Opinión

A liberdade é non ter medo (1)

O medo é unha emoción primaria angustiosa provocada por un perigo real ou imaxinario. Pode ser unha resposta positiva como instrumento de supervivencia individual. Se un individuo se sente indefenso, sente medo, como reacción diante dun perigo, retírase. Mais, pode ser tamén un medo que actúe “disfuncionalmente”. Un medo provocado. Os medos provocados forman parte do mundo do poder. O seu obxectivo é moi determinado: controlar a sociedade. É a máis importante técnica de control social. Secularmente as relixións controlaron, e controlan, a humanidade, castigan a transgresión, a disidencia, converténdonos en seres indefensos fronte a un poder omnipotente, canto máis omnipotente maior control. Provocar un medo irracional fronte as inxustizas, as guerras, a corrupción, a aniquilación da especie humana, foi sempre a técnica de control social utilizada desde os diferentes poderes: relixiosos, políticos, económicos. Quen administra o medo é o poder porque hai un medo manipulador e paralizante. Necesitamos seguridades, queremos que nos protexan. Quen? O poder… Pasar da emoción individual, do medo dun individuo ao medo colectivo, depende das necesidades de control do poder ou poderes dos que dependemos. Pensemos nas campañas da dereita Norteamericana, na última de Trump, demonizando comunistas, socialistas ou simplemente liberais socializantes fronte a bandeira da liberdade representada por el. Campañas manipuladoras que utilizan o medo para triunfar. Momentos puntuais, como por exemplo unha epidemia, utilizan para impoñer medidas de control, ceder na defensa dos dereitos humanos medidas que noutras situacións non se aceptarían. A certeza de aceptarmos o pacto social lexitima o poder para impoñer as súas condicións, e a cambio recibiremos seguridade e protección. Hoxe, coa pandemia COVID-19, o medo que se infunde é o elemento central co que nos controla o poder político. Se a medida principal para conter a epidemia é “non saír de casa”, medida que non é de curación senón preventiva para mellor xestionar o problema, os medios utilizados son dunha contundencia alarmante. Sos na casa cunha información oficial e oficiosa que “dá medo”, co exército e todas as forzas policiais aplicando unha “lei mordaza” con multas importantes, é fácil que entremos na trampa e outros pensen por nós. Esta información lígase coas consecuencias económicas e políticas que nos levan a un panorama catastrófico: recesión económica, insolidariedade paralizante e sometemento a un poder centralizador que nos informa de que hai que conformarse porque “es natural” , cunha participación cada vez maior nunha ideoloxía militarista (obediencia, disciplina y objetivo vencer) unida á súa presenza física tomando o control do país. Fronte ao medo imposto é necesario organizarnos, buscar auténtica información, non nos faladoiros da tv, senón nos datos contrastados, e pensar que se ben é verdade que é preocupante este virus pola súa facilidade expansiva, ten unha mortalidade de entre o 0,7% e o 5% (20-03-2020). Convivimos con cifras de mortalidade moitísimo máis alarmantes pero descoñecidas porque non interesan ao poder. A doutora Mati Iturralde de Murguía, Áraba, afirma que en España se estiman anualmente unhas 6.000 mortes por gripe, 8.000.000 de persoas morren en Europa por contaminación e 6.000.000 de crianzas menores de 14 anos morren por fame. Na problemática do coronavirus estas cifras quedan moi lonxe. Non queremos dicir que non sexa unha pandemia importante pero si nos parece necesario chamar a unha reflexión crítica para informarnos e xestionar o medo individual e colectivo, organizándonos contra os poderes interesados. Construír a unión solidaria entre todos e todas. Coñecer os síntomas e salvo os casos que deriven en problemas graves saber que, como di a doutora Iturralde, “si hay que estar en cama una semana” é un mal que teremos que pasar. Os grupos de risco si precisan da nosa atención extrema e solidaria. O resto da poboación debe actuar con “sentidiño” que é “ese sentido común como antídoto eficaz para moitas preocupación sociais” como sostén Nemesio Barxa, e así debe ser tamén diante da COVID-19.

(1) Nina Simone

Comentarios