Opinión

Máis sobre madrileñofobia

Vivín en Madrid 9 anos entre os 60-70. O Madrid desta década era diferente da macrosociedade artificial e paraíso fiscal que é hoxe, creada polas dereitas e as esquerdas da transición e da democracia formal. No Madrid dos 60 aínda tiña presenza un Madrid popular e loitador polos dereitos humanos. É verdade que xa era moi español, era a metrópole, pero con xentes moi identificadas co Madrid de “non pasarán”. Mais, nos anos da transición e democracia formal, Madrid, que xa era capital e municipio, pasou a ser provincia e autonomía e, se consideramos a súa área metropolitana, pasa de 2.177.000 habitantes nos anos 60 a 6.578.000 como provincia, e a 7.300.000 habitantes como área metropolitana. Unha macrosociedade na que o sector servizos na cidade de Madrid produce o 60% do PIB e un 88,3% cos concellos próximos. É un pozo sen fondo que xera moito “cortesán” eficiente para os intereses das elites extractivas. Pois ben, o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, é “o presidente que chegou de Madrid” (as historias de vida son importantes). Feixoo veu da man da dereita españolista do PP para eliminar os intentos do PP de Fraga nas aspiracións de autonomía fronte ao PP centralizador de Aznar ( X. Ferreiro, Nós, 16 de xuño). Feixoo encarna a política oportunista que actúa en función do que lle interesa. É o presidente de “si, non, e todo o contrario” (ibídem). Feixoo xoga cunha face moderada cando as súas políticas reais se inscriben no PP de Faes. Primeiro rachou cos acordos da política lingüística de Fraga, derrogando a lei sobre o galego e denunciando o idioma galego como lingua de imposición que nega o dereito individual de usar o castelán. É o mundo ao revés. Logo, servizos públicos como sanidade, educación, asistencia social foron recortados e, desde a falacia de liberdade de elección, promoveu  a privatización dos servizos públicos. Na situación crítica que nos tocou vivir coa Covid-19, o programa ideolóxico do PP de Feixoo quedou ao descuberto: a sanidade pública precarizada, sen materiais necesarios, unhas residencias de maiores entregadas en gran parte aos “fondos voitre”, un 44% das mortes pola Covid-19 na Galiza está relacionado con estes centros. Debemos dar grazas aos profesionais da sanidade desde persoal médico, celador, enfermeiro, auxiliar até persoal de limpeza, elas e eles son os que salvaron esta situación con sacrificios persoais. Mais esta política de dereita dura continúa, Núñez Feixoo oponse a mellorar o ensino público cas axudas destinadas á educación que veñen da UE e do Estado para este fin. Non quere reducir o número de alumnado por aula nin contratar máis persoal para este servizo público que comprende desde as Escolas Infantís até as Universidades e Centros de Investigación. A “madrileñofobia” é o termo co que pretenden xustificar o temor que causa a apertura da mobilidade. Estudos científicos do CSIC demostran que a causa inicial da expansión do virus foi a negativa a fechar Madrid (capital e sede dos grupos financeiros). É importante fronte á nova situación que os causantes do primeiro gran brote aparezan como vítimas. É aquí a “madrileñofobia”. Pero Núñez Feixoo apresurouse o día 16 de xuño a sinalar que el regalara o 21 de marzo (logo prestara) 11 ventiladores a Madrid, xesto agradecido pola presidenta Isabel Díaz Ayuso, sen saber se Galiza os necesitaba, como así foi. O 23 de marzo a equipa do hospital de referencia na área sanitaria de Vigo comunicaba a falta de protección para o persoal sanitario. Dous días máis tarde Díaz Ayuso agradecía a Feixoo o envío de ventiladores. O 28 de marzo o CHUO ten que recorrer á sanidade privada para pedir respiradores. O 13 de abril Ourense superaba a media en casos activos 382 por 100 habitantes, Madrid 230 por 100. Esta praxe de “si, pero non, non pero si” continúa cando o día 14 de xuño lle pide, como presidente da Xunta, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que limite a mobilidade das zonas con máis contaxio. Pero non aproba a ampliación do mando único que controla a mobilidade e invita, por outro lado, a que veñan a Galiza todos os turistas “madrileños” do mundo mundial.

Así, pois, madrileñofobia? Non grazas. Precaución. E si, máis Galiza e menos Madrid.

Comentarios