñen dereito de veto. 

A China, Rusia, os EEUU, Francia e Reino Unido son os cinco permanentes e con dereito de veto. Este poder dos membros permanentes permítelles tomar decisións ao seu gusto, decisións obrigatorias no seu cumprimento para os 193 membros da ONU. Palestina e o Sáhara Occidental son observadores, mais non membros, mentres non sexan países independentes, recoñecemento que depende da propia ONU. A contradición é que o obxectivo de paz e igualdade dos dereitos e en dereito, incluído o dereito de autodeterminación para os pobos colonizados, son os obxectivos nos que se funda a lexitimidade da ONU e para os que foi criada. Estes incúmprense polos intereses dos países con dereito a veto. Neste caso, vemos o apoio explícito dos EEUU, de Binden, a Israel e a Marrocos fronte aos dereitos palestinos e saharauís. 

No caso do Sáhara existe un acordo de paz en 1991 desde o Consello de Seguridade estabelecendo a “misión da ONU para o Referendo para o Sáhara Occidental”, en 1992 non se produce o referendo por discrepancias no censo con Marrocos e até hoxe agardamos. Como é posíbel que un pobo como o xudeu tan perseguido polos nazis se comporte como unha “potencia ocupante” (cualificación da ONU) matando nenos e nenas, masacrando a poboación civil e destruíndo toda infraestrutura civil: escolas, hospitais, centros de saúde, refuxios da sociedade civil. Todo o que é necesario para a vida normal cotiá? 

Será que o nazismo-fascismo practicado polos verdugos coas súas antigas vítimas é contaxioso? Será que a vítima se converte en verdugo?

Comentarios