Opinión

Feixoo, exemplo de gatopardismo

Os textos e figuras clásicas reciben tal nome polo seu simbolismo. E axudan a comprender sucesos que parecen novos e teñen moito de vellos. Il Gattopardo é unha extraordinaria obra de Giuseppe T. di Lampedusa que relata desde a loita de G. Garibaldi pola unificación italiana ao oportunismo das clases políticas do momento. Da caduca aristocracia, por un lado, e dos aproveitados da nova clase social: da burguesía, por outro, capaz de monopolizar todo o poder político para ela recorrendo á fraude electoral baixo  aparencia democrática.  Unha  frase que  representa a falsidade política procede dos protagonistas desta obra. O sobriño do aristócrata caduco, Tancredi, que loita nas filas de Garibaldi como bo oportunista afirma "si queremos que todo siga como es, necesitamos que todo cambie"

Feixoo é un claro exemplo de que para que todo siga igual é necesario cambialo todo. Na Galiza os mandatos do señor Núñez Feixoo están protagonizados por unha política de extrema dereita, mais grazas aos medios de comunicación subvencionados e controlados por el proclámase "moderado e gran xestor". Desde o 2009, primeiro ano como presidente da Xunta de Galiza, leva unha carreira sen fin privatizando todos os servizos públicos. Emblemático é o caso da sanidade pública onde perdemos 1.056 camas fronte as que había en 2009, cando chegou a presidencia. Recortou os orzamentos da Atención Primaria de 1.436 millóns euros en 2009 a 1.389 millóns nos presupostos no 2022. O seu modelo para a construción de centros sanitarios é a fórmula público-privado cun incremento escandaloso do custo a favor da concesionaria privada, como no Álvaro Cunqueiro, que triplica os custos. Realiza escandalosas e sospeitosas operacións que benefician "amigos" e familiares, caso da súa irmá delegada de zona dunha empresa: Eulen, que recibe 37 millóns de euros en contratos de servizos dende a Xunta, ou ben, a contratación sen publicidade de material sanitario a unha empresa dos Ayuso, a quen Feixoo se apresurou en apoiar no conflito que defenestrou Casado, con nocturnidade e rapidez inusual na política, por denunciar a presunta corrupción na compra de  material sanitario para a comunidade de Madrid gobernada por Ayuso.

Outro amigo moi beneficiado é o venezolano Escotet, a quen concedeu, incluso, unha universidade privada en contra da opinión das universidades públicas galegas. Despois de ser o herdeiro da riqueza dos nosos emigrantes depositada nas caixas galegas e entregadas a Banesco -hoxe A Banca- por un prezo, en decembro do 2013, de 1.003 millóns de euros e cun beneficio un ano máis tarde de 1.157 millóns.

Gústalle Madrid "porque Madrid ama a liberdade. E por eso quero volver a vivir a Madrid". Ayuso e Feixoo son un tándem sincronizado.

Deixa unha Galiza na ruína. E non é vitalismo, os números certifícano. O desmantelamento dos nosos sectores primarios: mar, campo e a destrución da industria colocan a Galiza nunha situación de emerxencia. Unha nación rica en recursos naturais, rica até en enerxía limpa e na que a xente nova en número de 80.000 entre 2009 e 2021 ten emigrado por falta de emprego. A política lingüística, como símbolo das políticas culturais diminúe en 3 millóns de euros a respecto do ano 2021. En 2022 é de 10 millóns fronte aos 21 do ano 2009. Practica un "bilingüismo harmónico" que elimina o galego das materias científicas. As escolas son axentes desgaleguizadores. O seu apoio ao ensino privado incrementouse en 37,4% fronte ao ensino publico, que non chega ao 1% en 12 anos de mandato. Diminuíndo o número de docentes e centros públicos.

Como político do Estado ofrécese a Sánchez para os grandes pactos e para excluír os extremismos de dereita e esquerda. Núñez Feixoo defende o bipartidismo: PSOE-PP, mais acaba de firmar un pacto de goberno con Vox. Acollido no congreso do PP como líder que representa o centrismo político fronte ao goberno español escorado a esquerda.  É un caso esclarecido de "cambiar todo para que nada cambie".

Comentarios