Opinión

A falacia das palabras de Núñez Feixoo

"España es un estado plurinacional y Cataluña es una de las nacionalidades". Estas palabras ditas por Elías Bendodo, número tres do PP e coordinador xeral do partido, produciron desconcerto e rexeitamento no PP e provocaron inmediatamente a resposta de Núñez Feixoo: "España no es un estado plurinacional". Pero o señor Feixoo na visita a Cataluña e no Cercle d´Economía afirmou que para que as empresas se recuperasen do procés "la nacionalidad Catalana debe recuperar su liderazgo". A práctica da confusión, travestismo e oportunismo político que realiza o PP lévao a esta falsa controversia no partido. O centro do problema é o termo nacionalidade, que figura no art. 2 do Título preliminar da Constitución do 78, como recoñecemento da pluralidade e singularidade social, cultural, económica e política do estado español. A cuestión é que entendemos por nacionalidade. Se é igual a nación, esta afirmación implica soberanía e dereito de autodeterminación, pero se non, así entón é unha nación non soberana, dependente de outra: España?, sen capacidade política soberana. É unha nación sen estado. Por que recoñecer a plurinacionalidade do estado causa tanto problema?

Galiza é, somos unha nación, unha formación social con territorio propio, lingua e cultura con caracteres diferenciados. Somos un pobo sen soberanía, unha nación sen estado, sen capacidade independente política, económica, cultural e administrativa. Agora ben, que Galiza é unha nación recoñéceo ata a Constitución do 78 nese art. 2 que "recoñece e garante o dereito de autonomía das nacionalidades e rexións que a integran". Coma sempre o problema é a interpretación, porque hai interpretacións restritivas e interpretacións extensivas. De tal maneira que, aínda no estado de autonomías, non é igual a capacidade que ten Euskadi ou Cataluña de planificación e desenvolvemento industrial, por exemplo, nin a capacidade fiscal fronte á situación da Galiza na que se practica unha autonomía restritiva de mínimos. O señor Fraga Iribarne afirmaba que nación e nacionalidade eran o mesmo, por iso estivo en desacordo con que figurase na Constitución. Concordo con el en que nación e nacionalidade son o mesmo, pero soubo aproveitarse dese sentir da nosa terra colonizada para gañar unhas eleccións co lema "Galego coma ti". O propio Feixoo xogou na súa concepción territorial con este sentimento nas últimas eleccións co "Galicia, Galicia, Galicia".

Con todo, o seu legado é desastroso e deixa Galiza en situación de emerxencia. O gran capital oligárquico ten un firme aliado en Feixoo. Montes e rios son enerxía limpa para explotación das empresas enerxéticas, sen beneficio para a nosa terra, negándose a unha tarifa eléctrica galega. Nada fixo contra a perda de emprego e destrución do tecido industrial. Entregou o capital da nosas de caixas de aforro, a suor de moita xente popular, a un venezolano Escotet a quen concedeu unha universidade privada ca oposición das tres universidades públicas galegas, impedindo crear unha banca pública galega. Favoreceu a privatización dos servizos públicos. A súa política cultural e lingüística caracterizouse por unha falta de apoio e incluso persecución do galego aplicando un decreto de plurilingüismo que prohibe ensinar en galego as materias técnico-científicas ou a Historia da Galiza. A política de Núñez Feixoo é dun centralismo insultante fronte á súa verborrea constitucionalista. Non dubidou en abandonar as súa responsabilidades na Galiza como presidente por marchar correndo a Madrid, autodesignándose senador, utilizando até a  representación galega no Senado, el e mais o seu correlixonario Tellado para mellor combater  a Sánchez. Formando o "tándem harmónico" con Ayuso pretende reconquistar España. As nacionalidades para el son flatus vocis, é decir, sons baleiros, palabras vanas que se utilizan segundo conveñan.

Saudamos a iniciativa do Institu d´Estudis Catalans, do Eusko Ikaskuntza e da Fundación Galiza Sempre de elaborar un protocolo sobre conflitos territoriais de soberanía en Europa que será elevado a Nacións Unidas.

Comentarios