Opinión

E falou o soberanismo

As eleccións no Estado español están sempre deseñadas e analizadas dende a perspectiva centralista e bipartidista. As municipais foron reflexo histérico da confrontación PP-PSOE, obviando o protagonismo real e constitucional de concellos e autonomías, os problemas reais da cidadanía: ensino, saúde, vivenda, medio ambiente, das eólicas colonizadoras da nosa terra. Só existiu o conflito irreal ETA-Bildu e un Goberno que dende o centro regalaba cartos para os seus votantes. Mais a realidade imponse e nun Estado plurinacional as respostas son diferentes e variadas polas condicións históricas de cada nación. Hai tres nacións históricas, nacionalidades di a Constitución, cunha evolución diferente no tempo. Dixemos: "Debe ser o pobo de Euskadi o que decida sobre os seus representantes, con moito respecto ás listas presentadas". E o pobo de Euskadi decidiu e falou moi claro EH Bildu gañou as eleccións. No só é a primeira forza nas municipais, a máis votada, senón que obtivo o maior número de votos da súa historia. Unha lección da esquerda independentista xenerosa ao españolismo cutre. 366.202 votos e 1.399 escanos entre Euskadi e Navarra. Porén Núñez Feixoo segue a mesma estratexia para as xerais e di: "Pongo mi voto para retirar a Bildu de cualquier posibilidad de gobierno". En Cataluña gañou tamén o soberanismo, mais cunha forte abstención, votou o 55,55%. Abstención asumida por Esquerra (ERC ) como unha crítica a súa actuación. Diante da convocatoria das xerais Pere Aragonés chama a formar "un frente democrático" e á "movilización" fronte a PP e VOX. Na Galiza, a resposta política foi tamén diferente a do Estado. As municipais incrementan un 30% o número de votos para o BNG. Frea a dereita, medra menos que no Estado, e VOX é marxinal. O BNG xa é unha forza política imprescindíbel para formar gobernos democráticos diante da baixada do PSdeG. Pode sumar até 37 alcaldías (19 con maioría absoluta e 18 con acordos). As eleccións deixan patente que para os partidos españois falar de maiorías non é falar das nacións periféricas.

O voto é un instrumento nas democracias para conquistar e asegurar dereitos que beneficien a cidadanía non unha arma para confrontar dende o centralismo os dous partidos PP-PSOE.

Comentarios